Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 21 de xullo de 2015 Páx. 30493

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 2 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunican aos posibles titulares de dereitos e intereses os acordos adoptados por este xurado, relativos aos expedientes 26/75, 27/75, 25/75 e 31/75.

Na sesión realizada polo Xurado Provincial con data do 30 de xuño de 2015, figuran os acordos seguintes:

Monte de Santa Mariña (expediente 26/75), pertencente aos veciños da parroquia de Santa Mariña de Lagostelle, no termo municipal de Guitiriz, e do clasificado como veciñal en man común por resolución do Xurado Provincial con data do 31 de xullo de 1975 e monte de Mariz (expediente 27/75), pertencente aos veciños da parroquia de Mariz, no termo municipal de Guitiriz, e clasificado como veciñal en man común por resolución do Xurado Provincial con data do 31 de xullo de 1975. O 7 de novembro de 2014, tivo entrada escrito asinado por Ramón Iglesias Díaz como presidente da Xunta Reitora de Santa Mariña de Lagostelle, co que achega un acordo de deslindamento de avinza practicado entre estas comunidades, en canto ás liñas divisorias que separan os dous montes, aprobado mediante acto conciliatorio realizado o 9 de setembro de 2014, perante o Xulgado de Paz de Guitiriz; xuntan acta do deslindamento, planos topográficos, acta de conciliación levantada no Xulgado e certificacións de aprobación por parte das comunidades implicadas. Dado traslado do devandito deslindamento ao Servizo de Montes, o 10 de marzo de 2015 emite un informe no cal se especifican as modificacións de superficie que se producen como consecuencia da avinza. O monte de Santa Mariña queda cunha superficie de 687,45 hectáreas, e o monte de Mariz cunha superficie de 702,85 hectáreas. Examinada a documentación presentada, o xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento por avinza practicado, e proceder ás oportunas modificacións nos expedientes respectivos.

Monte de Santa Mariña (expediente 26/75), pertencente aos veciños da parroquia de Santa Mariña de Lagostelle, no termo municipal de Guitiriz, e clasificado como veciñal en man común por resolución do Xurado Provincial con data do 31 de xullo de 1975 e monte de San Xoán (expediente 25/75), pertencente aos veciños da parroquia de San Xoán de Lagostelle, no termo municipal de Guitiriz, e clasificado como veciñal en man común por Resolución do 31 de xullo de 1975. O 7 de novembro de 2014 foi presentado un escrito de Ramón Iglesias Díaz, como presidente de Santa Mariña de Lagostelle, co que achega un acordo de deslindamento por avinza entre as dúas comunidades, en canto ás liñas divisorias que separan os montes, aprobado mediante acto conciliatorio realizado o 31 de outubro de 2014, perante o Xulgado de Paz de Guitiriz. Xuntan acta do deslindamento, planos topográficos, acta de conciliación e certificacións de aprobación por parte das comunidades implicadas. Dado traslado ao Servizo de Montes, o 25 de xuño de 2015 emite un informe no cal se especifican as modificacións de superficie que se producen como consecuencia da avinza. O monte de Santa Mariña, tendo en conta o deslindamento con Mariz, queda cunha superficie de 746,57 hectáreas, e o monte de San Xoán, cunha superficie de 1.315,13 hectáreas. Examinada a documentación presentada, o Xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento por avinza practicado, e proceder ás oportunas modificacións nos expedientes respectivos, coas matizacións que constan no informe técnico.

Monte de Vilares (expediente 31/75), pertencente aos veciños da parroquia de Vilares, no termo municipal de Guitiriz, e clasificado como veciñal en man común por resolución do Xurado Provincial o 31 de xullo de 1975 e monte de San Xoán (expediente 25/75), pertencente aos veciños da parroquia de San Xoán de Lagostelle, no termo municipal de Guitiriz, e clasificado como veciñal en man común por resolución do 31 de xullo de 1975. O 7 de novembro de 2014 foi presentado un escrito de José Luis López Fraga, como presidente de Vilares, co que achega un acordo de deslindamento por avinza entre as dúas comunidades, en canto ás liñas divisorias que separan os montes, aprobado mediante acto conciliatorio realizado o 31 de outubro de 2014, perante o Xulgado de Paz de Guitiriz. Xuntan acta do deslindamento, planos topográficos, acta de conciliación e certificacións de aprobación por parte das comunidades implicadas. Dado traslado ao Servizo de Montes, o 25 de xuño de 2015 emite un informe no cal se especifican as modificacións de superficie que se producen como consecuencia da avinza. O monte de Vilares queda cunha superficie de 1.184,14 hectáreas, e o monte de San Xoán, tendo en conta o deslindamento con Santa Mariña, queda cunha superficie de 1.314,95 hectáreas. Examinada a documentación presentada, o Xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento por avinza practicado, e proceder ás oportunas modificacións nos expedientes respectivos.

Descoñecendo o nome e enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre os referidos montes, por medio do presente anuncio, en conformidade co disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, póñense no seu coñecemento os devanditos acordos.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para a execución da Lei de montes veciñais en man común, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Lugo, 2 de xullo de 2015

José Ramón Losada Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo