Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 7 de outubro de 2015 Páx. 39230

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 8 de setembro de 2015, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para unha planta de transferencia de residuos que Ingaroil, S.L. vai levar cabo no polígono da Campiña-Zarra, no concello de Lugo (expediente 2015-IPPC-I-42).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– «Proxecto básico de solicitude de autorización ambiental integrada para o centro de transferencia de residuos de Ingaroil, S.L., Lugo».

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. Os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental - Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/ >>medio ambiente e sostibilidade >> prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2015

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO
Memoria resumo

Expediente: 2015-IPPC-I-42.

Peticionario: Ingaroil, S.L.

Domicilio social: avenida de Santiago, 23, 15840 Santa Comba (A Coruña).

Localización da instalación: polígono da Campiña Zarra, s/n, 27192 Lugo.

Actividade: transferencia de residuos de orixe industrial.

Descrición: a actividade da planta consiste no almacenamento temporal de residuos perigosos e non perigosos de orixe industrial ata o seu traslado a un xestor final autorizado.

Realízase a recollida dos residuos desde as instalacións de produción e o seu transporte ata as instalacións de Ingaroil para o seu almacenamento temporal, unha vez que chegan ao centro de transferencia lévanse a cabo as seguintes tarefas: inspección visual dos residuos, pesaxe, comprobación dos documentos de control e seguimento para que se axusten aos residuos que entraron na planta. O persoal de Ingaroil procederá á descarga dos residuos, separación por natureza (perigosos/non perigosos), estado físico (líquidos/sólidos), características e posterior tratamento que van recibir. Os residuos almacenaranse en distintos recipientes segundo a súa tipoloxía e en distintas zonas da nave. Os pneumáticos fóra de uso e os residuos voluminosos non se envasarán.

Todos os envases e contedores estarán etiquetados correctamente para que se poida coñecer o seu contido.

Finalmente, os residuos debidamente acondicionados, e cando se dispoña da cantidade suficiente para completar un transporte, serán expedidos ata as instalacións de tratamento final.

Non se desenvolve ningunha actividade potencialmente contaminadora da atmosfera.

A instalación non produce verteduras industriais, as verteduras son exclusivamente de tipo sanitario (augas residuais fecais) e son conducidas á rede de saneamento do polígono industrial, así como as augas pluviais recollidas nos tellados.