Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Xoves, 15 de outubro de 2015 Páx. 40000

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 143/2015, do 1 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade da totalidade da estrada AC-192, un resto da AC-840 ME e un resto da AC-840 MD, a prol do Concello de Melide.

Segundo o teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Melide solicita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura o cambio de titularidade da estrada AC-192 e de dous treitos antigos da AC-840 ao seu paso polo concello.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da totalidade da estrada AC-192 (O Mesón-Moldes), e duns restos da estrada AC-840 situados entre os PPQQ 54+560 e 54+710 da marxe esquerda e do PPQQ 54+790 e 55+040 da marxe dereita, en prol do Concello de Melide.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de outubro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Melide:

– Da totalidade da estrada AC-192 (O Mesón-Moldes), cunha lonxitude de 2,460 km.

– Resto da estrada AC-840, situado entre os PPQQ 54+560 e 54+710 da marxe esquerda, cunha lonxitude de 0,154 km.

– Resto da estrada AC-840, situado entre os PPQQ 54+790 e 55+040 da marxe dereita, cunha lonxitude de 0,280 km.

Artigo 2

En aplicación dos apartados 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Melide deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Melide, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de outubro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas