Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 14 de xullo de 2015 Páx. 29290

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter provisional, os aspirantes admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a convocado pola Resolución do 10 de decembro de 2014, modificada pola Resolución do 24 de abril de 2015.

Mediante Resolución desta dirección xeral, do 10 de decembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 242, do 18 de decembro), convocouse concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a.

Por Resolución do mesmo órgano, do 24 de abril de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 4 de maio), modificouse o anexo I da dita resolución, ampliando o número de prazas convocadas e reabrindo o prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso.

Finalizado este último prazo, de conformidade coa base sexta da resolución de convocatoria, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a convocado pola Resolución do 10 de decembro de 2014, modificada pola Resolución do 24 de abril de 2015.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, e os/as declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega, poderán examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) .

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. As persoas aspirantes excluídas e as declaradas non exentas da realización do exercicio de galego disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión e/ou a declaración de non exento/a da realización de tal exercicio, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación á cal se dirixiu a instancia de participación, que se deberá presentar nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

Cuarto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na resolución pola cal se aprobe, con carácter definitivo, a relación de admitidos/as e excluídos/as e de exentos/as e non exentos/as do exercicio acreditativo do coñecemento da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos