Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 1 de setembro de 2015 Páx. 35377

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Red Eléctrica de España, S.A.U. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros entre o apoio 4 e a subestación de Portodemouros, situada nos termos municipais de Arzúa e Vila de Cruces (expediente IN407A 2014/097).

Despois de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avda. de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, quen actúa en representación da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 24 de febreiro de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade e subrogación de dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para o proxecto denominado LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros, de Unión Fenosa Distribución, S.A. a favor de Red Eléctrica de España, S.A.U.

Esta liña eléctrica, á súa chegada á subestación de Portodemouros, comparte os dous últimos apoios coa LAT 220 kV Portodemouros-Monte do Carrio, cuxa titularidade (liña e apoios) corresponde a Gamesa Eólica, S.A.

Segundo. O 14 de xullo de 2014 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou, ante a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros entre o apoio 4 e a subestación de Portodemouros.

Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, coa seguinte documentación:

• Proxecto de execución titulado LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros entre Ap. 4-sub. Portodemouros edición 2, asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Alfonso González Álvaro (colexiado nº 2920/2130 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI) e visado por este colexio co número 0181/14 e data 20 de xuño de 2014, e no cal figura un orzamento de 61.595,06 €.

• Declaración responsable en que se acredita o cumprimento de toda a normativa que lle é de aplicación ás instalacións recollidas no proxecto, conforme o exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Separatas técnicas do proxecto de referencia para as seguintes entidades: Augas de Galicia, Gamesa Energía, S.A., Concello de Arzúa e Concello de Vila de Cruces.

• Informe sobre cualificación ambiental, emitido pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data 19 de agosto de 2013, no cal se conclúe que non procede someter o proxecto de referencia ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

• Escrito asinado polas empresas Unión Fenosa Distribución, S.A. e Red Eléctrica de España, S.A.U., no cal se fai constar que estas dúas empresas chegaron a un acordo en virtude do cal Red Eléctrica de España, S.A.U. accede a que a tramitación do proxecto de referencia sexa realizada por Unión Fenosa Distribución, S.A. En consecuencia, solicita que esta última empresa realice as tramitacións correspondentes, en nome e representación de Red Eléctrica de España, S.A.U.

• Escrito asinado con data 2 de abril de 2014 por Fernando Iturralde García-Diego, en representación da sociedade Canteras de Portodemouro, S.L. (titular dun dereito mineiro denominado Portodemouros que resulta afectado pola actuación contemplada no proxecto de referencia), polo que se autoriza a Red Eléctrica de España, S.A.U. á execución da referida infraestrutura eléctrica.

Terceiro. Segundo consta na dita solicitude, a actuación proxectada ten por obxecto independizar as liñas LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros e LAT 220 kV Portodemouros-Monte de Carrio, no tramo en que comparten apoios (o comprendido entre o apoio número 4 e a subestación de Portodemouros), e que afecta os termos municipais de Vila de Cruces (Pontevedra) e Arzúa (A Coruña).

Segundo consta no proxecto de execución, instalarase un novo tramo da LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros con novos apoios, cuxa titularidade será de Red Eléctrica de España, S.A.U., o que permitirá acadar unha maior garantía e seguridade para a rede de transporte nacional. As actuacións proxectadas son as seguintes:

• Desmontaxe da LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros entre o apoio número 4 e a subestación de Portodemouros, deixando os apoios números 2 e 3 existentes unicamente para a LAT 220 kV Portodemouros-Monte do Carrio.

• Instalación dun novo tramo de liña na LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros, desde o apoio número 4 ata a subestación de Portodemouros, cunha lonxitude de 629,19 m, e coa instalación de dous novos apoios 2 bis e 3 bis situados a 15,36 e 12,61 m dos apoios 2 e 3 existentes.

Cuarto. O 5 de agosto de 2014 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros entre ap. 4-subestación Portodemouros (expediente IN407A 2014/097), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 14 de agosto de 2014, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 14 de agosto de 2014 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 15 de setembro de 2014.

Durante o período en que a dita petición se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O 6 de agosto de 2014 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución, para os efectos de obter o correspondente informe, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados pola mencionada instalación eléctrica: Augas de Galicia, Gamesa Energía, S.A., Concello de Arzúa e Concello de Vila de Cruces.

• A entidade Augas de Galicia emitiu informe, con data 26 de setembro de 2014, no que se considera viables e autorizables as obras solicitadas e se reflictes as condicións técnicas que se deberá ter en conta. Mediante escrito presentado o 15 de outubro de 2014, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. prestou a súa conformidade co dito informe.

• A empresa Gamesa Energía, S.A. presentou tres escritos, o primeiro con data 23 de setembro de 2014, no cal se recollen unha serie de esixencias antes de dar a súa conformidade, o segundo con data 12 de novembro de 2014, no cal se fai constar que non existen inconvenientes para a execución do proxecto, logo de que o promotor acepte as súas exixencias, e o terceiro con data 2 de febreiro de 2015, no cal se fai constar a conformidade para a execución do proxecto, tendo en conta o escrito presentado por Unión Fenosa Distribución, S.A. con data 15 de xaneiro de 2015, no cal presta a súa conformidade ao respecto.

• O Concello de Arzúa emitiu informe, con data 24 de setembro de 2014, no cal non se estima inconveniente para a execución da intervención prevista, sempre que se teñan en conta as observacións ou condicións reflectidas. Mediante escrito presentado o 16 de outubro de 2014, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. prestou a súa conformidade co dito informe.

• O Concello de Vila de Cruces emitiu dous informes, o primeiro con data 2 de setembro de 2014, no cal se reflicten as tipoloxías e características de solo afectadas, segundo o marco urbanístico de aplicación do Concello, e o segundo con data 10 de setembro de 2014, no cal se fan, en resumo, as seguintes observacións: reflicten as tipoloxías dos solos afectados pola instalación e normativa urbanística de aplicación; indican que, ademais da afección ao ámbito da Rede Natura, a actuación proxectada afecta o dereito mineiro Portodemouros, cuxo titular é Canteras de Portodemouros, S.L.; Indican as autorizacións sectoriais que se deberán achegar (Dirección Xeral de Enerxía e Minas por afectar un dereito mineiro; organismo competente da Comunidade Autónoma por afectar a Rede Natura, e Augas de Galicia por afectar a zonas de protección do río Ulla); e indican que a actuación proxectada require autorización autonómica previa, e que se debe completar a documentación achegada para a súa tramitación. Mediante escrito presentado o 17 de decembro de 2014, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. fai constar, en resumo, o seguinte: din que xa presentaron ante o Concello a solicitude para autorización municipal, xunto coa documentación requirida; indican que, de acordo co disposto no título VII do Real decreto 1955/2000, as autorizacións a que se refire este título serán outorgadas sen prexuízo doutras autorizacións que sexan necesarias.

Sexto. O 10 de xullo de 2015 a Dirección General de Política Energética y Minas do Ministerio de Industria, Energía y Turismo emitiu informe favorable sobre a modificación da LAT a 220 kV San Caetano-Portodemouros, entre o apoio número 4 e a subestación de Portodemouros, para os efectos previstos no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Sétimo. O 23 de xullo de 2015 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria emitiu informe favorable sobre a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros entre ap. 4-subestación Portodemouros.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

Terceiro. Á vista do manifestado polo Concello de Vila Cruces nos seus informes (aos cales se fai referencia no antecedente de feito cuarto da presente resolución), dos escritos de contestación de Unión Fenosa Distribución, S.A. a estes informes e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• En canto ao dereito mineiro afectado, débese indicar que no expediente consta escrito asinado con data 2 de abril de 2014 por Fernando Iturralde García-Diego, en representación da sociedade titular (Canteras de Portodemouro, S.L.), no cal se autoriza a Red Eléctrica de España, S.A.U. á execución da referida infraestrutura eléctrica.

• En canto á posible afección da Rede Natura, débese indicar que no expediente consta o informe sobre cualificación ambiental, emitido pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data 19 de agosto de 2013, no cal se di que a zona de actuación non ten actualmente ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais, polo que se conclúe que non procede someter o proxecto de referencia ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

• En canto á afección de zonas de protección do río Ulla, indicar que no expediente consta o informe de Augas de Galicia, de data 26 de setembro de 2014, no que se consideran viables e autorizables as obras solicitadas e se reflicten as condicións técnicas que se deberán ter en conta.

• En canto a outras posibles autorizacións, débese indicar que as autorizacións a que se refire o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, serán outorgadas sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e o ambiente.

De conformidade co que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros entre o apoio 4 e a subestación de Portodemouros, situada nos termos municipais de Arzúa (A Coruña) e Vila de Cruces (Pontevedra).

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Unión Fenosa Distribución, S.A., titulado LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros entre ap. 4-sub. Portodemouros edición 2, asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Alfonso González Álvaro (colexiado nº 2920/2130 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI) e visado por este colexio co número 0181/14 e data 20 de xuño de 2014, e no cal figura un orzamento de 61.595,06 €.

Segunda. A empresa promotora da infraestrutura eléctrica asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, as xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra da Consellería de Economía e Industria poderán autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, cada unha no seu ámbito territorial, e deberánselle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, a contar a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante as xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra da Consellería de Economía e Industria, con respecto á parte da instalación que cae dentro dos seus ámbitos territoriais, que deberán expedela tras as comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados pola infraestrutura eléctrica que se autoriza e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito cuarto da presente resolución), a empresa promotora da infraestrutura eléctrica procederá a realizar as correspondentes afeccións de acordo coas condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas