Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 18 de novembro de 2015 Páx. 43499

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 164/2015, do 13 de novembro, polo que se modifica o Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

A vixente estrutura orgánica da Consellería de Facenda foi aprobada polo Decreto 101/2014, do 1 de agosto, publicado no DOG núm. 153, do 13 de agosto de 2014 (corrección de erros no DOG núm. 209, do 31 de outubro), modificado polo Decreto 20/2015, do 29 de xaneiro, de racionalización de órganos colexiados da Xunta de Galicia, e polo Decreto 72/2015, do 7 de maio.

Mediante o Decreto 116/2015, do 4 de outubro, modifícase a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 190, do 5 de outubro). Este decreto entrou en vigor o mesmo día da súa publicación e a modificación que introduce supón o incremento do número dos seus departamentos que pasan de oito a dez, xa que as competencias da anterior Consellería de Traballo e Benestar pasan á Consellería de Política Social e á Consellería de Economía, Emprego e Industria; as competencias da anterior Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pasan á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e á Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e as competencias da anterior Consellería do Medio Rural e do Mar pasan á Consellería do Medio Rural e á Consellería do Mar. Esta circunstancia incide nas previsións que, no que se refire ás intervencións delegadas, figuran na estrutura orgánica vixente da Consellería de Facenda.

Así o número 5 do artigo 18 do decreto establece que:

«5. As intervencións delegadas de todas as consellerías contarán cun Servizo de Fiscalización e Contabilidade, excepto as intervencións delegadas nas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Traballo e Benestar, e do Medio Rural e do Mar, que contarán con dous servizos.

Os/as interventores/as delegados/as poderán ser asistidos por interventores/as adxuntos/as ou habilitados/as».

Na procura da racionalidade do gasto na prestación do servizo e de coherencia na distribución dos efectivos existentes, considérase oportuno modificar este punto do referido precepto, de conformidade coa actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Por outra banda, o artigo 6.b) do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establece que quedan adscritos á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a Axencia Galega das Industrias Culturais e o ente público Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional. Non obstante, este último xa fora extinguido polo Decreto 102/2015, do 9 de xullo, e, polo tanto, procede modificar a redacción actual do citado artigo 6.b) do Decreto 129/2015.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Facenda, cos preceptivos informes favorables e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda

O número 5 do artigo 18 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, queda redactado como segue:

«5. As intervencións delegadas de todas as consellerías contarán cun Servizo de Fiscalización e Contabilidade, excepto as intervencións delegadas na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na Consellería de Economía, Emprego e Industria, que contarán con dous servizos, e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que non contará con ningún.

Os/as interventores/as delegados/as poderán ser asistidos por interventores/as adxuntos/as ou habilitados/as».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia

Suprímese o número 2 da letra b) do artigo 6 do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que queda redactada como segue:

«b) Queda adscrita a esta consellería:

A Axencia Galega das Industrias Culturais».

Disposición derradeira segunda

A estrutura orgánica que se establece neste decreto non suporá aumento de gasto.

Disposición derradeira terceira

A Consellería de Facenda proporá as modificacións que procedan na relación de postos de traballo, derivadas da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto.

Disposición derradeira cuarta

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarios para a acomodación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela, así como as que cumpran para o seu desenvolvemento e execución.

Disposición derradeira quinta

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda