Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 17 de agosto de 2015 Páx. 33604

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 111/2015, do 6 de agosto, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas.

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego mediante o recoñecemento da súa galeguidade, cuxo alcance e contido será regulado por lei do Parlamento.

Así, pola Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, regulouse o recoñecemento da galeguidade, definindo o seu alcance nas ordes social e cultural, e establecéronse as canles de participación das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia mediante a creación do Consello de Comunidades Galegas.

En desenvolvemento desta lei ditouse o Decreto 3/1987, do 8 de xaneiro, polo que se adscribe o Rexistro de Comunidades Galegas asentadas fóra de Galicia á Dirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas e se establece o procedemento para solicitar o recoñecemento da galeguidade e a posterior inscrición no Rexistro, e o Decreto 4/1987, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas, posteriormente modificado polo Decreto 195/1991, do 30 de maio, e polo Decreto 261/1992, do 17 de setembro, polo que se amplía a composición da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas.

A devandita normativa fixou o marco que permitiu ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia manter, mellorar e fortalecer as súas relacións coa sociedade galega e coa Administración autonómica.

A globalización económica, a integración dos Estados en estruturas supranacionais, o desenvolvemento e o fortalecemento da sociedade civil e a importancia das tecnoloxías da información e da comunicación incidiron de forma directa na evolución da galeguidade nestes últimos trinta anos.

A promulgación polo Estado español da Lei 40/2006, do 14 de decembro, do Estatuto da cidadanía española no exterior, establece o marco xurídico e os instrumentos básicos para garantir os dereitos e deberes das persoas residentes no exterior en termos de igualdade coas españolas residentes no territorio nacional.

A Lei 52/2007, do 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas a favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura, supuxo un incremento do padrón de españois residentes no estranxeiro e de novos cidadáns e cidadás galegos que accederon ou recuperaron a nacionalidade española.

Esta nova realidade no ámbito da galeguidade e o desenvolvemento social, económico, político e normativo, tanto de Galicia como do Estado español e dos países de acollida das persoas galegas residentes fóra de Galicia, determinaron a necesidade de actualizar as relacións destas e das comunidades que conforman co pobo galego e facer máis eficiente o uso dos recursos públicos no seu favor, finalidade a que respondeu a Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, que non só derrogou a Lei 4/1983, do 15 de xuño, senón tamén toda a normativa de desenvolvemento desta, introduce importantes novidades respecto da lexislación anterior que requiren desenvolvemento regulamentario.

Especialmente importantes son as contidas no título I, dedicado ás entidades galegas asentadas fóra de Galicia, concretamente no referente á tipoloxía de entidades galegas asentadas fóra de Galicia que poden ser recoñecidas, aos requisitos que deben cumprir as comunidades galegas e os centros colaboradores da galeguidade, principalmente no relativo ao seu arraigamento –entendido como anos de funcionamento ininterrompido–, número mínimo de socios/as e destino do seu patrimonio no caso de disolución, requisitos que non só deben cumprir as entidades que pretendan o recoñecemento da súa galeguidade ao abeiro dela, senón tamén aqueloutras xa recoñecidas e inscritas conforme a normativa anterior, para as cales se dispón que conservarán a súa condición e causarán inscrición de oficio no Rexistro da Galeguidade, sempre que cumpran os ditos requisitos, prevíndose, para tal fin, un período transitorio de seis meses desde a súa entrada en vigor dela.

Igualmente, contéñense novidades no referente ao procedemento para o recoñecemento da galeguidade e a súa revogación.

Pola súa parte, o título IV da lei, no cal se crea o Rexistro da Galeguidade, contén referencias mínimas no tocante ás funcións e á organización do rexistro cuxa estrutura e funcionamento deben ser determinados regulamentariamente, de conformidade co establecido no artigo 30.6 da lei.

Resultaba necesario desenvolver, en primeiro lugar, os aspectos anteriormente citados, co fin de poder inscribir de oficio no Rexistro da Galeguidade as entidades galegas recoñecidas pola normativa anterior á Lei 7/2013, do 13 de xuño, finalidade a que respondeu o Decreto 66/2014, do 23 de maio, polo que se regula o recoñecemento e revogación da condición de comunidade galega e de centro colaborador da galeguidade, o Rexistro da Galeguidade e o seu funcionamento.

Rematado o proceso de inscrición das devanditas entidades, procede continuar co desenvolvemento regulamentario doutras materias previstas na lei, comezando polas relativas ao Consello de Comunidades Galegas, órgano de representación e participación das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia.

De conformidade coa disposición adicional única da Lei 7/2013, do 13 de xuño, a efectiva constitución do Consello de Comunidades Galegas ao abeiro dela terá lugar cando se cumpra o prazo legal de funcionamento do XI Consello de Comunidades Galegas creado pola Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, prazo que rematou o 30 de xuño de 2015, seguindo en funcionamento, entrementres, o Consello creado pola normativa anterior, tal e como se establece na disposición transitoria primeira da devandita Lei 7/2013.

Téndose cumprido o prazo legal de funcionamento do XI Consello de Comunidades Galegas, antes de proceder á constitución do Consello de Comunidades Galegas ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, e de conformidade co previsto no seu artigo 35.4, resulta necesario desenvolver as previsións que sobre esta materia contén o título V da lei, mediante a aprobación dun regulamento que concrete e delimite o alcance destas, finalidade a que responde este decreto.

O decreto contén un único artigo, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas; unha disposición derrogatoria; e dúas disposicións derradeiras relativas, respectivamente, á habilitación normativa e á entrada en vigor do decreto.

O texto do regulamento estrutúrase en catro títulos e tres disposicións adicionais.

O título I regula cuestións de carácter xeral, tales como a natureza e as funcións do Consello de Comunidades Galegas.

O título II, que conta con cinco capítulos, está dedicado á organización do Consello.

O capítulo I concreta a composición do Consello.

O capítulo II regula a Presidencia do Consello e as súas funcións.

O capítulo III está dedicado á Vicepresidencia do Consello e as súas funcións.

O capítulo IV regula as vogalías do Consello e as súas funcións.

O capítulo V está dedicado á Secretaría do Consello e as súas funcións.

O título III ten por finalidade establecer o funcionamento do Consello de Comunidades Galegas. Este título conta con tres capítulos.

O capítulo I regula cuestións de carácter xeral sobre o funcionamento do Consello, en Pleno ou en Comisión Delegada, e o seu sometemento aos principios de eficiencia, eficacia e economía.

O capítulo II regula o funcionamento do Pleno do Consello, a súa composición, atribucións, sesións, convocatoria e lugar de celebración, comunicación das convocatorias e orde do día, constitución, desenvolvemento das sesións, forma de adopción dos acordos e actas das sesións.

O capítulo III está dedicado ao funcionamento da Comisión Delegada, a súa composición, atribucións, sesións, convocatoria e lugar de celebración, comunicación das convocatorias e orde do día, constitución, desenvolvemento das sesións, forma de adopción dos acordos e actas das sesións.

O título IV regula o procedemento para a elección das comunidades galegas representantes na Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, aspecto obviado non só pola lexislación anterior senón tamén pola Lei 7/2013, do 13 de xuño.

O capítulo I regula cuestións de índole xeral, concretando o número e distribución, por áreas xeográficas, das comunidades galegas representantes na Comisión Delegada, a condición de comunidades electoras e elixibles, a duración do mandato e, como novidade máis importante, a forma de determinar o voto das comunidades galegas no proceso electoral.

Dada a gran diversidade existente no ámbito do asociacionismo das persoas galegas no exterior, o distinto nivel de representatividade da colectividade galega nos países de acollida e a existencia de significativas diferenzas no número de persoas socias das entidades, considérase necesario establecer, mediante a aplicación de varios parámetros, unha ponderación do voto das comunidades galegas no proceso de elección das que as representarán na Comisión Delegada, co fin de que a súa representatividade nela sexa o máis equilibrada posible.

O capítulo II establece a periodicidade na convocatoria dos procesos electorais.

O capítulo III regula o desenvolvemento do proceso electoral, a constitución e funcións da Comisión Electoral e da Mesa Electoral, a presentación e proclamación de candidaturas, as votacións e escrutinio dos votos, así como a proclamación dos resultados e o nomeamento das comunidades galegas electas.

A disposición adicional primeira concreta a aplicación e determinación do voto cualificado que a disposición transitoria quinta da Lei 7/2013, do 13 de xuño, atribúe ás entidades resultantes dun proceso de unión ou fusión. Así se dispón que este voto cualificado unicamente será de aplicación nos procesos que se convoquen para a elección das comunidades galegas representantes na Comisión Delegada. Igualmente, concrétase a incidencia deste voto cualificado na determinación do voto ponderado de que disporán as ditas entidades neses procesos electorais.

Na disposición adicional segunda recóllese o mandato específico de procurar atender ao principio de presenza equilibrada de mulleres e de homes nos órganos de decisión.

Finalmente, a disposición adicional terceira sinala que as actuacións dos órganos e comisións regulados non xerarán incremento das consignacións orzamentarias.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de agosto de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas

En execución do previsto no artigo 35.4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, apróbase o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase o órgano competente en materia de emigración para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de agosto de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Regulamento de organización e funcionamento
do Consello de Comunidades Galegas

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica

1. O Consello de Comunidades Galegas é o órgano colexiado de representación e de participación das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia adscrito ao órgano competente en materia de emigración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O Consello desempeñará funcións consultivas e de asesoramento á Administración autonómica en materia de emigración e de galeguidade.

Artigo 2. Funcións

1. Son funcións do Consello de Comunidades Galegas as seguintes:

a) Elaborar e presentar informes, propostas e recomendacións en materia de emigración e de galeguidade á Comunidade Autónoma de Galicia, a través do órgano competente en materia de emigración.

b) Canalizar as propostas que, en materia de emigración e de galeguidade, xurdan das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia.

c) Coñecer e informar as comunidades galegas das disposicións normativas que en materia de emigración e de galeguidade as afecten, en especial das elaboradas pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Establecer canles de colaboración con outros órganos de participación de emigrantes similares existentes no Estado español.

e) Calquera outra función que lle poida corresponder conforme a Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e normativa de desenvolvemento, e que non estea expresamente atribuída a outros órganos.

2. No desempeño das súas funcións, o Consello de Comunidades Galegas contará coa colaboración dos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia nos seus respectivos ámbitos de competencias.

TÍTULO II
Organización

CAPÍTULO I
Membros do Consello

Artigo 3. Membros do Consello de Comunidades Galegas

O Consello de Comunidades Galegas terá a seguinte composición:

a) A Presidencia.

b) A Vicepresidencia.

c) As vogalías.

d) A Secretaría.

CAPÍTULO II
Da Presidencia

Artigo 4. A Presidencia

1. Corresponde a Presidencia do Consello de Comunidades Galegas á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da Presidencia será substituída pola titular da Vicepresidencia, salvo que por vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal de ambas as dúas o/a presidente/a designe outra persoa entre as titulares das vogalías do Consello.

Artigo 5. Funcións

Son funcións da Presidencia do Consello de Comunidades Galegas:

a) Exercer a superior representación do Consello.

b) Convocar, presidir, dirixir e suspender, por causas xustificadas, as sesións dos seus órganos e adoptar as medidas que coide pertinentes para a súa boa marcha.

c) Dirimir os empates co seu voto para os efectos de adoptar acordos.

d) Nomear os/as vogais representantes das distintas áreas xeográficas na Comisión Delegada, logo da súa elección.

e) Someter á consideración do Pleno e da Comisión Delegada cantas propostas considere oportunas para cumprir mellor os fins da Lei 7/2013, do 13 de xuño.

f) Aprobar a orde do día das sesións dos órganos do Consello de Comunidades Galegas.

g) Visar as actas e as certificacións dos acordos dos órganos do Consello de Comunidades Galegas.

h) Decidir o lugar de celebración do Pleno do Consello de Comunidades Galegas, logo da consulta á Comisión Delegada.

i) Asegurar o cumprimento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, e da normativa de desenvolvemento.

j) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a do Consello de Comunidades Galegas.

CAPÍTULO III
Da Vicepresidencia

Artigo 6. A Vicepresidencia

Corresponde a Vicepresidencia do Consello de Comunidades Galegas á persoa titular do órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Funcións

1. Son funcións da Vicepresidencia do Consello de Comunidades Galegas:

a) Exercer as funcións atribuídas ao/á presidente/a do Consello de Comunidades Galegas no caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outra causa legal.

b) Todas aquelas funcións que sexan delegadas polo/a presidente/a.

c) Asistir o/a presidente/a nas correspondentes sesións do Consello.

2. As funcións da Vicepresidencia non serán delegables.

CAPÍTULO IV
Das vogalías

Artigo 8. As vogalías

1. O Consello de Comunidades Galegas contará coas seguintes vogalías:

a) As persoas titulares dos órganos e representantes das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia con competencias en materia de:

1ª. Presidencia e administración pública.

2ª. Educación e ordenación universitaria.

3ª. Industria e comercio.

4ª. Traballo e servizos sociais.

5ª. Xuventude.

6ª. Muller e igualdade.

7ª. Cultura.

8ª. Sanidade.

9ª. Relacións exteriores e cooperación internacional.

10ª. Deporte.

11ª. Turismo.

b) Unha persoa representante do Consello da Cultura Galega.

c) Unha persoa representante da Real Academia Galega.

d) Unha persoa representante do Sistema Universitario de Galicia.

e) Unha persoa representante de cada unha das comunidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as persoas titulares das vogalías serán substituídas polas expresamente designadas por elas pertencentes ao mesmo órgano ou ente instrumental.

Artigo 9. Funcións

1. Son funcións das vogalías do Consello de Comunidades Galegas:

a) Participar nos debates do Pleno do Consello de Comunidades Galegas.

b) Exercer o seu dereito a voto e formular o seu voto particular, así como expresar o senso do seu voto e os motivos que o xustifican.

c) Formular rogos e preguntas.

d) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

2. Os/as vogais representantes das comunidades galegas no Pleno do Consello de Comunidades Galegas elixirán, cada un/unha dentro da súa área xeográfica, as comunidades galegas que os/as representarán na Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, na forma establecida no título IV.

CAPÍTULO V
Da Secretaría

Artigo 10. A Secretaría

1. Corresponde a Secretaría do Consello á persoa funcionaria nomeada pola persoa titular do órgano competente en materia de emigración.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, será substituída pola persoa funcionaria que expresamente designe a persoa titular do órgano competente en materia de emigración.

Artigo 11. Funcións

Son funcións da Secretaría do Consello de Comunidades Galegas:

a) Asistir ás reunións do Consello con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións por orde do/a presidente/a, así como as citacións aos membros do Consello.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros do Consello e realizar as notificacións, as peticións de datos, as rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar as actas das sesións.

e) Expedir as acreditacións que habiliten os/as vogais representantes das comunidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade para asistiren ao Pleno do Consello de Comunidades Galegas.

f) Expedir certificacións das consultas, dos ditames e dos acordos aprobados.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

TÍTULO III
Funcionamento do Consello de Comunidades Galegas

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 12. Funcionamento do Consello

1. O Consello de Comunidades Galegas funcionará en Pleno ou en Comisión Delegada.

2. O funcionamento do Consello regúlase pola Lei 7/2013, do 13 de xuño, polo presente regulamento e, no non previsto neste, polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. No seu funcionamento, o Consello estará suxeito aos principios de eficiencia, eficacia e economía.

4. Os membros do Consello e as persoas que a persoa titular da Presidencia xulgue oportuno que asistan non percibirán indemnización ningunha pola asistencia ás súas sesións.

CAPÍTULO II
Do Pleno do Consello

Artigo 13. Composición do Pleno

1. O Pleno do Consello estará composto por todas as persoas que compoñen o Consello de Comunidades Galegas.

2. Poderán incorporarse ás sesións do Pleno, con voz pero sen voto, as persoas que a Presidencia xulgue oportuno que asistan pola súa relevancia nas materias que se vaian tratar.

Artigo 14. Atribucións do Pleno

Son atribucións do Pleno do Consello de Comunidades Galegas:

a) Deliberar sobre os asuntos contidos na orde do día da convocatoria e, en particular, sobre os informes, os estudos e as propostas que sexan sometidos ao seu exame e consideración.

b) Establecer os criterios xerais a que se terá que suxeitar a actuación da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas durante o período do seu mandato.

c) Aprobar as correspondentes memorias anuais elaboradas pola Comisión Delegada, nas cales se dá conta da aplicación efectiva da Lei 7/2013, do 13 de xuño, e propoñer á Xunta de Galicia as medidas convenientes para o mellor cumprimento dos seus fins.

d) Elaborar e presentar informes, propostas e recomendacións en materia de emigración e de galeguidade á Comunidade Autónoma de Galicia, a través do/da seu/súa presidente/a.

e) Ser informado das disposicións normativas que en materia de emigración e de galeguidade desenvolvan as diferentes administracións.

f) Calquera outra función que lle poida corresponder conforme Lei 7/2013, do 13 de xuño, e a normativa de desenvolvemento e que non estea expresamente atribuída a outros órganos.

Artigo 15. Sesións do Pleno

O Pleno reunirase en sesión ordinaria cada tres anos e, en sesións extraordinarias, cando a persoa titular da Presidencia o considere necesario ou cando o soliciten as dúas terceiras partes dos seus membros.

Artigo 16. Convocatoria e lugar de celebración

1. Corresponde á persoa titular da Presidencia do Consello de Comunidades Galegas a convocatoria do Pleno, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia por resolución da persoa titular do órgano competente en materia de emigración, cunha antelación mínima de 15 días hábiles. Non obstante o anterior, nos casos de urxencia, as convocatorias de sesións extraordinarias poderán publicarse cunha antelación mínima de 7 días hábiles.

2. O lugar de celebración do Pleno será determinado pola persoa titular da Presidencia e celebrarase en Galicia ou nunha localidade que teña, polo menos, unha comunidade galega asentada no seu territorio.

Artigo 17. Comunicacións

1. A persoa titular da Secretaría do Consello comunicará a convocatoria aos seus membros por medios electrónicos, xunto coa orde do día e coa documentación necesaria dos asuntos que se vaian tratar, cunha antelación mínima de setenta e dúas horas.

2. A comunicación practicada por medios electrónicos só será válida se existe constancia da súa transmisión e recepción, da súa data, do seu contido íntegro e da identidade da persoa remitente e da persoa destinataria.

3. A comunicación entenderase practicada no momento en que se produza o acceso ao seu contido no correspondente enderezo electrónico. Cando, existindo constancia da recepción da notificación no enderezo electrónico, transcorran catro días naturais para as convocatorias de sesións ordinarias, e vinte e catro horas para as convocatorias de sesións extraordinarias sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Artigo 18. Orde do día

1. A orde do día será fixada pola persoa titular da Presidencia do Consello de Comunidades Galegas por proposta da persoa titular do órgano competente en materia de emigración.

2. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 19. Constitución

1. O Pleno quedará validamente constituído en primeira convocatoria sempre que estean presentes o/a presidente/a e o/a secretario/a ou, de ser o caso, aqueles/as que os/as substitúan, e a metade polo menos dos seus membros. En segunda convocatoria, quedará validamente constituído sexa cal for o número de membros asistentes, sempre que estean presentes o/a presidente/a e o/a secretario/a ou, de ser o caso, as persoas que os/as substitúan.

2. Os/as representantes das comunidades galegas acreditarán a súa representación por certificación do órgano competente segundo os seus estatutos.

Á vista destas certificacións, a persoa titular da Secretaría do Consello de Comunidades Galegas expediralles a correspondente acreditación para asistiren ao Pleno.

Artigo 20. Relatorios e comunicacións

1. Cunha antelación mínima de dous meses, a persoa titular do órgano competente en materia de emigración comunicará ás comunidades galegas membros do Pleno os relatorios que serán obxecto de estudo e análise na sesión, para que estas comuniquen, por orde de prioridade, os tres en que desexen participar e propoñan as comunicacións que consideren oportunas.

2. Á vista das propostas das comunidades galegas, atendendo á orde de contestación e tendo en conta a integración da perspectiva de xénero e o obxectivo da igualdade entre mulleres e homes, a persoa titular do órgano competente en materia de emigración acordará a composición dos relatorios, así como as comunicacións que se presentarán en cada un deles, procurando unha composición equilibrada que garanta unha adecuada representación das comunidades galegas neles.

3. Cada comunidade galega só poderá participar nun relatorio.

4. A composición dos relatorios e as comunicacións que se presenten serán comunicadas ás comunidades galegas cunha antelación mínima de quince días hábiles.

Artigo 21. Desenvolvemento dos relatorios e votacións

1. Unha vez constituído validamente o Pleno, procederase á constitución dos relatorios.

2. A persoa titular do órgano competente en materia de emigración designará, para cada relatorio, unha persoa que exercerá a Presidencia. Igualmente designará unha persoa funcionaria que exercerá a Secretaría con voz pero sen voto.

3. Os relatorios serán expostos polas persoas relatoras.

4. Darase lectura ás comunicacións presentadas en cada relatorio.

5. As conclusións dos relatorios serán aprobadas por maioría simple dos membros asistentes e levantarase acta sucinta delas.

6. O voto será persoal e indelegable.

7. As votacións serán ordinarias e realizaranse levantando a man, primeiro quen aprobe, despois quen desaprobe e, finalmente, quen se absteña.

8. Realizada a votación, a persoa titular da Secretaría efectuará a contaxe e anotará os votos a favor, en contra e as abstencións, que serán feitos públicos pola Presidencia.

9. As conclusións dos relatorios serán elevadas ao Pleno para a súa aprobación.

Artigo 22. Votacións do Pleno

1. Os acordos do Pleno serán adoptados por maioría simple dos membros asistentes. No caso de empate, será dirimente o voto da persoa titular da Presidencia.

2. As votacións realizaranse por asentimento á proposta da Presidencia, entendéndose aprobadas cando, unha vez enunciadas, non susciten reparo ou oposición.

3. O voto será persoal e indelegable.

4. Realizada a votación, a persoa titular da Secretaría efectuará a contaxe e anotará os votos a favor, en contra e as abstencións, que serán feitos públicos pola Presidencia.

5. As propostas, acordos, informes ou recomendacións do Pleno, que non terán carácter vinculante, serán canalizadas pola persoa titular da Presidencia do Consello de Comunidades Galegas a través do órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia.

Artigo 23. Actas do Pleno

1. De cada sesión do Pleno a persoa titular da Secretaría levantará a correspondente acta, na cal se reflectirán as persoas e entidades asistentes, a orde do día, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou, as deliberacións e os acordos adoptados.

2. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros do Pleno, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable.

3. Calquera membro do Pleno ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue no acto ou no prazo que sinale a persoa titular da Presidencia o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, que se unirá á acta.

4. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito, que se unirá á acta no prazo das corenta e oito horas seguintes á finalización da sesión.

5. As actas aprobaranse na seguinte sesión do Pleno. No entanto, a persoa titular da Secretaría poderá emitir, antes da aprobación da acta, certificacións sobre os acordos específicos adoptados, nas cales se fará constar expresamente tal circunstancia.

6. As actas deberán ser asinadas pola persoa titular da Secretaría e serán visadas pola persoa titular da Presidencia.

7. As actas serán publicadas na páxina web do órgano competente en materia de emigración.

CAPÍTULO III
Da Comisión Delegada

Artigo 24. Composición da Comisión Delegada

1. A Comisión Delegada estará composta por:

a) O/a presidente/a do Consello de Comunidades Galegas.

b) O/a vicepresidente/a do Consello de Comunidades Galegas.

c) Catro comunidades galegas en representación das asentadas nas comunidades autónomas de España.

d) Catro comunidades galegas en representación das asentadas fóra de España en países de Europa, África e Asia.

e) Catro comunidades galegas en representación das asentadas en países de América e Oceanía.

f) Un/unha representante por cada comunidade galega inscrita no Rexistro da Galeguidade que teña máis de 20.000 socios/as galegos/as e que cumpra co sinalado para eles no artigo 8.2 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, para o seu recoñecemento.

2. Nos casos de delegación do/da presidente/a, vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, actuará como tal o/a vicepresidente/a do Consello de Comunidades Galegas.

3. A persoa titular da Secretaría do Consello de Comunidades Galegas exercerá a Secretaría nas sesións da Comisión Delegada.

4. Poderán incorporarse ás sesións da Comisión Delegada, con voz pero sen voto, as persoas que a Presidencia xulgue oportuno que asistan pola súa relevancia nas materias que se vaian tratar.

Artigo 25. Atribucións da Comisión Delegada

1. Son atribucións da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas:

a) Asumir as funcións que corresponden ao Pleno do Consello de Comunidades Galegas no período en que este órgano non estea reunido.

b) Preparar as sesións do Pleno, tanto ordinarias como extraordinarias, fixando os relatorios que se deban estudar e discutir nel.

c) Someter á aprobación do/a presidente/a aqueles asuntos que os membros da Comisión consideren que deben ser incluídos na orde do día, tanto do Pleno como da Comisión Delegada.

d) Elaborar a memoria anual que preceptúa o artigo 43.1.c) da Lei 7/2013, do 13 de xuño, tendo en conta a proposta presentada polo órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia.

e) Elaborar informes e consultas previos á aprobación polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia do recoñecemento da galeguidade ás entidades galegas asentadas fóra de Galicia.

Estes informes e consultas elevaranse ao órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia.

f) Manter a comunicación coas comunidades galegas e recoller aqueles asuntos que sexan considerados de interese polas comunidades galegas da súa área xeográfica específica e dar traslado deles ao órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia.

g) Informar as comunidades galegas de todos aqueles asuntos relacionados co ámbito da emigración e da galeguidade.

h) Informar o Pleno do Consello de Comunidades Galegas das actuacións desenvolvidas durante o seu período de funcionamento.

i) Aquelas outras funcións que lle sexan delegadas polo Pleno do Consello de Comunidades Galegas.

Artigo 26. Comisións de estudo

1. A Comisión Delegada poderá acordar a constitución de comisións de estudo para tratar dos asuntos propios que se lles encomenden.

2. As propostas que elaboren as comisións de estudo serán elevadas á Comisión Delegada para o seu debate e aprobación.

Artigo 27. Sesións da Comisión Delegada

A Comisión Delegada reunirase en sesión ordinaria una vez ao ano e en sesións extraordinarias cando a persoa titular da Presidencia o considere necesario pola transcendencia dos asuntos que se vaian tratar ou cando o solicite a metade, ao menos, dos seus membros.

Artigo 28. Convocatoria e lugar de celebración

1. Corresponde á persoa titular da Presidencia do Consello de Comunidades Galegas a convocatoria da Comisión Delegada, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia por resolución da persoa titular do órgano competente en materia de emigración, cunha antelación mínima de 15 días hábiles. Non obstante o anterior, nos casos de urxencia, as convocatorias de sesións extraordinarias poderán publicarse cunha antelación mínima de 7 días hábiles.

2. O lugar de celebración da Comisión Delegada será determinado pola persoa titular da Presidencia ou pola persoa titular da Vicepresidencia por delegación daquela e celebrarase en Galicia ou nunha localidade que teña, polo menos, unha comunidade galega asentada no seu territorio.

Artigo 29. Comunicacións

1. A persoa titular da Secretaría do Consello comunicará a convocatoria aos seus membros por medios electrónicos, xunto coa orde do día e coa documentación necesaria dos asuntos que se vaian tratar, cunha antelación mínima de setenta e dúas horas.

2. A comunicación practicada por medios electrónicos só será valida se existe constancia da súa transmisión e recepción, da súa data, do seu contido íntegro e da identidade da persoa remitente e da persoa destinataria.

3. A comunicación entenderase practicada no momento en que se produza o acceso ao seu contido no correspondente enderezo electrónico. Cando, existindo constancia da recepción da notificación no enderezo electrónico, transcorran catro días naturais para as convocatorias de sesións ordinarias e vinte catro horas para as convocatorias de sesións extraordinarias, sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Artigo 30. Orde do día

1. A orde do día será fixada pola persoa titular da Presidencia do Consello de Comunidades Galegas por proposta da persoa titular do órgano competente en materia de emigración.

2. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 31. Constitución

1. A Comisión Delegada quedará validamente constituída en primeira convocatoria sempre que estean presentes as persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, as persoas que as substitúan, e a metade, polo menos, dos seus membros. En segunda convocatoria, quedará validamente constituída sempre que estean presentes as persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, as persoas que as substitúan, así como, ao menos, unha persoa representante das comunidades galegas de cada unha das áreas xeográficas relacionadas no artigo 36.

2. As persoas representantes das comunidades galegas membros da Comisión Delegada acreditarán a súa representación por certificación do órgano competente segundo os seus respectivos estatutos.

Á vista destas certificacións, a persoa titular da Secretaría do Consello de Comunidades Galegas expediralles a correspondente acreditación para asistiren á Comisión Delegada.

3. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia dotará os membros da Comisión Delegada dos medios tecnolóxicos necesarios para facilitar o cumprimento das súas funcións e a permanente información e comunicación entre si e coas correspondentes comunidades galegas que representan e os restantes órganos do Consello.

Artigo 32. Votacións

1. Os acordos da Comisión Delegada serán adoptados por maioría simple dos membros asistentes. No caso de empate, será dirimente o voto da persoa titular da Presidencia.

2. As votacións serán ordinarias e realizaranse levantando a man, primeiro quen aprobe, despois quen desaprobe e, finalmente, quen se absteña.

3. O voto será persoal e indelegable.

4. Realizada a votación, a persoa titular da Secretaría efectuará a contaxe e anotará os votos a favor, en contra e as abstencións, que serán feitos públicos pola Presidencia.

5. As propostas, acordos, informes ou recomendacións da Comisión Delegada serán canalizadas pola persoa titular da Presidencia do Consello de Comunidades Galegas a través do órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia.

Artigo 33. Actas

1. De cada sesión da Comisión Delegada a persoa titular da Secretaría levantará a correspondente acta, na cal se reflectirán as persoas e entidades asistentes, a orde do día, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou, as deliberacións e os acordos adoptados.

2. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros da Comisión Delegada, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable.

3. Calquera membro da Comisión Delegada ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue no acto ou no prazo que sinale a persoa titular da Presidencia o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, que se unirá á acta.

4. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito, que se unirá á acta, no prazo das corenta e oito horas seguintes á finalización da sesión.

5. As actas aprobaranse na seguinte sesión da Comisión Delegada. No entanto, a persoa titular da Secretaría poderá emitir, antes da aprobación da acta, certificacións sobre os acordos específicos adoptados, nas cales se fará constar expresamente tal circunstancia.

6. As actas deberán ser asinadas pola persoa titular da Secretaría e serán visadas pola persoa titular da Presidencia.

7. As actas serán publicadas na páxina web do órgano competente en materia de emigración.

TÍTULO IV
Procedemento para a elección das comunidades galegas representantes
na Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 34. Comunidades galegas membros da Comisión Delegada

De conformidade co establecido no artigo 49.1 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, e no artigo 24 deste regulamento, formarán parte da Comisión Delegada catro comunidades galegas en representación das asentadas nas comunidades autónomas de España, catro en representación das asentadas fóra de España en países de Europa, África e Asia e catro en representación das asentadas en países de América e Oceanía.

Artigo 35. Elección das comunidades galegas

De conformidade co establecido no artigo 40.2 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, e no artigo 9.2 deste regulamento, as persoas titulares das vogalías representantes das comunidades galegas no Consello de Comunidades Galegas elixirán, cada unha dentro da súa área xeográfica, as comunidades galegas que as representarán na Comisión Delegada.

Artigo 36. Áreas xeográficas

Para os efectos deste regulamento, as comunidades galegas estarán integradas, en atención ao país en que estean asentadas, nalgunha das seguintes áreas xeográficas:

a) España.

b) Resto de Europa, África e Asia.

c) América e Oceanía.

Artigo 37. Ponderación e determinación do voto

1. O voto das comunidades galegas na elección das que as representarán na Comisión Delegada será un voto ponderado, que será o resultado de sumar os votos obtidos mediante a aplicación dos seguintes parámetros:

a) Representatividade da colectividade galega no país ou comunidade autónoma en que estea asentada a entidade: corresponderanlle de 1 a 5 votos, que se determinarán do seguinte xeito:

1º. En primeiro lugar, calcularase o índice de ponderación de área xeográfica, que será o resultado de dividir o número de persoas galegas residentes na área xeográfica entre o número de comunidades galegas existentes nela.

2º. A continuación, calcularase o índice de ponderación de país ou comunidade autónoma, que será o resultado de dividir o número de persoas galegas residentes no país ou comunidade autónoma entre o índice de ponderación de área xeográfica.

3º. Por último, calcularase o índice de ponderación do voto, que será o resultado de dividir o índice de ponderación do país ou comunidade autónoma entre o número de comunidades galegas existentes no país ou comunidade autónoma.

En función do índice de ponderación do voto obtido, a cada comunidade galega asignaráselle o voto en función da seguinte escala:

De 0,1 a 1: 1 voto.

De 1,01 a 1,50: 2 votos.

De 1,51 a 2: 3 votos.

De 2,01 a 3,50: 4 votos.

Máis de 3,50: 5 votos.

b) Recoñecemento como comunidade galega: a cada comunidade galega recoñecida corresponderalle 1 voto.

c) Número de persoas socias da comunidade galega: corresponderanlle de 1 a 5 votos, en función da seguinte escala:

Ata 600 persoas socias: 1 voto.

De 601 a 1.000 persoas socias: 2 votos.

De 1.001 a 1.500 persoas socias: 3 votos.

De 1.501 a 5.000 persoas socias: 4 votos.

Máis de 5.000 persoas socias: 5 votos.

2. O número de votos que, de conformidade co establecido no punto anterior, le corresponderá a cada comunidade galega, será determinado polo órgano competente en materia de emigración cunha antelación mínima dun mes á realización do correspondente proceso electoral.

Para estes efectos, serán tidos en conta os datos do PERE ou do INE do mes anterior a aquel en que se realice a determinación do voto ponderado.

Artigo 38. Comunidades galegas electoras e elixibles

1. Como membros do Consello de Comunidades Galegas, son electoras, cada unha na súa área xeográfica, todas as comunidades galegas que estean recoñecidas e figuren inscritas no Rexistro da Galeguidade.

2. As ditas comunidades serán igualmente elixibles, cada unha na súa área xeográfica, sempre que presenten a súa candidatura no correspondente proceso electoral.

Artigo 39. Duración do mandato

O mandato das comunidades galegas elixidas representantes na Comisión Delegada será de tres anos, sen prexuízo da súa posible reelección.

CAPÍTULO II
Convocatoria do proceso electoral

Artigo 40. Convocatoria do proceso electoral

O proceso electoral será convocado con ocasión da sesión ordinaria do Pleno do Consello de Comunidades Galegas que se celebrará cada tres anos mediante a inclusión na súa orde do día.

CAPÍTULO III
Procedemento electoral

Artigo 41. Comisión Electoral

1. A Comisión Electoral terá a seguinte composición:

a) A Presidencia: que corresponderá á persoa titular do órgano competente en materia de emigración.

b) As vogalías: que corresponderán a tres persoas funcionarias nomeadas pola persoa titular do órgano competente en materia de emigración.

c) A Secretaría: que corresponderá á persoa titular da Secretaría do Consello de Comunidades Galegas.

2. A Comisión Electoral terá as seguintes funcións:

a) Garantir e velar polo correcto desenvolvemento do proceso electoral, que estará suxeito aos principios de publicidade, libre participación, igualdade, obxectividade e sometemento ás normas establecidas.

b) Establecer e facer públicas as normas e as follas de presentación de candidaturas e as papeletas de votación que rexerán o proceso electoral, así como os horarios deste, e dispoñer os medios axeitados para o correcto desenvolvemento do proceso.

c) Dirixir o proceso electoral mediante a constitución da Mesa Electoral.

d) Levantar acta e elevar o resultado do proceso electoral á persoa titular da Presidencia do Consello de Comunidades Galegas.

d) Dirimir e adoptar as resolucións que correspondan en relación coas reclamacións presentadas no proceso electoral e resolver calquera dúbida ou incidencia que puider presentarse durante este.

Artigo 42. Presentación e proclamación de candidaturas

1. A presentación das candidaturas formalizarase ante a Secretaría do Consello de Comunidades Galegas no prazo e na forma establecidos pola Comisión Electoral.

2. Corresponde á persoa que represente legalmente cada comunidade galega debidamente acreditada conforme o establecido no artigo 19.2 a presentación da candidatura na súa correspondente área xeográfica.

3. A Comisión Electoral comunicará ás persoas representantes das candidaturas as irregularidades ou defectos apreciados de oficio ou denunciados por calquera participante no proceso electoral, para os efectos da súa inmediata corrección, de ser o caso.

4. Rematado o prazo de presentación de candidaturas, a Comisión Electoral realizará a proclamación das candidaturas por áreas xeográficas e por países ou comunidades autónomas, e faraas públicas no taboleiro de anuncios do Pleno.

Artigo 43. Constitución da Mesa Electoral

1. Existirá unha única Mesa Electoral que estará composta por dúas persoas funcionarias designadas pola persoa titular do órgano competente en materia de emigración e por unha persoa representante das comunidades galegas por cada unha das áreas xeográficas relacionadas no artigo 36, elixidas mediante sorteo público entre todas as persoas representantes das comunidades galegas participantes no Pleno.

2. A Mesa Electoral disporá de tres urnas de votación, unha por cada área xeográfica.

3. A Mesa Electoral será a encargada do escrutinio dos votos unha vez finalizada a votación, levantando sucinta acta deles.

Artigo 44. Votación

1. A votación realizarse no horario e lugar establecido pola Comisión Electoral.

2. O sistema de elección será o de listas abertas por áreas xeográficas.

3. A persoa que represente legalmente cada comunidade galega utilizará a papeleta correspondente á súa área xeográfica e elixirá un máximo de catro, unha por cada país ou comunidade autónoma, de entre as candidatas da súa área xeográfica.

Artigo 45. Escrutinio dos votos

1. Finalizado o prazo establecido para a votación ou rematada esta, a Mesa Electoral procederá ao escrutinio público dos votos por áreas xeográficas, tendo en conta o voto ponderado que corresponda a cada comunidade galega electora.

2. Nas papeletas en que se elixa máis dunha candidata do mesmo país ou comunidade autónoma, só se terá en conta a que figure en primeira posición.

3. Nas papeletas en que se elixan comunidades que non pertenzan á área xeográfica da comunidade electora, só serán tidas en conta as correspondentes á súa área xeográfica.

4. Serán consideradas nulas as papeletas en que se elixan máis de catro candidatas.

Artigo 46. Elevación da proposta, proclamación dos resultados e nomeamento

Rematado o escrutinio de votos e levantada a correspondente acta, a Mesa Electoral dará traslado á Comisión Electoral, que elaborará a correspondente proposta por cada área xeográfica das comunidades elixidas, así como das dúas seguintes na condición de substitutas, e a elevará á persoa persoal titular da Presidencia do Consello de Comunidades Galegas para a súa proclamación e nomeamento das comunidade galegas electas.

Disposición adicional primeira. Aplicación e determinación do voto cualificado das entidades resultantes dun proceso de unión ou fusión

1. O voto cualificado que, de conformidade co establecido na disposición transitoria quinta da Lei 7/2013, do 13 de xuño, corresponde ás entidades resultantes dun proceso de unión ou fusión será de aplicación, durante un período transitorio de dous mandatos contado desde a celebración do Pleno seguinte á finalización do correspondente proceso, nas votacións que teñan lugar nos procesos electorais que se convoquen para a elección das comunidades galegas representantes na Comisión Delegada.

2. Para estes efectos, e para a determinación do voto ponderado previsto no artigo 37, ás entidades resultantes dun proceso de unión ou fusión asignaránselles, polo seu recoñecemento como comunidade galega, tantos votos como comunidades galegas participasen no dito proceso de unión ou fusión.

Disposición adicional segunda. Composición equilibrada dos órganos

Na composición dos órganos regulados neste regulamento procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Disposición adicional terceira. Consignacións orzamentarias

As actuacións do Consello de Comunidades Galegas e das comisións previstas neste regulamento non xerarán incremento das consignacións orzamentarias do órgano competente en materia de emigración.