Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Luns, 9 de novembro de 2015 Páx. 42576

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 5 de novembro de 2015 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal facultativo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e que se desenvolverá entre as 0.00 e as 24.00 horas dos días 10, 17 e 24 de novembro de 2015.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CESM e O’MEGA comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará o persoal facultativo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e que se desenvolverá entre as 0.00 e as 24.00 horas dos días 10, 17 e 24 de novembro de 2015.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención aos usuarios e usuarias que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Para a fixación dos servizos mínimos aténdese aos seguintes criterios reitores:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

3. Cobertura da actividade cirúrxica dos pacientes, tanto hospitalizados como ambulatorios, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente aos pacientes hospitalizados e ás altas clínicas.

5. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos pacientes hospitalizados que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, a criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables tanto dos pacientes oncolóxicos que requiran tratamento citostático como dos pacientes desprazados.

6. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes, e as que se refiren aos pacientes hospitalizados que, a criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos pacientes con neoplasias malignas.

7. Garantirase a prescrición de sangue, medicamentos e produtos sanitarios.

8. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

9. Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase, con carácter xeral, un número equivalente aos domingos ou festivos.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a Xerencia da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe figurar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será determinada pola Xerencia da EOXI e notificada ao persoal designado.

O dito persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Apróbase, para o tramo horario de mañá, o seguinte cadro de efectivos mínimos:

Área cirúrxica

Área clínica

Servizos centrais

Cirurxía Vascular

2

Alergoloxía

1

Admisión

0

Cirurxía Xeral

6

Cardioloxía

3

Análises

4

Cirurxía Pediátrica

1

Dixestivo

3

Anatomía

2

Dermatoloxía

1

Endocrinoloxía

2

Anestesia

8

Neurocirurxía

2

HADO

3

Farmacia

3

Oftalmoloxía

2

Medicina Interna

7

Hematoloxía

3

Otorrinolaringoloxía

2

Nefroloxía

2

Preventiva

1

Traumatoloxía

5

Pneumoloxía

3

Microbioloxía

1

Uroloxía

2

Neuroloxía

2

Neurofisioloxía

1

Xinecoloxía

5

Oncoloxía Médica

3

Radioloxía

7

Radiofísica

1

Rehabilitación

2

Pediatría

5

UCI

6

Psiquiatría

4

Reumatoloxía

1

USM

4

Radioterapia

1

Total

28

Total

45

Total

38

Os servizos mínimos nas quendas de tarde e noite coincidirán coas quendas de atención continuada programadas para cada día de folga. No caso de HADO, haberá como servizo mínimo unha quenda de tarde.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2015

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade