Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 11 de agosto de 2015 Páx. 32887

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 28 de xullo de 2015 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco.

O Concello de Coristanco remite o Plan Xeral de Ordenación Municipal en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Logo de analizar o expediente administrativo e os documentos que integran o PXOM de Coristanco, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Coristanco conta na actualidade cun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 15 de maio de 2000, con dúas modificacións puntuais aprobadas definitivamente en datas 16 de marzo de 2003 e o 26 de marzo de 2010 e dous plans de sectorización en desenvolvemento dos solos urbanizables non delimitados APU-M1 (AD do 14 de abril de 2005) e APU-R7 (AD do 25 de setembro de 2006).

I.2. Avaliación ambiental estratéxica.

O 6 de novembro de 2008 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite o documento de referencia para a avaliación ambiental estratéxica e o 19 de marzo de 2015 resolveu formular a memoria ambiental do PXOM de Coristanco.

I.3. Tramitación.

1. Con data do 7 de maio de 2012, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial, de conformidade co artigo 85.1 da LOUG.

2. O Concello Pleno do 28 de novembro de 2012 aprobou inicialmente o PXOM e someteuno a información pública mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia e El Diario de Bergantiños (6 de decembro de 2012 e 5 de decembro de 2012 respectivamente) e no DOG do 31 de decembro de 2012. Simultaneamente, deuse audiencia aos concellos limítrofes de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Santa Comba, Tordoia, Zas e Carballo.

3. En cumprimento da lexislación sectorial vixente emitíronse os seguintes informes:

a) En materia de estradas: informes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Axencia Galega de Infraestruturas) de datas 27 de xuño de 2013 (desfavorable) e 17 de novembro de 2014 (favorable condicionado); e da Deputación Provincial da Coruña de datas 14 de novembro de 2013 e 14 de outubro de 2014 (favorable condicionado).

b) En materia de patrimonio cultural: informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de datas 3 de decembro de 2013 (desfavorable) e 22 de xaneiro de 2015 (favorable condicionado).

c) En materia de augas: informes de Augas de Galicia da CMATI de datas 31 de xullo de 2013 (favorable con observacións) e do 18 de marzo de 2015 (favorable).

d) En materia de montes: informes do Servizo de Montes e Industrias Forestais da Consellería do Medio Rural e do Mar de datas 13 de decembro de 2010 e 6 de marzo de 2013.

e) Espazos naturais: informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 30 de setembro de 2013.

f) En materia de telecomunicacións: informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións y Tecnoloxías da información, de data 29 de xaneiro de 2013.

g) En materia da afección das infraestruturas enerxéticas na planificación territorial e urbanística: informe da Subdirección Xeral de Planificación Enerxética do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio de data 28 de febreiro de 2013.

h) En materia de minas: informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas de data 18 de febreiro de 2013 (favorable con observacións) e Informe da Consellería de Economía e Industria sobre dereitos mineiros de data 20 de febreiro de 2013.

4. O Concello Pleno de Coristanco aprobou provisionalmente o documento do Plan xeral de ordenación municipal en sesión do 10 de abril de 2015.

II. Análise do plan e consideracións.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, analizouse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan, a súa conformidade coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; e a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Coristanco axústase, en xeral, aos criterios fundamentais expresados na LOUG e ás exixencias de utilización racional dos recursos naturais, da paisaxe rural e do desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio, recoñecendo o sistema tradicional de asentamentos e establecendo para eles unha ordenación propia, definindo as necesarias proteccións nos terreos que as precisan e prevendo ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos, mellorando a ordenación urbanística vixente.

Porén, puidéronse observar as seguintes consideracións, que cómpre xustificar axeitadamente ou, noutro caso, corrixir:

Solo urbano.

1. En cumprimento do informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 30 de setembro de 2013, o PXOM debe limitar o crecemento do núcleo urbano de San Roque na zona situada fronte ao solo urbano comercial.

2. Obsérvanse ámbitos de solo urbano precisados de actuacións illadas para acadar a totalidade dos preceptivos servizos urbanísticos:

– San Roque: rúa ao norte da estación de servizo; tramo da rúa do Calvario entre a estrada xeral e a travesía da Charrúa; e parte alta da rúa Cancelo.

– Bormoio: contorno da rúa do Marco e do polideportivo.

Solo de núcleo rural.

1. A delimitación dalgúns ámbitos de solo de núcleo rural común non semella congruente coa estrutura e morfoloxía dos asentamentos tradicionais pois formúlanse delimitacións artificiosas ou establécense continuidades forzadas entre asentamentos tradicionais:

– Parroquia de Santa Baia de Castro: núcleo de Castro.

– Parroquia de Cuns: núcleo do Pazo da Trabe novo.

– Parroquia de Erbecedo: núcleos dos Loureiros-O Carballás-O Pumariño-A Torre; e A Pomba-Os Cucheiros-A Cepa.

– Parroquia de Oca: núcleos de Montecelo e Oca novo.

– Parroquia de Seavia: núcleo de Buxán novo centro.

– Parroquia de Valenza: núcleo da Serra.

2. Proxéctanse crecementos inxustificados na periferia dos núcleos comúns de:

– Parroquia de Coristanco: núcleos de San Paio novo; A Costa do Carrizal; e As Tarandeiras novo.

– Parroquia de Couso: Núcleos de Brenlla novo e A Furoca novo.

– Parroquia de Erbecedo: núcleos dos Loureiros, A Braña e A Pedreira-A Cereixa.

– Parroquia de Oca: núcleo de Carantos novo.

– Parroquia de San Xusto: núcleo de Rececinde novo.

– Parroquia de Traba: núcleo de Muíño Seco novo.

Solo urbanizable.

De conformidade coa determinación 3.1.4 das DOT, o PXOM deberá fundamentar as súas previsións nun diagnóstico xustificado da necesidade de novas vivendas no horizonte temporal para o cal se formula o plan. Considerando a capacidade edificatoria residencial dos ámbitos do solo urbano, núcleos rurais e do solo urbanizable delimitado, non semella axeitada a previsión do solo urbanizable non delimitado situado ao norte da estrada AC-552.

Normativa.

O artigo 3.2.3 da normativa deberá axustarse ao sinalado no artigo 48 da LOUG, que prohíbe expresamente o uso residencial en sotos e semisotos.

Documentación.

No estudo do Modelo de asentamento poboacional non se achegan as fichas dos núcleos das Codeseiras, A Esfarrapa, Bardoio, Centiña, As Tarandeiras e A Rabuxenta.

Cómpre revisar a estratexia de actuación en que figuran actuacións que xa non inclúe o PXOM (pax. 8 da estratexia de actuación).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, de 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede, resolvo:

1. Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ás consideracións sinaladas no punto II anterior, deixando en suspenso, nomeadamente:

– Ámbitos de solo urbano correspondentes a crecemento do núcleo urbano de San Roque, na zona situada fronte ao solo urbano comercial; rúa ao norte da estación de servizo; tramo da rúa do Calvario entre a estrada xeral e a travesía da Charrúa; e parte alta da rúa Cancelo; contorno da rúa do Marco e do polideportivo.

– Núcleos rurais de Castro; O Pazo da Trabe novo; Os Loureiros-O Carballás-O Pumariño-A Torre; Montecelo; Oca novo; Buxán novo centro; A Serra; San Paio novo; A Costa do Carrizal; As Tarandeiras novo; Brenlla novo; A Furoca novo; A Braña; A Pedreira-A Cereixa; Carantos novo; Rececinde novo e Muíño Seco novo.

– Solo urbanizable non delimitado situado ao norte da estrada AC-552.

2. O Concello deberá emendar as deficiencias sinaladas, elaborar un novo documento coas correccións indicadas e, logo da súa aprobación polo pleno da corporación, elevalo mesmo ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Coristanco, 28 de xullo de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas