Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 3 de xuño de 2015 Páx. 21642

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 19 de maio de 2015 pola que se declara de utilidade pública a asociación Club Recreativo As Burgas de Ourense, inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións de Ourense.

O artigo 32 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, establece que, por iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas que reúnan determinados requisitos, que consisten esencialmente en que os seus fins estatutarios promovan o interese xeral, que a actividade desenvolvida non beneficie exclusivamente os asociados, que os membros dos órganos de representación non perciban retribucións con cargo a fondos públicos, que conten con medios adecuados e organización idónea para o cumprimento dos seus fins, e que estean constituídas, inscritas e en funcionamento durante dous anos anteriores á solicitude de declaración de utilidade pública.

En aplicación desta normativa, e presentada solicitude pola entidade interesada, instruíuse o expediente conforme o disposto no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública, no cal constan as memorias, xustificacións e informes previstos na citada norma, incluído informe desfavorable do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

O Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións, asigna estas funcións á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establecendo que será competente para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da instrución do procedemento polo órgano correspondente.

Examinada a normativa aplicable e a documentación presentada, e atendendo aos informes incorporados ao expediente, esta Administración ditou resolución denegatoria da declaración de utilidade pública da Asociación Club Recreativo As Burgas de Ourense en data 10 de febreiro de 2014, de conformidade co informe preceptivo do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, resolución que foi notificada á asociación mediante escrito do 17 de febreiro de 2014.

Contra esta resolución, a asociación presentou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que ditou sentenza estimatoria no 25 de marzo de 2015 recoñecendo o dereito á declaración de utilidade pública da asociación.

A sentenza foi declarada firme mediante resolución do tribunal do 24 de abril de 2015.

En virtude do exposto, en execución da dita sentenza e ao abeiro das facultades previstas no artigo 2 do Decreto 157/2008, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Declarar de utilidade pública a asociación Club Recreativo As Burgas, inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións de Ourense co número 1975/116-1.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza