Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 27 de outubro de 2015 Páx. 41244

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de outubro de 2015 pola que se regulan as funcións, a composición e o funcionamento do Consello de Bioética de Galicia.

A disposición adicional primeira do Decreto 177/2000, do 22 de xuño, polo que se regula a creación e autorización dos comités de ética asistencial, sinala que por orde da Consellería de Sanidade, antes Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, se regularían a creación, composición e funcións da Comisión Galega de Bioética, que tería como ámbito xeográfico e institucional de actuación a Comunidade Autónoma de Galicia e que actuaría como órgano asesor da consellería nesta materia.

A Orde do 13 de febreiro de 2001, pola que se crea a Comisión Galega de Bioética, deu cumprimento ao establecido no dito decreto ao constituírse esta como un órgano colexiado de carácter permanente e consultivo. Con posterioridade, as ordes do 13 de xullo de 2006 e do 25 de xuño de 2010 modificaron os artigos referidos ás funcións, composición e funcionamento para axustalos á normativa daquela vixente.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de administración e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, establece que os órganos colexiados da Administración xeral con funcións de asesoramento reciben o nome de consellos, motivo polo cal a denominación do novo órgano é a de Consello de Bioética de Galicia.

O Consello de Bioética de Galicia pretende completar as características da Comisión Galega de Bioética, ampliar e perfilar as súas funcións e revisar a súa composición e o seu funcionamento para que a regulación exprese a evolución da bioética no ámbito asistencial.

Con tal finalidade, o Consello de Bioética de Galicia configúrase como un órgano asesor de carácter independente e interdisciplinar, que amplía o perfil dos seus membros na procura de afondar no debate social sobre a bioética e de se constituír como referente para os profesionais e as institucións públicas e privadas do ámbito da saúde e para a cidadanía.

Na súa virtude, no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. O Consello de Bioética de Galicia

1. O Consello de Bioética de Galicia configúrase como un órgano colexiado de carácter permanente, consultivo, interdisciplinar e independente que ten como finalidade asesorar, nos aspectos éticos da práctica sanitaria do Sistema de saúde de Galicia, as entidades, organizacións e institucións de carácter sanitario, tanto públicas como privadas, e ser foro de referencia do debate bioético na sociedade galega.

2. Mediante a presente orde regúlanse as súas funcións, a composición e o réxime de funcionamento.

3. O Consello de Bioética de Galicia adscríbese organicamente á Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de sanidade. Correspóndelle a este órgano a dotación do soporte técnico e administrativo para asegurar o seu funcionamento.

4. O seu ámbito de actuación será o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Funcións

O Consello de Bioética de Galicia terá as funcións seguintes:

a) Asesorar en materia de bioética a Administración sanitaria e os/as profesionais da saúde.

b) Elaborar os informes que sobre cuestións de bioética lle sexan solicitados pola persoa titular da Consellería de Sanidade e presentar as propostas ou recomendacións que sobre a mesma materia considere procedentes.

c) Ser o órgano de referencia en materia de bioética dos comités de ética asistencial.

d) Elaborar informes sobre os proxectos normativos relacionados coa bioética.

e) Colaborar na elaboración e harmonización de procedementos e protocolos referidos a cuestións bioéticas.

f) Promover, no ámbito sanitario, a formación e a consideración da bioética como criterio de calidade e boa práctica profesional.

g) Contribuír á información e favorecer o debate da cidadanía sobre as dimensións éticas e sociosanitarias da práctica asistencial.

h) Calquera outra que lle fose encomendada pola persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade.

Artigo 3. Composición

1. O Consello de Bioética de Galicia estará integrado por un máximo de vinte membros, que deberán dispor de titulación en Ciencias da Saúde, Humanidades ou Ciencias Xurídicas e Sociais. Polo menos a metade deles deberá ter formación en bioética.

Os membros do Consello de Bioética de Galicia serán nomeados e cesados pola persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade por un período de tres anos, prorrogables por outro período de igual duración. Tanto o nomeamento como o cesamento serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

2. O Consello de Bioética de Galicia contará cunha Presidencia, unha Vicepresidencia, unha Secretaría e vogalías.

3. Os membros do Consello de Bioética de Galicia deixarán constancia das actividades e circunstancias que poidan interferir indebidamente no exercicio das súas funcións ou poidan xerar conflito de intereses.

4. Os membros do Consello de Bioética de Galicia deberán gardar o debido sixilo respecto dos asuntos tratados.

5. Na composición do Consello de Bioética de Galicia procurarase unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 4. A Presidencia

1. A persoa que preside o Consello de Bioética de Galicia será elixida entre os seus membros, polo seu Pleno, por unha maioría de dous terzos.

2. Son funcións da Presidencia ordenar a convocatoria e coordinar as reunións do Pleno e da Comisión Permanente, aquelas que lle asigne o Regulamento de réxime interno do Consello e as que se indican no artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Artigo 5. A Vicepresidencia

1. A persoa titular da Vicepresidencia do Consello de Bioética de Galicia será elixida entre os seus membros, polo seu Pleno, por unha maioría de dous terzos.

2. A persoa titular da Vicepresidencia substituirá a persoa titular da Presidencia nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal.

Artigo 6. As vogalías

Unha vez elixidas as persoas que ocupen a Presidencia e a Vicepresidencia do Consello, o resto dos membros terá a condición de vogais.

Artigo 7. A Secretaría

A Secretaría do Consello de Bioética de Galicia corresponderá a un empregado público ou a unha empregada pública da consellería con competencias en materia de sanidade ou do Servizo Galego de Saúde, nomeado/a pola persoa titular desta consellería.

Artigo 8. Cesamento dos membros do Consello de Bioética de Galicia

Serán causas de cesamento dos membros do Consello de Bioética de Galicia as seguintes:

a) O incumprimento reiterado das súas obrigas.

b) O transcurso do tempo para o cal foron nomeados.

c) A renuncia expresa presentada por escrito ante a persoa titular da Presidencia do Consello.

Artigo 9. Funcionamento

1. O Consello de Bioética de Galicia deberá aprobar un regulamento de réxime interno no cal se estableza, entre outras cuestións, a periodicidade das súas reunións, que deberán ser polo menos trimestral, e a publicidade das súas propostas ou recomendacións.

2. O réxime de funcionamento axustarase ao previsto nesta orde e no Regulamento de réxime interno e, en todo o non previsto, ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

3. O Consello de Bioética de Galicia actuará en pleno ou en comisión permanente. A Comisión Permanente estará integrada pola persoa titular da Presidencia, tres vogais e pola persoa que exerza a Secretaría, e corresponderalle o coñecemento e a resolución das cuestións de carácter urxente e aquelas outras funcións que se lle asignen no Regulamento de réxime interno.

4. O Pleno do Consello de Bioética de Galicia poderá acordar a creación de grupos de traballo para o estudo de temas concretos. No acordo de creación constarán a súa composición, funcións e finalidades.

5. O Consello de Bioética de Galicia poderá nomear asesores alleos e asesoras alleas que colaboren, na súa condición de persoas expertas, en áreas específicas de coñecemento. Nas reunións do Pleno do Consello, da Comisión Permanente ou dos grupos de traballo disporán de voz pero non de voto.

Disposición adicional primeira. Crédito orzamentario

A constitución e o funcionamento do Consello de Bioética de Galicia non incrementará o crédito orzamentario asignado á Consellería de Sanidade ou ás entidades instrumentais adscritas.

Disposición adicional segunda. Indemnizacións

A condición de membro do Consello de Bioética de Galicia considérase de honra e non dará dereito a ningunha retribución. De ser o caso, os membros do Consello poderán percibir, pola asistencia ás reunións, as indemnizacións que correspondan segundo a normativa vixente.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde e, en concreto, a Orde da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, do 13 de febreiro de 2001, pola que se crea a Comisión Galega de Bioética; a Orde da Consellería de Sanidade, do 13 de xullo de 2006, e a Orde da Consellería de Sanidade, do 25 de xuño de 2010, que modifican a Orde do 13 de febreiro de 2001.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade para adoptar as medidas necesarias para a aplicación, desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2015

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade