Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 25 de agosto de 2015 Páx. 34744

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación San Caetano 220 kV-acoplamentos lonxitudinais MT, situada no termo municipal de Santiago de Compostela (expediente IN407A 2015/73-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. A subestación San Caetano, situada na rúa das Cancelas no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña), cuxa propiedade é compartida entre Unión Fenosa Distribución, S.A. (UFD) e Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), dispón na actualidade das seguintes instalacións básicas:

• Un parque de 220 kV, propiedade de REE, formado por dúas posicións de liña (Santiago e Portodemouros), dúas posicións de trafo T-I e T-II, unha posición de acoplamento transversal de barras e unha posición de medida de tensión e barras, máis seccionadores de posta a terra de barras, que está constituído por celas blindadas illadas en SF6, en configuración en dobre barra.

• Dous trafos de potencia, propiedade de UFD, T-I e T-II con relación de transformación 220/20-20/10 kV e potencia 60/30-30/20 MVA.

• Un parque de 20 kV, propiedade de UFD, en configuración de barra dobre con dous sectores de barras, realizado mediante celas blindadas illadas en SF6, para montaxe interior, constituído por 23 posicións de liña, dúas de liña de autoxerador, dúas de liña con autoxerador, cinco de trafo, dúas de trafo de servizos auxiliares, dúas de acoplamento transversal de barras e dúas de medida de tensión de barras.

Segundo. O 27 de febreiro de 2015 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación San Caetano 220 kV-acoplamentos lonxitudinais MT, acompañada do proxecto de execución e da declaración responsable que acredita o cumprimento da normativa que lle é de aplicación.

Este proxecto de execución prevé a ampliación do parque de 20 kV da subestación San Caetano, mediante a instalación de catro novas celas blindadas (con illamento en SF6, de execución interior e con dobre xogo de barras), das cales dúas son de acoplamento lonxitudinal manobra e as outras dúas de acoplamento lonxitudinal remonte.

Terceiro. O 23 de marzo de 2015 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en adiante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación San Caetano 220 kV-acoplamentos lonxitudinais MT, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 20 de abril de 2015 e no Boletín Oficial da provincia do 7 de abril de 2015.

Durante o período en que a devandita petición se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 1 de xuño de 2015 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación San Caetano 220 kV-acoplamentos lonxitudinais MT.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013, e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, resolve:

1. Outorgar a Unión Fenosa Distribución, S.A. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada subestación San Caetano 220 kV-acoplamentos lonxitudinais MT, situada no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Unión Fenosa Distribución, S.A., asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17.068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio co número 201500428 e data 6 de febreiro de 2015, e no que figura un orzamento de 152.348,86 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto estas autorizacións por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas