Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Xoves, 13 de agosto de 2015 Páx. 33326

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 10 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade ao acordo sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal de Angueira de Suso, da parroquia de Cruces, no concello de Padrón.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade de que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 10 de xullo de 2015, adoptou o seguinte acordo en relación coa revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal de Angueira de Suso, da parroquia de Cruces, no concello de Padrón.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O monte Angueira de Suso da parroquia de Cruces no concello de Padrón foi declarado veciñal por resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña o 11.2.1980, en favor dos veciños do lugar de Angueira de Suso da dita parroquia e concello. No expediente consta un simple esbozo como única información cartográfica, moi impreciso, sen escala nin orientación, que non reúne as características de fiabilidade e precisión que se poden acadar coas novas técnicas topográficas.

Segundo. Con data do 26.1.2015, o presidente da comunidade veciñal comunícalle ao Xurado que se realizou un levantamento topográfico do monte, achega un informe técnico de medición e solicita que se incorpore esta adaptación topográfica ao seu expediente de clasificación .

Terceiro. O Servizo de Montes informa favorablemente o 1.6.2015, por medio do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común, sobre esta proposta de revisión da cartografía actualizada do monte veciñal de Angueira de Suso, en atención ao previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

No seu informe especifica que a revisión topográfica supón unha modificación substancial nos lindes descritos en letra na resolución da súa clasificación, xa que os da resolución son incoherentes coa cartografía do expediente e coa realidade; a súa superficie varía moi pouco.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segundo. O informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, do 1.6.2015, contén unha proposta de adaptación do esbozo existente do monte veciñal de Angueira de Suso de Padrón a unha cartografía de fiabilidade e precisión adaptada ás novas técnicas topográficas con apoio nunha ampla xustificación documental e validando un plano de levantamento topográfico de setembro de 2014 presentado por instancia da comunidade.

Vista a proposta de revisión presentada sobre a adaptación de esbozo do monte veciñal de Angueira de Suso, que achega o responsable da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural e do Mar, este xurado, por unanimidade dos membros presentes con dereito a voto,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar a proposta de adaptación de esbozo do monte veciñal de Angueira de Suso, da parroquia de Cruces, no concello de Padrón, presentada pola comunidade propietaria e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, no seu informe do 1.6.2015, e a planimetría que o acompaña e que forma parte desta resolución, de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. O monte veciñal queda coas características seguintes:

Monte: Angueira de Suso.

Superficie: 54 ha, no canto das 55,68 ha da resolución da clasificación.

As súas estremas son:

Norte: vía do AVE, propiedades particulares do Concello de Padrón e autoestrada AP-9.

Leste: propiedades particulares do Concello de Teo.

Sur: monte veciñal en man común de Cruces (exp. 141).

Oeste: propiedades particulares do Concello de Padrón.

Segundo. Notificarlle este acordo á comunidade propietaria e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A Coruña, 10 de xullo de 2015

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña