Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 31 de xullo de 2015 Páx. 31935

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de xullo de 2015 pola que se fai pública a modificación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 6 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento CT130A).

Con data do 23 de marzo de 2015 (DOG número 55) publicouse a Orde do 6 de marzo de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

As axudas teñen unha contía total de 77.740 €, que se distribúen nas seguintes aplicacións orzamentarias e contías:

– 09.20.432A.744.4 (Universidades): 20.300 €.

– 09.20.432A.760.0 (Entidades locais): 27.440 €.

– 09.20.432A.781.0 (Entidades sen fin de lucro): 30.000 €.

Con data do 17 de xuño de 2015 autorizouse unha transferencia de crédito por importe de 9.881,01 € entre os dous conceptos orzamentarios.

O obxecto da modificación é o incremento de crédito destinado ás entidades locais da aplicación 09.20.432A.760.0, o que segundo o artigo 3.5 poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa finalidade de facer chegar as axudas ao maior número de beneficiarios posible.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modificar o importe das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 6 de marzo de 2015, publicada o 23 de marzo de 2015 (DOG número 55), e engadir a contía de 9.881,01€ con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.432A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2015.

Artigo 2

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida Orde do 6 de marzo de 2015 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria