Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 15 de maio de 2015 Páx. 19037

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2015 pola que se comunica a modificación pola normativa básica estatal de diversos prazos establecidos na Orde do 10 de marzo de 2015 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

A disposición derradeira primeira da Orde do 10 de marzo de 2015 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (Diario Oficial de Galicia núm. 48, do 11 de marzo) faculta a directora do Fondo Galego de Garantía Agraria, no ámbito das súas competencias, para ditar as instrucións precisas para a execución desta orde.

Mediante a Orde do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente AAA/872/2015, do 12 de maio, pola que se modifican, para o ano 2015, diversos prazos establecidos no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, e no Real decreto 1076/2014, do 19 de decembro, sobre asignación de dereitos de réxime de pagamento básico da política agrícola común, modifícanse os seguintes prazos e datas previstos nos citados reais decretos:

Os prazos e datas previstos nos artigos 15, 51, 95 e 96 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, para o ano 2015, quedan modificados como segue:

1. No ano 2015 a data en que deberán estar á disposición do agricultor as parcelas agrícolas de hectáreas admisibles utilizadas para xustificar dereitos de axuda, prevista no artigo 15, será o día 15 de xuño de 2015.

2. No ano 2015 o prazo en que se poderán presentar modificacións dos contratos, relativos á axuda asociada ao tomate para industria, establecido no artigo 51, finalizará o 15 de xuño de 2015, inclusive.

3. No ano 2015 o prazo de presentación da solicitude, prevista no artigo 95, finalizará o 15 de xuño de 2015, inclusive.

4. No ano 2015 o prazo para modificar a solicitude única a que se refire o artigo 96 finalizará o 15 de xuño de 2015, inclusive.

Os prazos e datas previstos nos artigos 19, 21 e anexo IV do Real decreto 1076/2014, do 19 de decembro, sobre asignación de dereitos de réxime de pagamento básico da política agrícola común, quedan modificados como segue:

1. Nas letras a), b) e c) do número 1 do artigo 19, as mencións aos prazos comprendidos entre o 16 de maio de 2014 e 15 de maio de 2015 entenderanse referidas ao prazo comprendido entre o 16 de maio de 2014 e o 15 de xuño de 2015, ambos os dous inclusive.

2. Na letra b) do número 1 do artigo 21, a mención ao 15 de maio de 2015 entenderase referida ao 15 de xuño de 2015.

3. No punto 1.1 do número 1 «Réxime xurídico» do «Modelo de cláusula contractual privada adxunta ao contrato de compravenda ou arrendamento de terras conforme o establecido no artigo 19, puntos 1 a) e 1 b) do presente real decreto» contido no anexo IV, a mención ao 15 de maio de 2015 entenderase referida ao 15 de xuño de 2015.

4. No número 4 «Acordo de aplicación da cláusula contractual recollida nos artigos 20 e 21 do Regulamento delegado (UE) núm. 639/2014, da Comisión, do 11 de marzo de 2014», contido no anexo IV, a data de 31 de maio de 2015 declarada no primeiro punto do segundo parágrafo entenderase referida ao 15 de xuño de 2015.

En consecuencia, froito dos cambios introducidos pola normativa básica estatal modifícanse por esta os seguintes prazos recollidos na Orde do 10 de marzo de 2015 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (Diario Oficial de Galicia núm. 48, do 11 de marzo):

– Artigo 10.3: o prazo de presentación da solicitude única finalizará o día 15 de xuño, inclusive.

– Artigo 13.1: os solicitantes poderán presentar solicitudes de modificacións da solicitude única ata o día 15 de xuño.

– Artigo 20.2: o prazo de presentación de alegacións e solicitudes de modificación do Sixpac será ata o 15 de xuño de 2015 para que as resolucións teñan efecto sobre as superficies validadas das solicitudes de axuda tramitadas coa solicitude única no ano 2015.

– Artigo 32.2: o prazo de solicitude de dereitos de pagamento básico da reserva nacional será ata o 15 de xuño, inclusive.

– Artigo 33.2: o prazo de presentación de alegacións e comunicacións previas á asignación de dereitos de pagamento básico será ata o 15 de xuño, inclusive.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2015

Patricia Ulloa Alonso
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria