Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 5 de novembro de 2015 Páx. 42312

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2015 pola que se conceden as axudas da Orde do 26 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2015.

A Orde do 26 de xuño de 2015 (DOG do 8 de xullo) estableceu as bases e convocou, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia para 2015.

Rematada a tramitación establecida na convocatoria, de acordo co establecido no artigo 9 da orde de convocatoria, e atendendo á proposta de resolución elevada polo órgano instrutor a través da Secretaría Xeral de Universidades, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Concederlles ás universidades do Sistema universitario de Galicia as axudas que a continuación se relacionan (con indicación da persoa coordinadora da agrupación destinataria) para a creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia para o ano 2015, en réxime de concorrencia competitiva, e na contía que se indica en cada caso.

Nº de expediente

Coordinador da agrupación

Acrónimo

Univ.

2015

2016

2017

Total

AGRUP2015/02

Juan Lema Rodicio

CITA

USC

100.000 €

250.000 €

150.000 €

500.000 €

AGRUP2015/08

Carlos Hervés Beloso

ECOBAS

UVIGO

100.000 €

250.000 €

150.000 €

500.000 €

AGRUP2015/11

Carlos Salgado López

AEFIS

USC

100.000 €

250.000 €

150.000 €

500.000 €

AGRUP2015/05

Jaime Rodríguez González

CICA-INIBIC

UDC

100.000 €

250.000 €

150.000 €

500.000 €

Segundo. As solicitudes non incluídas na resolución de concesión entenderanse denegadas ou desestimadas.

Terceiro. A subvención será librada á universidade solicitante á cal pertenza a agrupación de investigación, conforme a resolución de concesión e de acordo coa normativa vixente.

As axudas terán como data de inicio o 1 de xaneiro de 2015 e como data límite de finalización o 30 de novembro de 2017, polo que se admitirán gastos e pagamentos dese período.

Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade beneficiaria expida, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento acompañada dunha memoria explicativa do logro dos obxectivos da creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas. Esta memoria explicativa irá asinada polo coordinador do grupo de investigación xunto cunha certificación das variacións da composición da agrupación, durante a anualidade que xustifica e un informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre os conceptos, período de realización e pagamentos dos gastos presentados nesa anualidade.

Para poder facer o pagamento da subvención, de conformidade co artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da comunidade autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social, será substituída por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Cuarto. O incumprimento por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na orde da convocatoria suporá a perda do dereito a percibir a axuda correspondente.

Quinto. Contra esta resolución que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade cos artigos 19 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria