Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Mércores, 28 de outubro de 2015 Páx. 41544

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de outubro de 2014, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Gasoduto Guitiriz-Lugo, así como das disposicións normativas contidas no dito proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de outubro de 2014, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Gasoduto Guitiriz-Lugo, promovido por Enagás, S.A.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28.7.2011, polo que se declara a incidencia supramunicipal do devandito proxecto sectorial, os planeamentos dos concellos de Guitiriz, Vilalba e Begonte (Lugo) quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

Así mesmo, de conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do devandito proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Gasoduto Guitiriz-Lugo

Cualificación urbanística do solo.

Co obxecto de evidenciar a adecuación do trazado do Gasoduto Guitiriz-Lugo ao planeamento municipal de cada un dos termos municipais afectados, relaciónase a continuación a cualificación urbanística do solo polo cal discorre o dito gasoduto.

Para isto diferenciáronse os distintos grupos de solo afectados en función dos diferentes usos definidos nos planeamentos urbanísticos municipais.

A este respecto consideráronse as seguintes normas subsidiarias de planeamento municipal (NSP):

– Termo municipal de Guitiriz. Normas subsidiarias de planeamento do 12.2.1985.

– Termo municipal de Vilalba. Normas subsidiarias de planeamento do 13.3.1984 coas modificacións derivadas da modificación puntual do 25.9.1991.

– Termo municipal de Begonte. Normas subsidiarias de planeamento do 3.4.1997.

Solo non urbanizable:

Constituirán o solo non urbanizable:

– Os terreos dos núcleos rurais tradicionais, delimitados nos planos de ordenación, clasificados como solo non urbanizable.

– Os que as normas subsidiarias non inclúan nalgún dos tipos de solo a que se refiren os artigos anteriores, ben por non reunir as condicións necesarias para iso (S.N.U. común ou sen protección), con base nos obxectivos e criterios establecidos.

– Os espazos que as normas subsidiarias determinen por outorgarlle unha especial protección, para os efectos da Lei do solo, en razón do seu excepcional valor agrícola, forestal ou gandeira, das posibilidades de explotación dos seus recursos naturais, ou dos seus valores paisaxísticos, históricos ou culturais, ou para a defensa da fauna, a flora ou o equilibrio ecolóxico (S.N.U. protexido).

Núcleo de poboación:

Asentamento humano de poboación superior a 50 habitantes residentes en 10 ou máis vivendas agrupadas formando un conxunto de rúas ou prazas, ou dispostas linealmente sobre unha ou máis estradas converxentes.

Afección polas instalacións:

Grupos de solo

Lonxitude (m)

%

Solo urbano

0

Solo urbanizable

0

Solo non urbanizable común (SNUC)

22.762,5

81,40

Solo non urbanizable protexido (SNUP)

5.198,5

18,60

Total

27.961,0

100,00

Cómpre indicar que a área de afección pola construción da infraestrutura do gasoduto Guitiriz-Lugo se corresponderá con solo rústico de protección de infraestruturas (20 m, 10 a cada lado do eixo) e así deberá quedar reflectido nos futuros planos con nova ordenación proposta.

1. Termos municipais afectados.

Indícase a continuación a afección sobre cada termo municipal dos distintos grupos de solo, así como as súas lonxitudes correspondentes expresadas en metros:

Termo municipal

Municipios con normas subsidiarias de planeamento

S. urbano

S. urbanizable

S. non urbanizable

Guitiriz

13.571

Vilalba

5.090

Begonte

9.300

Total

27.961

2. Ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Artigo 104. Adaptación ao ambiente

Atendendo ao establecido neste artigo, cómpre indicar que se trata dunha infraestrutura subterránea, polo que a afección, unha vez finalizadas as obras, nos lugares atravesados de paisaxe aberta ou natural e nas inmediacións de estradas ou camiños son mínimas. Os condicionantes ambientais que se tiveron en conta á hora de deseñar o trazado do gasoduto son:

– Seguir, sempre que sexa posible, os corredores doutras infraestruturas existentes.

– Seguir, sempre que tecnicamente sexa posible, todos os accesos xa existentes na zona.

– Evitar posibles zonas de interese arqueolóxico.

– Tratar de evitar as zonas de vexetación natural.

Artigo 106. Protección das vías de circulación

Ao longo do percorrido do gasoduto Guitiriz-Lugo atravésanse zonas e obstáculos, tanto naturais como artificiais, onde se preveu unha serie de proteccións adicionais, tal e como se indica a continuación.

Nos cruzamentos con infraestruturas e vías de comunicación importantes, tales como ferrocarrís, autovías, autoestradas,…, a condución protexerase mediante tubaxe de protección, dimensionada para soportar as cargas exteriores.

Nos cruzamentos de vías de comunicación de pequena e mediana importancia, a condución protexerase mediante un recheo parcial da gabia de formigón en masa, deseñada para soportar tamén as cargas de tráfico.

Nos cruzamentos de camiños, a condución protexerase mediante lousas de formigón armado colocadas na parte superior da gabia.

Para a realización de cada cruzamento con estradas importantes, elaborarase un plan que inclúa: medios humanos e técnicos, programa de execución detallado por días, medios de regulación, sinalización e protección do tráfico, respectando para cada cruzamento as condicións fixadas no permiso outorgado polo organismo competente.