Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 26 de maio de 2015 Páx. 20570

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2015, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo do núcleo rural de Olveira, no concello de Dumbría (A Coruña).

O Concello de Dumbría solicita a aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo do núcleo rural de Olveira, ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación remitida polo Concello de Dumbría e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

Antecedentes.

1. O Concello de Dumbría carece actualmente de planeamento xeral. Como planeamento aplicable rexen as Normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia da Coruña, aprobadas definitivamente por Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 3.4.1991.

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo resolveu, con data do 9.12.2009, non outorgar a aprobación definitiva á delimitación do solo de núcleo rural de Olveira, debendo o concello introducir as correccións necesarias para emendar o conxunto de deficiencias relacionadas nesa resolución.

3. Augas de Galicia emitiu informe favorable con data do 1.9.2010.

4. O Pleno do Concello aprobou o proxecto corrixido de delimitación do solo de núcleo rural de Olveira no 4.12.2012.

5. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emitiu informe favorable o 26.2.2013, condicionado a incorporar as medidas protectoras e correctoras incluídas nel.

6. O secretario municipal emitiu informe no 23.1.2015 previo á aprobación provisional.

7. O pleno do Concello aprobou novamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Olveira subscrito polos arquitectos Daniel Beiras García-Sabell e David Estany Garea, no 27.1.2015.

Análise e consideracións.

1. Obxecto: a proposta delimita como solo de núcleo rural uns 107.246 m2 de superficie que se categorizan como histórico-tradicional, aplicando unha ordenanza definida no propio expediente, con parcela mínima 900 m2 (permítese edificar nas parcelas menores situadas entre outras edificadas) e 0,50 m2/m2 de edificabilidade máxima.

2. Consolidación edificatoria do ámbito delimitado (artigo 13.3 da LOUG): segundo o método numérico da Instrución 4/2011 (DOG núm. 91, do 11 de maio) acreditando unha consolidación do 57,27 %.

3. Distancia do límite proposto respecto das edificacións tradicionais do núcleo (artigo 13.3 da LOUG): a delimitación encerra as edificacións tradicionais do asentamento seguindo o parcelario e as pegadas físicas existentes dentro do máximo de 50 m das devanditas edificacións tradicionais.

En consecuencia, púidose comprobar que se encontran corrixidas as deficiencias sinaladas na anterior resolución desta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 9 de decembro de 2009.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural común de Olveira, no concello de Dumbría.

Segundo. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2015

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

anexo

missing image file