O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, o día 24 de agosto de 2015, ditou resolución pola que se ordena a demolición das obras de construción dunha estrutura de formigón dunha edificación composta de planta baixa, primeira e segunda, no lugar de Balteiro, parroquia de Petelos, no termo municipal de Mos, provincia de Pontevedra, que non son legalizables por seren incompatibles co ordenamento urbanístico, e a reposición dos terreos afectados ao estado anterior ao inicio das obras, así como o cesamento definitivo dos usos a que desen lugar. A orde de demolición deberá ser executada no prazo de tres (3) meses contados desde a notificación da presente resolución, e darase conta á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
Ao non poderse realizar a notificación persoal daquela resolución a Javier Ángel Costas Táboas, mediante esta cédula, e ao abeiro do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), notifícaselle ao interesado a devandita resolución por medio dun anuncio no Boletín Oficial del Estado.
Tendo en conta que, en atención ao previsto no artigo 61 da LRXPAC, o acto non se publica na súa integridade, fáiselle saber ao interesado que o texto íntegro da resolución que se notifica se encontra ao seu dispor nas dependencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sitas no Edificio Witland, Salgueiriños, Santiago de Compostela, para a súa consulta no prazo de 10 días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta cédula no Boletín Oficial del Estado. Transcorrido o devandito prazo a notificación entenderase producida.
Contra a devandita resolución, que pon fin á vía administrativa, o interesado pode interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que se teña producido a notificación, ante o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, ou ben, se non exerce o seu dereito a presentar recurso potestativo de reposición, pode interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo en cuxa circunscrición radique o inmoble afectado, conforme o disposto no artigo 14.1, regra terceira da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Para que conste, e lle sirva de notificación ao citado interesado en cumprimento do disposto no artigo 59.5 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, expido e asino esta cédula.
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2015
José Antonio Cerdeira Pérez
Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística