Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 7 de xullo de 2015 Páx. 28176

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2015, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

1. Wenceslao J. González Fernández, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 16 de abril de 2015, ante o notario Raúl Gerardo Muñoz Maestre, co número de protocolo 1.093, por Wenceslao J. González Fernández, que actúa no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 2.1 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto fins cívicos, educativos, culturais e científicos de Galicia, con especial atención á sociedade da información e á investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico. Dentro deste marco, a Fundación busca expresamente fins específicos que leven á promoción da filosofía da ciencia e a tecnoloxía na nosa sociedade galega, conscientes do fondo sentido que ten reflexionar sobre as bases de fondo do I+D+i, o seu contido e os seus posibles límites.

4. Na escritura de constitución da Fundación e nos seus estatutos constan os aspectos exixidos polos artigos 11 e 12 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. O padroado inicial da Fundación está formado por Wenceslao J. González Fernández como presidente; José Francisco Martínez Solano como secretario; e María José Arrojo Baliña e Amanda Guillán Dopico como vogais.

6. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

7. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 1 de xuño de 2015, clasificouse de interese educativo a Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no devandito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología, polo que,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. Esta fundación, queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2015

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria