Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 13 de novembro de 2015 Páx. 43043

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2015 pola que se acorda a inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras das bateas para o cultivo de moluscos bivalvos.

A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, establece, no artigo 38.1, que todas as explotacións de animais deben estar rexistradas na comunidade autónoma en que se sitúen e que os seus datos básicos deben ser incluídos nun rexistro nacional.

O Real decreto 1614/2008, do 3 de outubro, relativo os requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, así como a prevención e o control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos, establece, no seu artigo 4.1, que todas as explotacións de acuicultura deberán estar debidamente rexistradas pola autoridade competente.

En aplicación dos citados artigos, as bateas para o cultivo de moluscos bivalvos localizadas na zona marítima deben estar inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA), pola Consellería do Mar, para o que se procederá á súa envorcadura e inscrición.

En relación coa tramitación, é de aplicación o disposto nos artigos 60 e 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

En atención ao exposto, a Consellería do Mar

RESOLVE:

Primeiro. A inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras das bateas para o cultivo de moluscos bivalvos localizadas na zona marítima da Comunidade Autónoma de Galicia, que dispoñan dunha concesión de actividade en vigor na data da publicación da presente resolución.

Segundo. Unha vez inscritas as bateas, nun prazo máximo de seis meses, notificaranse ás persoas titulares os datos rexistrais, co código de identificación asignado a cada explotación e unha clave de acceso á oficina virtual da Consellería do Mar, a través da cal poderán consultar os datos rexistrais.

Terceiro. De ser o caso, os titulares das bateas deberán facilitar a esta consellería os datos que sexa necesario emendar para unha correcta inscrición no rexistro, no prazo máximo de dez (10) días desde o seguinte á notificación da súa inscrición.

En caso de incumprimento da obriga recollida no parágrafo anterior, será de aplicación o réxime de infraccións e sancións aplicable de acordo co establecido na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

Cuarto. Publicar no Diario Oficial de Galicia a presente resolución.

Contra esta resolución, que esgota á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo máximo dun mes ante a conselleira do Mar, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous (2) meses, contados en ambos os dous casos desde o día seguinte ao da notificación, de conformidade co establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar