Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Venres, 20 de novembro de 2015 Páx. 43920

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2015, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación do solo de núcleo rural de Tribás-San Martiño, no concello de Pantón (expediente PTU-LU-15/008).

O Concello de Pantón remite o expediente de aprobación definitiva da delimitación do solo de núcleo rural de Tribás-San Martiño, e solicita a súa aprobación definitiva, de acordo coa disposición adicional segunda da vixente Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Pantón carece de instrumentos de planeamento xeral e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

I.2. Tramitación do expediente de delimitación:

• Aprobación inicial (acordo da Xunta de Goberno local do 18.2.2013).

• Exposición pública (3.4.2013-3.5.2013). Anuncios no DOG, La Voz de Galicia e El Progreso do 2.4.2013. Presentouse unha alegación.

• Estimación da alegación (acordo da Xunta de Goberno local do 5.8.2013) e aprobación das novas aliñacións fixadas no referido plano 03.1.

• 1ª Aprobación provisional (acordo plenario do 24.9.2013).

• Informe favorable condicionado da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (17.9.2014).

• Informe favorable da Confederación Hidrográfica do Miño Sil (29.9.2014) de carácter.

• 2ª Aprobación provisional (acordo plenario do 29.12.2014).

• Requirimento desta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ao concello, para a emenda de deficiencias do documento (28.4.2015).

• 3ª aprobación provisional (acordo plenario do 4.6.2015).

II. Análise e consideracións.

Compróbase que se teñen emendado as deficiencias sinaladas no requirimento desta SXOTU do 28.4.2015, nomeadamente canto a:

• Achégase o documento aprobado inicialmente en febreiro de 2013, que foi sometido a exposición pública en abril de 2013.

• Exclúense do sistema viario público os peches tradicionais e gráfanse as aliñacións consolidadas.

• Determínase a altura máxima de 7 m para as edificacións e incorpóranse as condicións establecidas pola resolución da DX de Patrimonio Cultural.

• Xustifícase que a consolidación acada o 50 % para núcleos histórico-tradicionais, segundo establece o artigo 13 da LOUG.

• Corríxese a exención de fronte mínima para edificar nas parcelas, en coherencia co sinalado no artigo 29 da LOUG.

• No relativo á ocupación e edificabilidade máxima da parcela, segundo o articulado da normativa, poderíase entender que se poden sumar ocupacións e edificabilidades máximas dos diferentes usos sobre unha mesma parcela.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Tribás, parroquia de San Martiño, do concello de Pantón, con suxeición estrita ás seguintes condicións:

• Para implantar usos residenciais, industriais compatibles ou anexos, sós ou simultaneamente, a ocupación máxima será de 0,40 m2/m2 e a edificabilidade máxima de 0,50 m2/m2.

• Cando algún dos usos anteriores se simultanee co de equipamento, a ocupación máxima será de 0,80 m2/m2 e a edificabilidade máxima de 1,50 m2/m2.

2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2015

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file