Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 16 de setembro de 2015 Páx. 36947

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 2 de setembro de 2015 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo.

Mediante a Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro), fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas.

O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do consello social o reitor/a da universidade, o secretario/a xeral e o ou a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal da administración de servizos, elixidos/as polo consello de goberno das universidades. A duración do mandato dos membros do consello social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

A Lei 6/2013, no seu artigo 77.3, establece que a representación dos intereses sociais no consello social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: O presidente ou presidenta do consello social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Con data 31 de xullo de 2015 o Consello Social da Universidade da Coruña remite documentación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en que comunica que o Consello de Goberno da Universidade, na súa sesión do 30 de xuño de 2015, acordou aprobar a designación de Xosé Manuel Portela Fernández, en representación do persoal de administración e servizos (PAS) da UDC no Consello Social, en substitución de Nuria Vieira Sousa.

Con data 30 de xullo de 2015 o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo remite documentación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en que, comunica que como consecuencia da renovación da corporación resultante das eleccións locais do pasado 22.05.2015, o Concello de Pontevedra acorda designar a Mª do Carmen Fouces Díaz como representante do Concello de Pontevedra no Consello Social da UVigo, en substitución de César Enrique Martínez Gómez.

Xúntase declaración xurada de compatibilidade dos novos membros dos consellos sociais.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear a Xosé Manuel Portela Fernández, en representación do persoal de administración e servizos (PAS) da UDC, no Consello Social da Universidade da Coruña, en substitución de Nuria Vieira Sousa.

Artigo 2

Nomear a Mª do Carmen Fouces Díaz, en representación do Concello de Pontevedra no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución de César Enrique Martínez Gómez. De acordo co artigo 79.2 da Lei 6/2013, o mandato do membro substituto estenderase só polo tempo que reste para concluír o do substituído.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria