Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 18 de xuño de 2015 Páx. 24191

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de xuño de 2015 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología con domicilio na avenida de Esteiro, número 70, en Ferrol (A Coruña),

Feitos:

1. Wenceslao J. González Fernández, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 16 de abril de 2015, ante o notario Raúl Gerardo Muñoz Maestre, co número de protocolo 1.093, por Wenceslao J. González Fernández, que actúa no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 2.1 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto fins cívicos, educativos, culturais e científicos de Galicia, con especial atención á sociedade da información e á investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico. Dentro deste marco, a Fundación busca expresamente fins específicos que leven á promoción da filosofía da ciencia e a tecnoloxía na nosa sociedade galega, conscientes do fondo sentido que ten reflexionar sobre as bases de fondo do I+D+i, o seu contido e os seus posibles límites.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Wenceslao J. González Fernández como presidente; José Francisco Martínez Solano como secretario; e María José Arrojo Baliña e Amanda Guillán Dopico como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 25 de maio de 2015,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Filosofía de la Ciencia y la Tecnología, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza