Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 1 de setembro de 2015 Páx. 35357

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 6 de agosto de 2015 pola que se convoca concurso para a provisión dun posto de traballo vacante na Administración especial da Xunta de Galicia, en execución da Sentenza do 5 de maio de 2014 do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela.

Mediante a Orde do 28 de novembro de 2012 (DOG núm. 230, do 3 de decembro) convocouse concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración especial da Xunta de Galicia, e ofertáronse os postos que figuran no seu anexo I.

Contra a dita orde José Joaquín Martel Muñoz Cobos e outros interpuxeron recurso contencioso-administrativo en que solicitaban a inclusión no anexo I de diversos postos vacantes omitidos. O recurso foi admitido polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela e tramitado como procedemento abreviado 333/2013.

Entre os postos obxecto do recurso encontrábase unha xefatura de área reservada a funcionarios do corpo facultativo superior titulados en enxeñaría de montes con código MA.C03.00.001.15770.026, que a Administración non incluíra na relación de postos ofertados en aplicación do disposto no artigo 7 da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 9 de decembro de 2013 (DOG núm. 235, do 10 de decembro) resolveuse o concurso de traslados.

Con posterioridade á resolución, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela ditou sentenza de data 5 de maio de 2014 na cal, con estimación parcial do recurso, condenaba a Administración «a incluír no concurso o posto de traballo MA.C03.00.001.15770.026, Xefatura da Área Técnica de Análise de Proxectos».

Os recursos de apelación interpostos por ambas as dúas partes foron desestimados mediante a sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de data 22 de abril de 2015. A dita sentenza é firme.

O código da Xefatura da Área Técnica de Análise de Proxectos pasou a ser MA.C08.00.001.15770.026, tras a última modificación da relación de postos de traballo da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, aprobada polo Consello da Xunta (DOG núm. 69, do 29 de abril de 2014).

Polo exposto, en execución da sentenza e en uso das competencias que ten atribuídas, esta consellería

RESOLVE:

Convocar concurso de traslados para a provisión da Xefatura da Área Técnica de Análise de Proxectos MA.C08.00.001.15770.026 que se describe no anexo.

As bases que rexen o concurso son as aprobadas mediante a Orde do 28 de novembro de 2012 (DOG núm. 230, do 3 de decembro).

Poderán solicitar o posto os.as funcionarios/as que reunían os requisitos establecidos na base I o 28 de decembro de 2012 –data na que rematou o prazo de presentación de instancias– independentemente de que efectivamente participasen e do resultado obtido. O modelo de solicitude está dispoñible na páxina web www.xunta.es.funcion-publica

As solicitudes deberán presentarse desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 18 de setembro de 2015. As solicitudes presentaranse xunto cos documentos e nos lugares que se relacionan na base IV.1.

Os méritos posuídos o 28 de decembro de 2012 –data na que rematou o prazo de presentación de instancias– serán os únicos computables consonte coas bases III e V.

Os/as funcionarios que non participaron no concurso e, conseguintemente, cuxos méritos non figuran no expediente deberán actuar consonte o establecido na base V, para cuxo efecto se establecen os seguintes prazos:

Fase

Inicio

Fin

Consulta do expediente e xeración do impreso de emenda ou do impreso de conformidade

23.9.2015

6.10.2015

Presentación dos impresos de emenda nas unidades de persoal e xeración das certificacións de méritos

23.9.2015

13.10.2015

Prazo de presentación das certificacións ou dos impresos de conformidade

23.9.2015

16.10.2015

No caso de que a adxudicación do posto agora ofertado xere unha vacante a resultas distinta das ofertadas na mesma fase no ano 2013, aquela será obxecto de convocatoria posterior e independente.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante esta mesma consellería, no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2015

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

Posto

Código do posto

Nv.

C. esp.

Grupo

Corpo/esc.

Adm. púb.

Denomin. do posto

Cons.

Centro directivo

Centro de destino

Conc.

Titulacións requiridas

Formac. específ.

Obs.

Puntuación mínima

1

MA.C08.00.001.15770.026

26

11.295,26

A1

Especial

AXG

Xefat. Área Técnica de Análise de Proxectos

MA

D. X. de Conservación da Natureza

S. X. de Espazos Naturais e Biodiversidade

15770

Enxeñaría de montes

6,500