Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 20 de maio de 2015 Páx. 19725

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 6 de maio de 2015 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Illas Lobeiras, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores San Juan de Redondela.

O Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, dispón que esta é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión gratuíta de bens e dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma a outras administracións públicas, fundacións públicas e entidades sen ánimo de lucro, sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, o cesionario queda obrigado a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo. A mesma lei, no seu artigo 83.3 establece que a cesión de bens mobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia é competencia do titular da consellería que teña a adscrición do ben.

Por outra banda, a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, no seu artigo 79, segundo redacción dada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, actuando como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

Coa data do 25 de febreiro de 2015, a Confraría de Pescadores San Juan de Redondela solicita a cesión en propiedade da embarcación Illas Lobeiras, con matrícula 8ª VILL-3-3-92, da cal é titular a Comunidade Autónoma de Galicia estando adscrita á Consellería do Medio Rural e do Mar, para destinala a fins de utilidade pública ou interese social, como é, a realización de vixilancia marisqueira no ámbito territorial determinado polos seus estatutos.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores San Juan de Redondela da embarcación seguinte:

Nome da embarcación: Illas Lobeiras.

Ano de construción: 1991.

Tipo: tráfico porto, rada ou baía.

Casco: poliéster.

Dimensións: manga 2 m, eslora 5,30 m, puntal 0,77 m.

T.R.B.: 1,99.

Matrícula: 8ª VILL-3-3-92.

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao a confraría cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, como é a vixilancia no ámbito territorial determinado polos seus estatutos.

b) Coa cesión outórgaselle á Confraría de Pescadores San Juan de Redondela a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplica aos fins sinalados, como se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufra.

e) A confraría cesionaria realizará todos os trámites necesarios para o cambio de titularidade no rexistro marítimo da Capitanía Marítima correspondente, serán pola súa conta todos os gastos que estes trámites orixinen.

Artigo 3

A dita cesión formalizarase mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou funcionario en quen delegue, e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

Correspóndelle á Consellería do Medio Rural e do Mar verificar a aplicación da embarcación citada no artigo 1 ao fin para a cal é cedida.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2015

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar