Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 7 de setembro de 2015 Páx. 36057

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2015 pola que se convocan os exames para a obtención ou ampliación a outros idiomas da habilitación de guías de turismo especializados de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 73/2015, do 7 de maio, polo que se regula a profesión de guía de turismo de Galicia, esta dirección, en exercicio das competencias sinaladas no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, acorda convocar exames para a obtención ou ampliación a outros idiomas da habilitación de guías de turismo de Galicia e

RESOLVE:

Convocar os exames para a obtención ou ampliación a outros idiomas da habilitación de guías de turismo de Galicia no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

O programa que rexerá estas probas é o que figura como anexo I desta resolución.

1. Solicitudes.

1.1. As solicitude axustaranse ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, á cal se xuntarán os documentos que se especifican no punto 6 desta resolución.

1.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos nos puntos 4 e 5 desta resolución.

2. Requisitos dos/as candidatos/as.

Os aspirantes que pretendan concorrer ás probas para a obtención da habilitación como guía de turismo de Galicia deberán cumprir cos seguintes requisitos de conformidade co establecido no artigo 5.2 do Decreto 73/2015:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea signatario do Acordo sobre Espazo Económico Europeo ou de calquera outro dos Estados a que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras. Así mesmo, poderán participar nas probas os cidadáns estranxeiros con residencia legal en España.

b) Ser maior de idade.

c) Posuír algún dos seguintes títulos:

1º. Ciclo formativo de grao superior de formación profesional ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

2º. Grao ou diplomatura universitaria ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

3º. Mestrado oficial universitario, licenciatura ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

4º. Gran diploma de xestión e dirección de empresas hoteleiras.

5º. Diploma de xestión de empresas hoteleiras.

6º. Diploma superior en xestión hoteleira.

d) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poida ser incompatible coas funcións de guía de turismo.

e) Acreditar o dominio das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e dalgunha lingua estranxeira, salvo que se opte por realizar a correspondente proba de idiomas nos termos recollidos no punto 13.

3. Prazo de duración do procedemento.

3.1. Este procedemento non poderá ter unha duración superior aos seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o dito prazo sen que se dite e publique resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimada a súa solicitude de habilitación.

3.2. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.es

b) Os teléfonos 981 54 02 60 e 981 54 63 60 e fax número 981 54 63 71.

c) Presencialmente.

d) Enderezo electrónico: xerencia.turismo@xunta.es

4. Forma de presentación de solicitudes.

4.1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4.2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4.4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro do mes.

6. Documentación que se deberá presentar.

6.1. Anexo II. Solicitude.

6.2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do DNI/NIE do/a solicitante, só no caso de que non se autorice a súa consulta no servizo de interoperabilidade correspondente.

b) Fotocopia compulsada dalgún dos títulos exixidos no punto 2.c) desta convocatoria ou, se fose o caso, da certificación do pagamento dos dereitos da súa expedición, só no caso de non autorizar a súa consulta con respecto aos títulos universitarios. No caso de presentar un título estranxeiro será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

c) Para os efectos da exención do terceiro exercicio prevista no punto 7.1 desta resolución, certificación expedida polo organismo competente dun nivel de coñecemento equivalente, como mínimo, ao nivel B2 (avanzado), segundo o previsto no Marco común europeo de referencia para as linguas.

d) Para os efectos da exención do segundo exercicio prevista no artigo 7.2 e 7.3 desta resolución:

1. Documento xustificativo (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do título Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde de 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG nº 146, do 3 de xullo), só no caso de non autorizar a súa consulta.

2. No caso de extranxeiros, copia compulsada do diploma de español de nivel, como mínimo, B2, de conformidade co disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, que regula os diplomas de español como lingua estranxeira, ou equivalente, de conformidade co disposto nas disposicións adicionais segunda e cuarta do dito real decreto.

e) Para os efectos da acreditación do idioma do país de orixe, presentarase copia compulsada do pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

f) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

6.3. De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar nestas probas deberá presentarse o xustificante de ter aboado en concepto de dereitos de exame o importe de 39,02 € en calquera das entidades financieiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O ingreso da taxa efectuarase no impreso oficial de autoliquidación de taxas. O dito impreso facilitaráselles aos interesados/as no Rexistro Único da Xunta de Galicia, no Rexistro Auxiliar da Axencia Turismo de Galicia e nos rexistros dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia ou en calquera outro rexistro oficial da Xunta de Galicia, e deberá cubrirse cos seguintes códigos:

Presidencia: código 04.

Servizos centrais: código 13.

Axencia Turismo de Galicia: código 07.

Taxa. Denominación: inscrición para a participación de exames para a habilitación de guías de turismo de Galicia: código 31.19.07.

A presentación do xustificante do ingreso das taxas no cal non figure o selo da entidade bancaria coa indicación da data determinará a exclusión do/a aspirante. En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

Poderase facer efectivo, así mesmo, o pagamento da taxa pola internet nas entidades financieiras actualmente autorizadas. Para isto deberán acceder á oficina tributaria, a través da oficina virtual na páxina web da Consellería de Facenda (www.facenda.org) e premer no enlace taxas, prezos, multas e sancións no menú da marxe esquerda. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboado a taxa, que será o que se xunte coa instancia. En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolverase, logo dos trámites correspondentes, aos aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da Axencia Turismo de Galicia pola cal se declare a exclusión.

6.4. A Axencia Turismo de Galicia poderá requirir a documentación complementaria que considere necesaria para completar a solicitude.

7. Exencións das probas lingüísticas.

7.1. Quedarán exentos de presentarse á proba de idioma estranxeiro os/as nacionais dos países en que a lingua oficial sexa a solicitada para o exame e os que acrediten, mediante certificación expedida polo organismo competente, un nivel de coñecemento equivalente, como mínimo, ao nivel B2 (avanzado), segundo o previsto no Marco común europeo de referencia para as linguas.

7.2. Quedarán eximidos, así mesmo, da proba de galego os/as que acrediten un nivel de coñecemento correspondente ao certificado de coñecemento da lingua galega 4 (Celga 4), de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, mediante a presentación do certificado de superación das correspondentes probas, a validación por este expedida pola autoridade competente ou a acreditación de estar en posesión dun dos certificados equivalentes a que fai referencia a disposición adicional segunda da citada orde.

7.3. Están exentos da proba de castelán os/as nacionais españois e os que sexan titulares do diploma de español de nivel, como mínimo, B2, de conformidade co disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, que regula os diplomas de español como lingua estranxeira, ou equivalente, de conformidade co disposto nas disposicións adicionais segunda e cuarta do dito real decreto.

8. Ampliación da habilitación.

Os profesionais con habilitación en vigor como guías de turismo que desexen ampliar a súa habitación para outros idiomas distintos aos que consten nela tan só terán que superar as correspondentes probas de idiomas.

9. Idiomas.

9.1. Avaliaranse, en todo caso, os seguintes idiomas estranxeiros: inglés, francés, alemán, italiano, portugués e xaponés.

9.2. Sobre o resto de idiomas estranxeiros solicitados polos interesados/as a Axencia Turismo de Galicia, en función do número de solicitudes presentadas e da valoración da demanda turística dese idioma, reserva para si o dereito a determinar se serán ou non obxecto de avaliación. Esta circunstancia farase constar na lista de admitidos/as e excluídos/as.

9.3. Cando un/a candidato/a resulte excluído/a por solicitar só un ou varios idiomas que non vaian ser obxecto de exame, o importe que, de ser o caso, aboará en concepto de exame devolverase tras os trámites correspondentes.

10. Admisión de aspirantes.

10.1. Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, determinarase se reúnen os requisitos establecidos nestas bases, para logo expor as listas das solicitudes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios do Axencia Turismo de Galicia. Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas nos departamentos territoriais da Xunta de Galicia e na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

10.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os aspirantes excluidos/as disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

10.3. A estimación ou desestimación das ditas emendas entenderanse implícitas na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as.

10.4. Unha vez transcorrido o dito prazo e feitas as emendas, a directora de Turismo de Galicia ditará resolución pola cal se declarará definitivamente aprobada a lista de admitidos/as e excluídos/as. Contra esta resolución poderá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou poderá interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data.

10.5. O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos interesados/as a posesión dos requisitos exixidos neste procedemento. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de superar o exame, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que se puideren derivar da súa participación neste procedemento.

11. Realización dos exames.

11.1. Unha vez publicadas as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, fixarase a data de comezo do primeiro exercicio.

11.2. Os exames realizaranse na cidade de Santiago de Compostela, no lugar, datas e horas que se publicarán no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia, nos departamentos territoriais da Xunta de Galicia e na web da Axencia Turismo de Galicia. O anuncio publicarase con 48 horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

12. Tribunal de selección.

12.1. A composición do tribunal de selección para estas probas será o seguinte:

Titulares:

Presidenta: Mercedes Dolores Cardelle Espasandín, xefa da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial da Axencia Turismo de Galicia.

Vocais:

Paloma Vázquez Fenández, xefa da Área Provincial de Turismo de Lugo.

Monserrat Domínguez García, en representación da Asociación de Guías de Galicia.

María José Piñeiro Mantiñán, en representación da USC.

Secretaria: Laura Mª González-Dopeso Portela, xefa da Área de Calidade e Proxectos Europeos da Axencia Turismo de Galicia.

Suplentes:

Presidenta: Mª del Carmen Ramallal Molina, xefa da Área Provincial de Turismo da Coruña.

Vogais:

Mª José Campos Núñez, inspectora de Turismo da Axencia Turismo de Galicia.

Paula Toimil Mato, en representación da Asociación de Guías de Galicia.

Pilar Taboada de Zúñiga, en representación da USC.

Secretaria: Mónica Santiso Lareo, xefa da Área de Apoio Xurídico e Lexislativo da Axencia Turismo de Galicia.

12.2. Para avaliar as probas de idiomas, o tribunal poderá solicitar a presenza de asesores/as que o asistan, con voz e sen voto, se así o considera conveniente. A designación destas persoas será comunicada á directora da Axencia Turismo de Galicia.

12.3. Os membros do tribunal estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de RXAP e PAC.

12.4. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que o primeiro exercicio sexa corrixido sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes, utilizando para isto os impresos adecuados.

12.5. O tribunal excluirá aqueles/as candidatos/as en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que puidesen permitir coñecer a identidade do/da aspirante.

12.6. Por cada sesión do tribunal redactarase acta que, unha vez lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, se aprobará coa sinatura do secretario/a e o visto e prace do/da presidente/a.

12.7. O tribunal que actúe nestas probas terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

As comunicacións que lle formulen os aspirantes ao tribunal dirixiranse á Axencia Turismo de Galicia (praza de Mazarelos, 15, Santiago de Compostela).

13. Exercicios.

13.1. As probas de habilitación para guías de turismo de Galicia consistirán en tres exercicios, todos eles eliminatorios e realizados pola orde que se indica.

a) Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de oitenta (80) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas, propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta, correspondentes a todo o contido do programa que figura no anexo I desta resolución. O tempo máximo para a realización desta proba será de noventa (90) minutos.

Os profesionais con habilitación en vigor como guías de turismo de Galicia que desexen ser habilitados para outros idiomas distintos aos que consten nela estarán exentos da realización desta proba.

Esta proba cualificarase como con apto/a ou no apto/a e corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido para acordar a condición de apto/a. Non obstante, para superar esta proba será preciso contestar correctamente, polo menos, a metade das preguntas do cuestionario.

b) Segundo exercicio de carácter eliminatorio, constará de dúas probas:

1. Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

2. Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será dunha hora.

Este exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo é necesario obter o resultado de apto/a, polo que lle corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido para acordar esta condición.

c) Terceiro exercicio de carácter eliminatorio, constará de dúas probas:

1. Primeira proba: consistirá nunha tradución en ambos os dous sentidos, castelán e idioma estranxeiro. Este exercicio terá unha duración dunha hora.

2. Segunda proba: consistirá en manter unha conversa cos membros do tribunal ou coas persoas que os asistan, nun tempo máximo de quince minutos en cada un dos idiomas solicitados, sobre un tema correspondente ao bloque do programa, itinerarios e recursos turísticos, elixido entre dous propostos polo tribunal.

Este exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo é necesario obter o resultado de apto/a, e correspóndelle ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido para obter esta condición.

As cualificacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios de cada proba nos taboleiros de anuncios e na páxina web da axencia http://www.turgalicia.es/canle-institucional .

13.2. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lápis número 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

14. Lista de aprobados/as e presentación de documentación.

14.1. Unha vez rematados os tres exercicios, o tribunal redactará as listas dos candidatos/as declarados/as aptos/as e proporalle á directora da Axencia Turismo de Galicia a súa habilitación como guías de turismo de Galicia ou a ampliación da habilitación para determinados idiomas, sempre que se cumpran todos os requisitos exixidos nas bases desta resolución. As listas exporanse nos taboleiros de anuncios da Axencia Turismo de Galicia, nos departamentos territoriais da Axencia Turismo de Galicia e na páxina web desta axencia http://www.turgalicia.es/canle-institucional . Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

14.2. Mediante resolución da directora da Axencia Turismo de Galicia elevarase a definitiva a proposta do tribunal dos/as aspirantes que superen os exames establecidos e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

14.3. A partir desta publicación computarase o prazo de vinte días naturais para que os/as aspirantes presenten, xunto co modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta resolución, e na mesma forma que se indica no punto 4 desta resolución para a presentación das solicitudes, os seguintes documentos:

a) Tres fotografías tamaño carné.

b) Certificado médico oficial no cal se acrediten os aspectos sinalados no punto 2.d) desta convocatoria.

c) Xustificante de ter aboadas as taxas de expedición da habilitación de guía de turismo de Galicia, expedido pola entidade bancaria correspondente.

O ingreso da taxa efectuarase no impreso oficial de autoliquidación de taxas. O dito impreso facilitáraselles aos interesados/as no Rexistro Único da Xunta de Galicia, no Rexistro Auxiliar da Axencia Turismo de Galicia e nos rexistros dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia ou en calquera outro rexistro oficial da Xunta de Galicia, e deberán cubrirse cos seguintes códigos:

Presidencia: código 04.

Servizos centrais: código 13.

Axencia Turismo de Galicia: código 07.

Taxa. Denominación: inscrición para a participación de exames para a habilitación de guías de turismo de Galicia: código 31.19.06

14.4. O/as candidatos/as declarados/as aptos/as que non presenten a documentación exixida no prazo establecido ou a presenten incompleta, agás casos de forza maior debidamente acreditados, perderán o seu dereito, sen prexuízo de promover os recursos que correspondan.

14.5. Completada esta documentación, aos/ás candidatos/as declarados/as aptos/as outorgaráselles por parte da directora da Axencia Turismo de Galicia a habilitación como guías de turismo de Galicia ou se ampliaráselles a que xa posúan para os idiomas que correspondan segundo se trate, para o cal se lles expedirá un carné no cal constará o idioma ou idiomas que acreditasen coñecer, xunto cun distintivo que deberán levar en lugar visible durante o exercicio da súa actividade.

15. Publicidade.

A anterior resolución, así como os datos que deban notificarse de forma conxunta publicaranse no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia e na páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://www.turgalicia.es/canle-institucional .

16. Consentimentos e autorizacións.

16.1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

16.2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

17. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Mazarelos, 15, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.turismo@xunta.es .

18. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2015

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I
Temario cultural

1. Características xeográficas de Galicia: situación, principais trazados físicos. Galicia na Península Ibérica.

2. Estrutura socioeconómica de España. Economía de Galicia: dun país de base agraria á diversificación e modernización produtiva.

3. A poboación e a ocupación do espazo en Galicia. Estancamento demográfico e polarización do crecemento no litoral.

4. A Galicia prerromana. O megalitismo. A idade de bronce. A cultura castrexa. A influencia céltica.

5. A cultura galaico-romana. As vías. Asentamentos rurais e urbanos. A articulación político-administrativa da Gallaecia. As explotacións mineiras. Cristianización e conflito priscilianista. As obras públicas.

6. Séculos V-X. O reino suevo de Galicia. O proceso de feudalización. As relacións aristocracia-monarquía-igrexa. A presenza normanda.

7. Arte medieval: o prerrománico en Galicia. O esplendor románico. O gótico.

8. Séculos XI-XIII: crecemento demográfico e expansión económica. Xelmírez. Reordenación do espazo político: a independencia de Portugal. A literatura medieval galaico-portuguesa. Os reis de Galicia e León Fernando II e Alfonso IX: o renacemento urbano.

9. Séculos XIV-XV: a Baixa Idade Media e a transición á Idade Moderna. O reino de Galicia na monarquía castelá. Crises económicas. Conflitos sociais e políticos. O comercio marítimo galego. Os Irmandiños. A peste.

10. O monacato en Galicia na Idade Media. As ordes militares e Galicia. Orixes e desenvolvemento da universidade en Galicia.

11. A Galicia do antigo réxime. Desenvolvemento demográfico. Institucións político-administrativas. Fidalguía, foro e campesinado. Peculiaridades do mundo urbano. Transformacións agropecuarias.

12. A arte renacentista en Galicia. A arquitectura e escultura barroca en Galicia. Exemplos das súas manifestacións máis importantes.

13. A transición á Idade Contemporánea. A incipiente industrialización. A ilustración. A emigración. O agrarismo.

14. Modelos e evolución da arquitectura galega no século XIX. Clasicismo e academicismo. Eclecticismo e historicismo.

15. A literatura do Rexurdimento. Rosalía de Castro. Eduardo Pondal. Curros Enríquez.

16. Antecedentes da autonomía galega. O galeguismo. O século XX en Galicia e o proceso de modernización.

17. Arquitectura modernista en Galicia. A Xeración Nós. O movemento renovador e de vangarda da arte galega. Tendencias actuais da arte e da literatura de Galicia. Grandes literatos galegos en lingua castelá.

18. Arquitectura popular galega. Materiais, elementos construtivos e tipoloxía da casa vivenda. Hórreos, cruceiros, petos de ánimas, fontes, o muíño.

19. Artesanía e oficios populares. A lingua galega.

20. O folclore: música e traxes típicos. Romarías e festas populares. Feiras. Crenzas. A gastronomía. Os viños. Principais aspectos da cociña e da viticultura de Galicia. Festas gastronómicas.

Temario de itinerarios e recursos turísticos

21. Xestión, asesoramento e asistencia a grupos turísticos.

22. Recursos turísticos de Galicia. Trazos diferenciais da oferta turística galega. Diversificación e novas ofertas: termalismo, golf, turismo náutico, turismo rural, congresos e convencións. Turismo activo e de natureza.Turismo urbano e de cruceiros.

23. Paisaxe e áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, cantís.

24. Paisaxe e áreas naturais de interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e as lagoas.

25. A Mariña e Costa Ártabra desde Caión a Ribadeo.

26. Desde Fisterra a Caión. Especial significación da Costa da Morte.

27. As Rías Baixas. Desde Fisterra á desembocadura do Miño.

28. A Galicia interior: serras setentrionais. Dorsal galega. Penechaira galega. Depresión de Ourense, A Limia. Val de Monterrei. Val de Arnoia. Terras do Carballiño. Val do Ribeiro. Valdeorras. O chanzo de Santiago. Fosa Padrón-Tui. As bacías do Tambre e o Ulla. Serras meridionais.

29. As serras orientais e o macizo central ourensán.

30. Visita á cidade e provincia da Coruña.

31. Visita á cidade e provincia de Lugo.

32. Visita á cidade e provincia de Ourense.

33. Visita á cidade e provincia de Pontevedra.

34. Visitas ás cidades e vilas de Betanzos, Muros, Noia, Viveiro, Mondoñedo, Ribadavia, Allariz, Baiona e Cambados.

35. Visita á cidade e ría de Vigo. Tui e O Baixo Miño.

36. Visita á cidade de Santiago de Compostela.

37. O Camiño Francés. Outros tramos galegos dos Camiños de Santiago.

38. A zona de Monforte de Lemos e A Ribeira Sacra.

39. Rede viaria e sistemas de transportes.

40. Oferta de aloxamentos. Localización e características. Balnearios e mananciais de augas medicinais e termais.

41. Museos principais de Galicia.

42. As catedrais.

43. Os mosteiros.

44. Dolmens, petróglifos, castros. Exemplos máis relevantes.

45. Castelos, pazos, edificios civís máis relevantes.

Temario de lexislación

46. A Constitución española. Principios xerais. O Estatuto de autonomía de Galicia. Características xerais. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

47. A Xunta de Galicia: estrutura e funcións das distintas consellerías. A Axencia Turismo de Galicia: estrutura e competencias.

48. As Comunidades Europeas: institucións e normas. A Directiva de servizos 2006/100/CE do Consello. Normas de transposición.

49. Lei de turismo de Galicia. Lexislación en materia de defensa do consumidor e do usuario.

50. Aspectos fundamentais da normativa reguladora de aloxamentos turísticos: establecementos hostaleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e campamentos de turismo. Albergues.

51. Aspectos fundamentais da normativa reguladora dos establecementos de restauración.

52. Aspectos fundamentais da normativa reguladora das axencias de viaxes. Normativa reguladora da profesión de guía de turismo especializado de Galicia. A inspección de turismo.

53. Os parques naturais, os espazos naturais en réxime de protección xeral, os espazos naturais das normas subsidiarias e complementarias de plan provincial. A Rede Natura. Nocións xerais das leis de caza, pesca fluvial, patrimonio cultural de Galicia e protección do Camiño de Santiago.

54. Novas tecnoloxías. Aplicacións para dispositivos móbiles, redes sociais, páxinas web. Compras en liña.

55. Páxina web de Turismo de Galicia. Principais páxinas web de turismo en Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file