Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 13 de maio de 2015 Páx. 18817

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 72/2015, do 7 de maio, polo que se modifica o Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

A vixente estrutura orgánica da Consellería de Facenda aprobouse polo Decreto 101/2014, do 1 de agosto, publicado no DOG número 153, do 13 de agosto (corrección de erros no DOG número 209, do 31 de outubro).

Debido ás novas circunstancias xurdidas desde a entrada en vigor da vixente estrutura orgánica da consellería en agosto de 2014, é necesario proceder á súa modificación, co obxecto de que a persoa titular da consellería conte cun apoio técnico en materia de estudos e políticas de gasto sanitario. Por iso se crea unha nova Subdirección Xeral de Estudos e Políticas de Gasto Sanitario, integrada organicamente na Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio e con dependencia funcional da persoa titular da Consellería de Facenda. Desta subdirección xeral dependerá un novo órgano de asesoramento: o Servizo de Estudos e Asesoramento.

Por outra banda, no artigo 18 do decreto de estrutura orgánica vixente defínense as funcións e a estrutura das intervencións delegadas e, entre elas, no número 6, establécese o seguinte: «6. Existirá unha intervención delegada das entidades públicas instrumentais con nivel orgánico de subdirección xeral, que exercerá, baixo a dependencia orgánica e funcional da Intervención Xeral, o control interno da actividade económico-financeira daquelas entidades en que así o determine a Intervención Xeral. Contará cun Servizo de Fiscalización e Contabilidade».

Neste momento non é preciso o desempeño inmediato das funcións previstas para a intervención delegada das entidades públicas instrumentais; por tanto, suprímese o referido punto. O Servizo de Fiscalización e Contabilidade previsto nel pasa a depender, coa denominación de Servizo de Coordinación e Supervisión de Control Financeiro Permanente da Axencia Tributaria de Galicia, da Subdirección Xeral de Control Financeiro Permanente e Auditoría do Sector Público, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, coa conseguinte modificación do artigo 16 do decreto.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Facenda, cos preceptivos informes favorables e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda

O Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, queda modificado como segue:

Un. Engádese un punto 2.4 ao artigo 5, coa seguinte redacción:

«2.4. A Subdirección Xeral de Estudos e Políticas de Gasto Sanitario, con dependencia funcional da persoa titular da consellería, que realizará as seguintes funcións:

– Apoio técnico á persoa titular da consellería no ámbito da súa competencia.

– Análise da eficiencia dos proxectos normativos que afectan o gasto sanitario.

– Elaboración de análises, estudos e estatísticas que resulten necesarios para a dirección das políticas propias da consellería.

– Elaboración de programas derivados de convenios de colaboración con outros organismos e participación na elaboración e execución dos programas estatísticos que formen parte do sistema integrado de contas económicas de Galicia.

– Estudo comparativo da evolución cuantitativa e funcional do gasto do sistema sanitario público de Galicia e doutros sistemas públicos de saúde.

– Coordinación dos informes financeiros e operativos sobre gasto sanitario e propostas de racionalización do gasto en materia de políticas públicas de gasto sanitario.

– Definición e coordinación da formación do seu persoal nas materias relacionadas coa política económica, orzamentaria, coas técnicas de previsión económica en materia sanitaria, así como dos estudos estatísticos e coas demais materias de coñecemento imprescindibles para un adecuado exercicio das súas competencias.

– Calquera outra que lle encomende a persoa titular da consellería.

2.4.1. Contará co seguinte órgano de apoio con nivel orgánico de servizo:

2.4.1.1. O Servizo de Estudos e Asesoramento, que realizará as seguintes funcións:

– Asesoramento en materias estatísticas á persoa titular da consellería para o exercicio das súas competencias.

– Elaboración de análises, estudos e estatísticas que resulten necesarios para a dirección das políticas propias da consellería.

– Elaboración e difusión de estatísticas propias da consellería e dos organismos e entes públicos correspondentes.

– Colaboración co Instituto Galego de Estatística na elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos proxectos dos seus programas anuais.

– Calquera outra que lle encomende a persoa titular da consellería».

Dous. Engádese un punto 2.4 ao artigo 16, coa seguinte redacción:

«2.4. O Servizo de Coordinación e Supervisión de Control Financeiro Permanente da Axencia Tributaria de Galicia, que exercerá as seguintes funcións:

– Elaboración de informes que sirvan de base a propostas de emisión de normas ou instrucións en relación co control financeiro da axencia.

– Estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para elaborar a proposta anual de actuacións.

– Coordinación e supervisión dos traballos precisos para elaborar os programas de traballo que se utilizarán nas actuacións de control.

– Realización dos traballos de auditoría conducentes á proposta de informes dos controis que, de ser o caso, lle sexan asignados.

– Realización dos traballos necesarios para procurar unha coordinación adecuada dos informes que deriven das actuacións de control financeiro.

– Seguimento e coordinación das actuacións realizadas polas unidades que teñan encomendadas a dirección, o exercicio e a materialización do control financeiro permanente e a realización, de ser o caso, de informes globais.

– Seguimento das medidas correctoras que se decidisen como consecuencia das deficiencias postas de manifesto nos informes de control financeiro permanente».

Tres. Suprímese o punto 6 do artigo 18.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira

A estrutura orgánica que se establece neste decreto non suporá aumento de gasto.

Disposición derradeira segunda

A Consellería de Facenda proporá as modificacións que procedan na relación de postos de traballo, derivadas da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto.

Disposición derradeira terceira

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarios para a acomodación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela, así como as que cumpran para o seu desenvolvemento e execución.

Disposición derradeira cuarta

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de maio de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda