Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 8 de maio de 2015 Páx. 18232

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 69/2015, do 23 de abril, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia Lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 72/2013, do 25 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia acordou en asemblea xeral a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e tres de abril de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia que figuran como anexo.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autómona de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos, que foron aprobados polo Decreto 76/2004, do 25 de marzo, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de abril de dous mil quince

Alberto Nuñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia

Capítulo I
O Colexio, fins e funciones

Artigo 1. Natureza xurídica

O Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia é unha corporación de dereito público, amparada pola lei e recoñecida polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Ten personalidade xurídica propia e absoluta capacidade para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións, e pode adquirir a título oneroso ou gratuíto, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigas e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, exercer ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recurso en todas as ordes xurisdicionais, así como administrativas.

A súa estrutura interna e funcionamento serán democráticos.

Artigo 2. Ámbito territorial e domicilio

O ámbito territorial do colexio comprende as catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A sede social radica na Coruña, no domicilio da rúa Juan Flórez, número 49, 2º dereita, sen prexuízo da facultade da Xunta de Goberno para cambiala, despois de aceptación da Asemblea Xeral.

Artigo 3. Representación legal

A representación legal deste colexio, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, o cal se atopa lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores ou letrados ou calquera clase de mandatarios, procedendo acordo da Xunta de Goberno.

Artigo 4. Regulación

Este colexio réxese, no desenvolvemento do disposto no artigo 36 da Constitución española, polas normas básicas da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei nacional 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, polos estatutos do presente colexio e os xerais da profesión, así como polos regulamentos de réxime interior e acordos dos seus órganos de Goberno na súa respectiva competencia.

Artigo 5. Fins esenciais

Son fins esenciais do colexio a ordenación do exercicio da profesión de administradores de predios colexiados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coas directrices do Consello Xeral e segundo o previsto nas leis, a representación dos seus colexiados, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados, todo iso sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial, a exixencia do cumprimento das normas xurídicas e deontolóxicas no exercicio da profesión, coa actuación disciplinaria a que dea lugar e, en xeral, á promoción da máis idónea prestación da actividade profesional, coordinando os intereses do colexio e dos seus afiliados co necesario servizo á sociedade.

Artigo 6. Funcións do colexio

Para o cumprimento dos seus fins, corresponden ao colexio, dentro do seu ámbito territorial, as funcións que lle atribúe a lexislación vixente de colexios profesionais e, en particular, a título enunciativo e non limitativo, as seguintes:

a) Cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

b) Exercer a representación que outorguen as leis para o cumprimento dos seus fins.

c) Exercer as funcións que lle encomende a Administración, prestándolle colaboración mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e demais actividades relacionadas cos seus fins propios, que poden serlle solicitadas ou que acorde por propia iniciativa.

d) Participar nos consellos e órganos consultivos da Administración cando ela o requira ou así o estableza a normativa vixente.

e) Estar representados nos padroados universitarios.

f) Participar na elaboración dos plans de estudo e emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes ás profesións respectivas e manter permanente contacto con eles e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos profesionais.

g) Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, corporacións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e cuestións afecten os intereses profesionais e colexiais, e exercer o dereito de petición, de acordo coa lei, sen prexuízo do contido no artigo 3.1 da Lei de colexios profesionais.

h) Facilitar aos tribunais a relación de colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos, ou designalos por si mesmo, segundo proceda.

i) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando polo cumprimento das normas deontolóxicas, a dignidade profesional e o respecto debido aos dereitos dos particulares, exercendo a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

j) Organizar e promover actividades, cursos e servizos comúns de interese colexial e profesional en materia formativa xeral ou de iniciación e perfeccionamento, cultural e asistencial a favor dos colexiados, establecendo para estes efectos os medios necesarios e a colaboración con outros colexios ou entidades.

k) Intervir, como mediador, nos conflitos profesionais que xurdan entre os colexiados, despois de solicitude dos interesados. Exercer funcións arbitrais nos asuntos que lle sexan sometidos, conforme a lexislación xeral de arbitraxe, organizando, administrando, creando ou patrocinando asociacións de arbitraxe.

l) Emitir informes e ditames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos en que se argumenten cuestións que afecten materias da competencia profesional cando lle sexan solicitados pola Administración ou os tribunais ou cando algún dos litigantes desexe presentalos; todo iso segundo o establecido nos artigos 340 e 341 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil.

m) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis en canto afecten a profesión, os estatutos profesionais e, se é o caso, o regulamento de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais, en materia da súa competencia.

n) Adoptar as medidas conducentes a evitar a intrusión profesional e a competencia desleal, así como o exercicio irregular da profesión.

Os acordos, decisións e recomendacións dos colexios nestas materias observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

ñ) Exercer a potestade disciplinaria sobre os administradores de predios colexiados, impondo sancións e correccións disciplinarias cando houber lugar a iso, de acordo co réxime disciplinario e procedemento regulados nos estatutos e na lei.

o) Atender as reclamacións e queixas fundadas que formulen os administrados contra a actuación profesional dos colexiados.

p) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular, no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

q) Emitir informe sobre os proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten os profesionais que agrupen ou se refiran aos fins ou funcións a eles encomendados cando a Administración confira ao obrigado trámite de audiencia, para a defensa daqueles que puideren resultar afectados.

r) Fixar as cotas e contribucións económicas dos colexiados que sexan necesarias para o sustento económico do colexio e o desenvolvemento dos seus fins.

s) Recadar e administrar os seus fondos, elaborando o orzamento anual de ingresos e gastos, así como a súa liquidación e balance, someténdoos a coñecemento da Asemblea xeral de colexiados para a súa sanción.

t) Expedir o carné profesional dos colexiados.

u) Todas as demais funcións que repercutan en beneficio dos intereses colexiais ou profesionais, así como as dispostas ou os recoñecidos na lexislación vixente.

Artigo 7. Estatutos

O colexio elaborará os seus propios estatutos, segundo acordo da xunta xeral de colexiados, someténdoos á aprobación da Asemblea Xeral e deben ser elevados ao Consello Xeral para o seu coñecemento, sen prexuízo do réxime de aprobación que corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia, e, posteriormente, publicados.

Para a modificación dos estatutos observaranse os mesmos requisitos que para a súa aprobación.

O colexio tamén poderá elaborar, segundo acordo da Asemblea Xeral de colexiados, o seu regulamento de réxime interior e outras normas que considere oportunas para a súa correcta interpretación, desenvolvemento e aplicación, que deben ser aprobadas pola Asemblea Xeral e sometidas ao coñecemento do Consello Xeral.

Artigo 8. Relacións orgánicas

O colexio, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos establecidos na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, relacionarase coa Administración autonómica a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, e nas cuestións referentes ao contido de cada profesión a través da consellería ou consellerías competentes ao respecto.

Do mesmo xeito, o colexio territorial, por medio do seu Consello Xeral de Colexios, relacionarase coa Administración xeral do Estado a través do Ministerio de Fomento, ou o que, se é o caso, corresponda.

Capítulo II
Dos administradores de predios

Artigo 9. Definición

É administrador de predios, para efectos dos presentes estatutos, a persoa física que, reunindo os requisitos exixidos nas leis e nos presentes estatutos, se dedica ao exercicio profesional da actividade de administración de predios, xa sexan estes rústicos ou urbanos.

Para o devandito efecto, entenderase que exercen profesionalmente a dita actividade as persoas físicas ou sociedades que de forma habitual e constante, con despacho aberto ao público e con preparación adecuada, destinen a totalidade ou parte do seu traballo á administración de predios rústicos ou urbanos, propiedade de terceiros, en beneficio destes, con suxeición ás leis e aos presentes estatutos, velando polo interese común e percibindo os correspondentes honorarios profesionais.

Para o exercicio libre da profesión os colexiados poden asociarse entre si, mesmo con outros profesionais ou colaboradores de diferentes profesións, constituíndo sociedades con personalidade xurídica encamiñadas á recíproca colaboración profesional e ordenación dos recursos materiais e humanos en beneficio do conxunto dos administradores dos predios asociados. As sociedades profesionais rexeranse integramente polas disposicións que regulan o réxime das sociedades profesionais: Lei 2/2007, do 15 de marzo, e as súas normas regulamentarias. En ningún caso os colexios profesionais nin as súas organizacións colexiais poderán, por si mesmos ou través dos seus estatutos ou o resto da normativa colexial, establecer restricións ao exercicio profesional en forma societaria.

Artigo 10. Requisitos para o exercicio da profesión de administrador de predios

1. Quen tiver a titulación requirida e reunir as condicións sinaladas estatutariamente terá dereito a ser admitido no colexio profesional que corresponda.

É requisito indispensable para o exercicio da profesión de administrador de predios incorporarse ao colexio de administradores de predios que territorialmente lle corresponda, cando así o estableza unha lei estatal, que será aquel en que se estableza o domicilio profesional único ou principal do interesado, bastando con iso para o exercicio da profesión en todo o territorio español.

Os funcionarios e o persoal laboral das administracións públicas non necesitarán estar colexiados para o exercicio das súas funcións administrativas nin para a realización de actividades propias desta profesión por conta daquelas cando o destinatario inmediato e único de tales actividades sexa a Administración.

2. Os colexios disporán dos medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar a súa colexiación por vía telemática, de acordo co previsto no artigo 96 dos presentes estatutos.

3. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición. Os colexios disporán dos medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar o seu colexiación por vía telemática.

4. Para incorporarse ao colexio terán que cumprirse os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Estar en posesión da titulación exixida para o exercicio da profesión.

c) Carecer de antecedentes penais que inhabiliten para o exercicio da profesión.

d) Non atoparse inhabilitado ou suspendido, en virtude de sentenza firme, para o exercicio da profesión.

5. A incorporación aos colexios de administradores de predios poderá efectuarse polos seguintes procedementos:

a) Acreditando estar en posesión dun dos títulos seguintes, ou os que no momento da solicitude outorguen acceso directo á colexiación:

Licenciatura en Dereito.

Licenciatura en Ciencias Políticas.

Licenciatura en Económicas e Comerciais.

Licenciatura en Ciencias Empresariais.

Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas.

Licenciatura en Arquitectura (*).

Licenciatura en Ciencias Químicas.

Diplomatura en Ciencias Empresariais.

Profesores Mercantís.

Procuradores dos tribunais de Xustiza.

Enxeñaría Agrónoma.

Enxeñaría de Montes.

Veterinaria.

Enxeñaría Técnica Agrícola.

Axudantes de Montes.

Enxeñaría Técnica Forestal.

Arquitectos Técnicos.

Graduados Sociais (*) e Diplomados en Relacións Laborais.

Enxeñaría Técnica de Obras Públicas.

Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos.

Enxeñaría Industrial.

Enxeñaría Técnica Industrial.

Enxeñaría de Minas.

Licenciatura en Xeografía e Historia (*).

Licenciatura en Ciencias Físicas.

Graduados en Finanzas e Contabilidade.

Enxeñaría Técnica en Topografía.

Enxeñaría Informática.

Enxeñaría Técnica de Telecomunicación.

Enxeñaría de Telecomunicación.

Licenciatura en Psicoloxía.

Enxeñaría Técnica Naval.

Licenciatura en Filosofía.

Ciencias da Educación.

Diplomatura en Xestión Comercial e Mercadotecnia.

Enxeñaría Técnica en Explotación de Minas.

Diplomatura en Matemáticas (*).

Licenciatura en Matemáticas.

Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión.

Diplomatura en Xestión e Administración Pública.

Licenciatura en Investigación e Técnicas de Mercado.

Grao en Enxeñaría da Edificación.

Grao en Dirección e Creación de Empresas.

Grao en Economía e Xestión.

Licenciatura en Filosofía e Letras.

Diplomatura en Informática.

Licenciatura en Sociología.

Enxeñaría Química.

Licenciatura en Pedagoxía.

Licenciatura en Ciencias Ambientais.

Licenciatura en Psicopedagoxía.

Diplomatura en Empresas e Actividades Turísticas.

Diplomatura en Maxisterio.

Licenciatura en Ciencias Biolóxicas.

Licenciatura en Filoloxía.

(*) Como consecuencia de sentenza xudicial firme.

b) Para aqueles que, sen teren a titulación descrita no parágrafo anterior, estean en posesión do correspondente título de bacharelato, de técnico e técnico superior de formación profesional ou calquera outro que dea acceso a estudar unha carreira universitaria, deberán superar os tres cursos selectivos de formación de carácter técnico e especializado contidos no plan de estudos elaborado pola Escola Oficial de Administradores de Predios e impartidos por calquera das universidades que concertasen convenio co Consello Xeral de Colexios de Administradores de Predios.

6. En todo caso, para poder incorporarse ao colexio territorial correspondente será necesario posuír o título oficial de administrador de predios ou calquera outro título habilitante recolleito nos números anteriores do presente artigo.

7. No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, observarase o disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

8. Respecto das sociedades profesionais de países comunitarios, aplicarase o previsto na normativa que regula o recoñecemento de cualificacións profesionais, e, se for o caso, na normativa específica sobre establecemento ou exercicio de profesións comunitarias, sen prexuízo do cumprimento da normativa española aplicable sobre o exercicio da actividade en termos compatibles co dereito comunitario.

Artigo 11. Clases de administradores

1. A incorporación do administrador de predios ao colexio poderá ser en calidade de exercente ou non exercente.

Son exercentes aqueles que, mediante a percepción de honorarios, de forma habitual e constante, con despacho aberto ao público e con preparación adecuada, destinen a totalidade ou parte do seu traballo á administración de bens inmobles propiedade de terceiros, xa sexan estes rústicos ou urbanos, en réxime de explotación directa, arrendamento, propiedade de cooperativas e comunidades de propietarios para a construción de vivendas, urbanizacións cos seus servizos, instalacións e anexos comúns, e entidades colaboradoras da xestión de cantos labores garden relación coa administración de bens inmobles.

O colexiado non exercente, no caso de citar nos seus escritos o título de administrador de predios, deberá precisar a condición de non exercente.

2. A Xunta de Goberno poderá, logo de debate sobre os méritos do candidato, propor o nomeamento como administradores de predios de honra os colexiados que, exercentes ou non e con máis de 5 anos de antigüidade, destacasen no exercicio profesional, a prestación de servizos moi distinguidos en beneficio da profesión ou do colexio, ou dedicasen singular esforzo e apoio á mellora, promoción e desenvolvemento do sector da propiedade inmobiliaria e da súa lexislación reguladora.

A proposta será realizada co voto favorable de dous terzos dos seus membros, mediante votación secreta, e debe acordar o nomeamento a xunta xeral por maioría simple.

Os administradores de honra terán dereito de asistencia, en lugar preferente, ás asembleas xerais, con voz e sen voto, agás que se trate de colexiados; nese caso, terán voz e voto.

Artigo 12. Altas

1. Corresponde á Xunta de Goberno do Colexio a decisión sobre as solicitudes de incorporación, que obrigatoriamente deberá adoptar no prazo de tres meses desde a recepción da documentación. Se non houber resolución no prazo referido, o silencio entenderase positivo.

As resolucións da Xunta de Goberno que deneguen ou suspendan a incorporación ao colexio deberán estar fundamentadas nalgunha das causas ou incumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 destes estatutos e débense notificar aos solicitantes, que poderán interpor recurso contra elas no prazo de trinta días e ante a propia Xunta de Goberno, e está resolverao nos trinta días seguintes. Contra o acordo definitivo procederá recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Territoriais de Administradores de Predios, no prazo dun mes.

2. Non poderá denegarse a incorporación ao colexio a quen reúna os requisitos exixibles para iso nestes estatutos, nin tampouco poderá limitarse o número de colexiados.

3. Admitida a solicitude de incorporación ao colexio, farase entrega ao colexiado da acreditación de administrador de predios colexiado, expediráselle o seu cartón de identidade correspondente autorizado polo presidente e secretario do colexio, despois do envío do número de censo nacional polo Consello Xeral. O correspondente cartón acreditará a condición de administrador de predios colexiado do seu titular.

A identificación como administrador de predios colexiado farase constar en toda a correspondencia profesional, comunicacións e publicidade.

Artigo 13. Baixas

1. A condición de colexiado perderase:

a) Por baixa voluntaria. Para proceder a ela será necesaria solicitude por escrito asinada polo colexiado presentada perante o COAFGA de forma fidedigna.

b) Por inhabilitación permanente para o exercicio da profesión en cumprimento dunha resolución disciplinaria imposta de conformidade co previsto nos presentes estatutos que adquirise firmeza definitiva, ou por condena firme que leve consigo pena principal ou accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Por falta de pagamento das cotas colexiais correspondentes a unha anualidade, ordinarias ou extraordinarias, ou calquera outra carga económica establecida polo colexio.

2. A baixa polas causas establecidas na alínea b) e c) do número anterior será notificada por escrito ao interesado unha vez firme e definitiva a resolución, e produce efecto desde ese mesmo momento.

3. A tramitación do expediente de baixa por falta de pagamento de cotas colexiais iniciarase por petición do tesoureiro, secretario ou presidente.

Con carácter previo á iniciación do expediente notificarase ao colexiado a súa situación, certificando a débeda, con prazo de dez días hábiles para regularizar o pagamento.

4. A Xunta de Goberno do Colexio resolverá a baixa e, sendo firme, comunicaraa ao Consello Xeral.

5. Cando a baixa se funde na causa c) do punto primeiro, os afectados poderán reincorporarse ao colexio aboando o que deben e canto correspondese a unha nova incorporación.

Artigo 14. Dereitos

Todos os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Participar de forma activa na vida corporativa, exercendo os dereitos de voto, petición e acceso a cargos directivos, de acordo coas normas establecidas nestes estatutos.

b) Presentar ao colexio cantas proposicións xulguen convenientes para a profesión ou ao colexio.

c) Formular queixas fundamentadas de actos ou feitos que poidan ir en prexuízo seu, do colexio ou da profesión.

d) Participar no uso e desfrute dos bens do colexio e dos servizos que este teña establecidos, sempre que non prexudique os dereitos dos demais colexiados.

e) Recibir información sobre a actividade corporativa e de interese profesional, por medio dos instrumentos informativos que se creen para o efecto.

f) A obter o carné profesional se son colexiados exercentes.

g) Exercer cantos dereitos deriven destes estatutos e demais disposicións aplicables.

Artigo 15. Deberes

Todos os membros do colexio, sexan ou non exercentes, terán os seguintes deberes:

a) Todo colexiado, desde a súa incorporación ao colexio, deberá coñecer e acatar os estatutos e demais normas colexiais.

b) Cumprir dilixentemente a normativa vixente e cantas prescricións conteñen estes estatutos, así como os que se establezan nos regulamentos de réxime interior e os acordos validamente adoptados polo respectivo colexio e o Consello Xeral.

c) Asistir ás xuntas das asembleas xerais e demais actos corporativos.

d) Aceptar o desempeño dos labores que lle foron encomendados polos órganos de goberno, así como os cargos para que foron elixidos.

e) Aboar puntualmente as cotas que se establezan, ordinarias ou extraordinarias e demais contribucións ou derramas para levantar as cargas colexiais, calquera que sexa a súa natureza, do modo que determine a Asemblea Xeral, por disposición estatutaria ou por calquera outra legalmente aplicable.

f) Denunciar perante o colexio calquera irregularidade no exercicio da profesión, así como calquera acto de competencia desleal.

g) Cumprir o seu labor profesional con dilixencia, axustando a súa actuación aos principios de confianza e boa fe cos seus clientes, respectando e acatando as demais normas deontolóxicas e aplicando a técnica profesional adecuada ao caso.

h) Respectar os dereitos profesionais ou corporativos doutros colexiados empregando a maior corrección e lealdade nas súas relacións co colexio e cos outros colexiados.

i) Facer constar nos documentos relativos á actividade profesional e demais comunicacións o seu nome, apelidos e número de colexiado.

j) Comunicar, dentro do prazo de trinta días, os cambios de residencia e domicilio profesional, así como o exercicio da actividade no campo territorial dun colexio distinto a aquel en que está colexiado.

k) Cando exerza en ámbito distinto ao do colexio de inscrición, deberá respectar as normas do colexio de acollida, quedando sometido á súa potestade sancionadora por todos aqueles actos e incumprimentos profesionais en que puider incorrer no seu ámbito ou circunscrición, e deberá aboar as contraprestacións económicas correspondentes que non sexan cubertas pola cota colexial ordinaria.

l) Calquera outro deber que derive das prescricións legais ou estatutarias vixentes.

Artigo 16. Publicidade

A publicidade do exercicio da profesión estará sometida ao cumprimento das normas legais sobre a materia.

A conduta en materia de comunicacións comerciais será axustada ao disposto na lei, coa finalidade de salvagardar a independencia e integridade da profesión.

Os administradores de predios estarán obrigados a informar o colexio do nome comercial empregado no exercicio da súa actividade.

Capítulo III
Dos órganos de goberno do Colexio
Estrutura e funcións

Artigo 17. Dos órganos de goberno

1. O goberno do colexio establécese sobre a base dunha ampla autonomía.

2. O Colexio de Administradores de Predios estará rexido polos seguintes órganos de goberno:

a) A Asemblea Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O presidente.

Sección 1ª. Asemblea Xeral

Artigo 18. A Asemblea Xeral

A Asemblea xeral, formada por todos os colexiados, é o órgano soberano de decisión do colexio.

Sección 2ª. Xunta de Goberno

Artigo 19. A Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno é o órgano executivo e de representación do colexio.

O Colexio de Administradores rexerase por unha Xunta de Goberno que estará constituída polo presidente, tres vicepresidentes, un secretario, un tesoureiro, un contador-censor e un número de vogais non inferior a cinco nin superior a doce.

Artigo 20. Funcións da Xunta de Goberno

Corresponde á Xunta de Goberno, en xeral, asumir, promover e realizar todas as funcións atribuídas ao colexio, excepto as que son competencia da Asemblea Xeral, así como executar os acordos desta e, en particular:

a) Aprobar, denegar ou suspender a incorporación de novos colexiados e acordar as baixas nos casos que proceda.

b) Sancionar as actuacións irregulares dos colexiados polo incumprimento dos seus deberes profesionais, ben se deduzan destes estatutos ou de calquera outra norma exixible, exercendo as accións disciplinarias que correspondan.

c) Premiar e distinguir os administradores que destaquen no exercicio da súa profesión e na prestación de servizos ao colexio.

d) Facilitar información aos colexiados sobre cuestións de interese profesional, corporativo ou colexial.

e) Velar por que no exercicio profesional se observen e respecten as normas e condicións idóneas para non desacreditar o prestixio da profesión, provendo o exercicio de accións que foren precisas para iso.

f) Perseguir a intrusión, así como as persoas que colaboren ou faciliten o irregular exercicio da profesión. Os acordos, decisións e recomendacións dos colexios nestas materias observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

g) Executar e facer cumprir os acordos adoptados pola Asemblea Xeral.

h) Determinar o importe da cota de incorporación dos colexiados, as cotas ordinarias e as extraordinarias, así como as derramas que se consideren necesarias, e sometelo á aprobación da Asemblea Xeral de colexiados.

i) Recadar, distribuír e administrar os fondos do colexio.

j) Redactar os orzamentos e render as contas anuais.

k) Nomear e cesar os empregados do colexio.

l) Convocar eleccións para a provisión e renovación de cargos da Xunta de Goberno.

m) Prover provisionalmente as vacantes que se produzan nos cargos da Xunta de Goberno, ata a definitiva elección.

n) Convocar asembleas xerais ordinarias ou extraordinarias, incluíndo na orde do día as cuestións que considere oportunas.

ñ) Nomear as comisións que considere necesarias para responsabilizar dos labores e traballos que estime idóneos e remover os compoñentes electos se a súa función non é debidamente desempeñada. No suposto de descoido, grave incapacidade ou desidia no mencionado labor poderá ser tamén obxecto doutro tipo de sanción.

o) Elaborar os regulamentos de réxime interior, normas disciplinarias, deontolóxicas ou calquera outra, así como as súas modificacións, todo isto sometido á aprobación da Asemblea Xeral para a súa vixencia.

p) Propor á Administración pública e demais autoridades as suxestións e estudos que se consideren beneficiosos para o sector inmobiliario, colaborando con aquelas nas cuestións técnicas e nas demais relacionadas cos fins propios do colexio, en canto incidan en beneficio do ben común.

q) Levar a termo todas as demais funcións atribuídas ao colexio non citadas nos parágrafos anteriores e que non estean expresamente reservadas á Asemblea Xeral, así se conteñan nestes estatutos ou en calquera disposición legalmente aplicable.

Artigo 21. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase cando a importancia dos asuntos así o requira e, como mínimo, unha vez ao trimestre, ou cando o acorde o presidente ou o solicite unha cuarta parte dos seus membros. Neste caso deberá celebrarse no prazo máximo de quince días.

2. A convocatoria será cursada polo secretario coa orde previa do presidente, cunha antelación como mínimo de cinco días, excepto casos urxentes. Farase por escrito e contará a orde do día, sen que poida adoptar acordos sobre cuestións non incluídas nela, salvo as de carácter urxente, sobrevindas con posterioridade á convocatoria, cando, estando presentes todos os membros do órgano colexiado, sexa declarada a urxencia do asunto por voto favorable da maioría.

3. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes e corresponde ao presidente o voto de calidade.

4. Das reunións levantarase acta, que será redactada no libro correspondente e asinada polo presidente e o secretario.

Artigo 22. O presidente

O presidente do colexio represéntao en todas as súas relacións coa Administración, autoridades, corporacións, tribunais e particulares; lle corresponde a dirección do colexio, supervisando o bo funcionamento dos seus servizos; e pode tomar as decisións que por necesidades de urxencia sexa preciso adoptar dentro do marco da súa competencia, dando conta posteriormente á Xunta de Goberno, e promoverá e coordinará as tarefas encamiñadas ao mellor cumprimento e obtención dos fins colexiais.

Ademais, terá as seguintes facultades:

a) Velar pola legalidade de todos os actos e acordos colexiais.

b) Convocar, presidir e dirixir as reunións da Asemblea Xeral, das xuntas de goberno e comisións do colexio, empregando o seu voto de calidade cando cumpra.

c) Ordenar os pagamentos que se realizarán con cargo aos fondos do colexio.

d) Realizar toda clase de operacións bancarias que sexan necesarias para o funcionamento do colexio, conxuntamente co secretario ou tesoureiro.

e) Asinar cantos documentos públicos ou privados conteñan a representación do colexio.

f) Representar o colexio en xuízo e ante toda clase de tribunais e outorgar poder de representación, con todas as facultades sen excepción, co acordo previo da Xunta de Goberno.

g) Promover a colaboración con outros colexios profesionais, universidades, entidades públicas e privadas, administracións públicas ou calquera outra sociedade aprobando e asinando convenios que resulten beneficiosos para a institución colexial.

h) E, en xeral, exercer cantas facultades lle atribúan os presentes estatutos non previstas nos parágrafos anteriores.

Artigo 23. Os vicepresidentes

Os vicepresidentes realizarán as funcións que lles sexan encomendadas polo presidente e asumirán as deste no caso de ausencia, enfermidade, suspensión ou vacante, suplíndoo pola orde dos seus cargos; tamén serán membros do Consello Nacional cando polo número de colexiados se teña dereito a outra ou outras vogalías diferentes á da presidencia, facendo quendas entre eles para eses labores para o caso de imposibilidade xustificada de asistencia.

Artigo 24. O secretario

Corresponde ao secretario:

a) Redactar as actas das xuntas de goberno e das asembleas xerais.

b) Redactar e formar os escritos de citación para todos os actos do colexio, seguindo as instrucións do presidente.

c) Instrumentar a organización administrativa do colexio, comprobando o seu funcionamento de maneira permanente, con especial atención á posta ao día do rexistro e expedientes de colexiados, co seu historial, distincións e sancións disciplinarias.

d) Confeccionar o censo anual de colexiados.

e) Exercer a xefatura do persoal do colexio, comprobando o cumprimento das tarefas que lle corresponden.

f) Recibir todas as comunicacións e correspondencia, dando conta a quen proceda, e asinar os escritos en que a sinatura non corresponda ao presidente.

g) Intervir e asinar, conxuntamente co presidente e/ou tesoureiro, na realización de todas as operacións bancarias.

h) Autorizar coa súa sinatura, co visto e prace do presidente, as certificacións e demais documentos colexiais.

i) Ter ao seu cargo o selo e documentación do colexio.

j) Informar a Xunta de Goberno de todas as cuestións de interese e propor cantas medidas considere adecuadas.

Artigo 25. O tesoureiro

Terá as seguintes funcións:

a) Recadar e custodiar os fondos do colexio.

b) Atender as ordes de pagamento libradas polo presidente.

c) Controlar a contabilidade e verificar a caixa.

d) Informar a Xunta de Goberno sobre a situación e cumprimento das previsións orzamentarias de ingresos e gastos.

e) Controlar trimestralmente o cobramento das cotas e derramas colexiaise e propor a adopción das medidas procedentes nos casos de mora ou falta de pagamento.

f) Redactar os orzamentos anuais e practicar a conta xeral que a Xunta de Goberno deba propor á Asemblea Xeral.

g) Intervir e asinar, coxuntamente co presidente e/ou o secretario, na realización de todas as operacións bancarias.

Artigo 26. O contador-censor

Correspóndelle:

a) Inspeccionar a contabilidade e a caixa do colexio

b) Intervir os libramentos de pagamento do presidente, secretario ou tesoureiro e o movemento das contas bancarias e fondos do colexio.

c) Adoptar as medidas que consideren convenientes para a salvagarda dos recursos económicos do colexio, dando conta á Xunta de Goberno.

d) Confeccionar, conxuntamente co tesoureiro, os orzamentos e contas que se vaian someter á aprobación da Asemblea Xeral.

e) Practicar o inventario dos bens do colexio, dos cales será administrador.

f) Colaborar co tesoureiro no control dos fondos e recursos económicos do colexio.

Artigo 27. Os vogais

Os vogais, cuxos cargos estarán numerados, desempeñarán os traballos que expresamente lles encomende a Xunta de Goberno e colaborarán de modo permanente con ela.

Nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante do secretario, tesoureiro ou contador, substituirán estes pola orde do seu número.

Artigo 28. Cesamentos

1. Os membros da Xunta de Goberno cesarán no seu cargo por algunha das seguintes causas:

a) Renuncia do interesado.

b) Perda dos requisitos para desempeñar o cargo.

c) Fin do prazo para o cal foron designados.

d) Falta inxustificada de asistencia ás reunións da Xunta, en tres sesións consecutivas ou cinco alternas no transcurso dun ano.

e) Remoción, pola Asemblea xeral, por proposta da Xunta de Goberno, mediante o voto favorable das tres cuartas partes dos membros da Xunta de Goberno, en votación secreta, persoal e indelegable.

f) Moción de censura.

1º. O 25 % dos colexiados poderán presentar contra un, varios ou todos os membros da Xunta de Goberno, moción de censura, e deben, ademais, presentar á Asemblea Xeral a nova composición proposta para a Xunta de Goberno.

2º. O presidente deberá convocar, nun prazo máximo de quince días, Asemblea Xeral extraordinaria en que se debaterá a devandita moción.

3º. O debate iniciarase coa defensa da moción polo aspirante a presidente do colexio. Posteriormente intervirá o presidente para defender a súa xestión.

4º. As quendas de réplica, así como os tempos destinados a cada interveniente, fixaranse no regulamento de réxime interno do colexio.

5º. A moción entenderase aprobada co voto favorable da maioría (a metade máis un) dos colexiados presentes na Asemblea Xeral extraordinaria validamente constituída. Desestimada a moción, non poderán os mesmos avalistas promover unha nova moción de censura durante o resto da lexislatura.

6º. A duración do mandato da nova Xunta de Goberno será ata a convocatoria de novas eleccións.

Sección 3ª. Persoal do colexio

Artigo 29. Dereitos e deberes

Os dereitos e deberes do persoal do colexio serán os recoñecidos e declarados na lexislación laboral vixente.

Artigo 30. Nomeamento

1. Os nomeamentos, separacións, cesamentos e destitucións do persoal do colexio faraos a Xunta de Goberno por proposta do secretario ou de calquera dos seus membros, dando coñecemento á Asemblea Xeral.

2. O procedemento de tales medidas, así como as sancións e correccións disciplinarias, será o consignado na normativa laboral de aplicación. Para a tramitación oficial respecto do persoal do colexio, considerarase o presidente como xefe de empresa laboral e o secretario como xefe de persoal da devandita empresa.

Artigo 31. Asesoría xurídica do colexio

1. O colexio terá un servizo de asesoría xurídica.

2. A designación da persoa que ten o cargo de asesor xurídico do colexio corresponde á Xunta de Goberno.

3. O asesor xurídico informará, en dereito, de toda clase de expedientes e recursos e atenderá cantas consultas lle formulen os colexiados acerca da interpretación das disposicións oficiais, normas ditadas e proxectos en que se considere pertinente o seu ditame e realizará cantos outros labores, acordes coa súa categoría profesional, lle sexan solicitadas pola Xunta de Goberno.

Sección 4ª. Eleccións

Artigo 32. Elección e votación

1. A elección de todos os cargos da Xunta de Goberno será efectuada por todos os colexiados a través de sufraxio universal, libre, directo e segredo e sen que se admita o voto delegado.

2. O dereito de voto poderá exercerse por correo, de acordo co disposto nestes estatutos, e en calquera das formas establecidas na lexislación sobre réxime electoral xeral, sempre que garanta a autenticidade e o segredo do voto.

3. O voto dos colexiados exercentes terá dobre valor que o dos non exercentes.

4. O proceso electoral levase a cabo con suxeición aos trámites establecidos nos artigos 38 e seguintes dos presentes estatutos.

Artigo 33. Requisitos

1. Os cargos de presidente, vicepresidentes, secretario, tesoureiro e contador-censor proveranse entre colexiados exercentes que posúan a condición de elector. Os de vogais poderán ser provistos tanto entre colexiados exercentes como non exercentes, sen que estes últimos poidan exceder o 50 %.

2. Non poderán ser membros da Xunta de Goberno os colexiados que fosen condenados por sentenza firme que leve consigo a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, nin quen sufra sancións disciplinarias do colexio que leven unida a inhabilitación permanente ou a suspensión temporal, agás que fosen rehabilitados.

Artigo 34. Duración dos cargos

O tempo de mandato de todos os cargos será de catro anos, podendo ser reelixidos por iguais períodos indefinidamente. Ao rematar o primeiro bienio, deberán renovarse ou ser reelixidos os cargos de dous dos vicepresidentes, o secretario, o contador-censor e a metade dos vogais. Ao rematar o segundo bienio deberán renovarse ou ser reelixidos os cargos do presidente, 3º dos vicepresidentes, o tesoureiro e a outra metade dos vogais.

Artigo 35. Requisitos de antigüidade no exercicio da profesión

Para os cargos de presidente, vicepresidentes, secretario, tesoureiro e contador-censor exixirase unha antigüidade no exercicio da profesión de tres anos e, para os vogais de dous anos, excepto os non exercentes, que deberán contar con máis de tres anos de incorporación ao colexio.

Artigo 36. Vacantes

Cando quedase vacante a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno, o Consello Xeral Estatal convocará as eleccións, e se, unha vez celebradas, quedaren vacantes a maioría dos cargos, o Consello Xeral actuante completaríaos nomeando os cargos por orde de antigüidade de incorporación ao colexio.

Cando queden vacantes máis da metade dos cargos, o presidente ou quen o substitúa convocará eleccións para cubrir os cargos vacantes.

Artigo 37. Convocatoria de eleccións

1. A Xunta de Goberno adoptará o acordo de convocatoria de eleccións, polo menos con dous meses de antelación á data que se determine para a súa celebración. Na mesma reunión serán elixidos os membros da mesa electoral.

2. Dentro do prazo indicado, a secretaría publicará a convocatoria no taboleiro de anuncios do colexio e adoptará as determinacións necesarias para a súa comunicación aos colexiados mediante carta ou circular.

3. Na convocatoria electoral deberán constar os seguintes aspectos:

a) Cargos que serán obxecto de elección e requisitos exixidos para ser candidato.

b) Día e sitio de celebración e hora de apertura e peche das urnas.

c) O calendario electoral

d) Normas electorais contidas nos estatutos de colexio.

Artigo 38. Listas electorais

As listas de colexiados con dereito a voto quedarán expostas no taboleiro de anuncios do colexio no prazo de dous meses previsto no artigo anterior. As listas expresarán separadamente a relación de colexiados exercentes e non exercentes.

Os colexiados poderán formular reclamacións contra as listas electorais no prazo de cinco días desde a súa exposición. As reclamacións serán resoltas por acordo da Xunta de Goberno dentro do tres días seguintes á expiración do prazo para formulalas.

Artigo 39. Candidaturas

Os candidatos deberán presentar as súas solicitudes con quince días de antelación, polo menos, á data de celebración de eleccións.

Cada candidatura será para un único cargo; por conseguinte, se un candidato ten algún cargo da Xunta de Goberno, deberá dimitir ou cesar previamente, pero quedando en funcións ata os novos nomeamentos.

Poderán presentarse candidaturas individuais por cada un dos cargos, ou conxuntas, con expresión dos cargos a que se presentan, e deben estar subscritas por todos os interesados.

Artigo 40. Proclamación de candidatos

Ao seguinte día hábil de finalizar o prazo para presentar candidaturas, a Xunta de Goberno en funcións proclamará candidato a quen reúna os requisitos legais exixibles, considerando electos os que non teñan adversarios, e publicarao no taboleiro de anuncios, debendo tamén notificalo aos interesados.

Dentro do prazo de sete días hábiles desde a súa exposición, poderán presentarse reclamacións contra as listas de electores e candidatos que serán resoltas pola Xunta de Goberno en funcións dentro do tres días seguintes hábiles, e notificarase a resolución aos interesados no prazo de dous días hábiles inmediatos posteriores.

Artigo 41. Elección

A elección dos cargos da Xunta de Goberno poderá celebrarse durante a Asemblea Xeral de colexiados convocada para tal efecto, aínda que a Xunta de Goberno poderá convocala como acto separado da dita asemblea e o prazo para o seu desenvolvemento non poderá ser inferior a catro horas.

Artigo 42. Papeletas de voto

O colexio editará as papeletas de votación, distinguindo con cores distintas as de colexiados exercentes e non exercentes. Os candidatos poderán confeccionar papeletas iguais ás do colexio.

No local onde se celebre a elección deberá haber papeletas suficientes e nelas non poderá figurar o nome de ningún candidato.

Artigo 43. Mesa electoral

1. Para a celebración da elección constituirase unha mesa electoral, que estará integrada por un presidente, designado pola Xunta de Goberno de entre dos seus membros, que será quen presida, e por dous membros máis da propia Xunta, actuando o máis novo como secretario e o outro como vogal, sen que ningún deles sexa pola súa vez, candidato.

2. Cada candidato poderá designar o número de interventores que desexe no proceso electoral, actuando un só deles.

3. Na mesa electoral haberá unha única urna para o depósito dos votos dos colexiados exercentes e non exercentes. A urna deberá estar pechada e selada coa rúbrica do secretario da mesa, deixando unicamente unha rañura para depositar os votos.

4. Constituída a mesa electoral, o presidente ordenará o comezo da votación e, á hora prevista para o seu final, pecharanse as portas e só poderán votar os colexiados que xa estiveren na sala. A mesa votará en último lugar.

5. A elección terá para o seu desenvolvemento un tempo mínimo de catro horas, salvo que a Xunta ao convocar a elección sinale un prazo maior.

Artigo 44. Votación

Declarada comezada a votación, os votantes deberán acreditar á mesa electoral a súa identidade, para o cal unicamente se admitirá a presentación do seu documento nacional de identidade, pasaporte ou o carné deste colexio, comprobando así a súa inclusión nestas listas, e pronunciando en voz alta o seu nome e sinalando que vota, introducirá o presidente da mesa a papeleta, dobrada ou dentro dun sobre, na urna.

Artigo 45. Voto por correo

Para exercer o voto por correo o colexio facilita a todos os colexiados uns impresos específicos para iso que lles serán enviados xunto coa convocatoria de eleccións, sen prexuízo de obtelos na secretaría da sede colexial.

Os impresos específicos para o exercicio do voto por correo constan da seguinte documentación:

a) Papeleta de votación, que deberá ser cuberta a máquina ou en letras maiúsculas.

b) Sobre de votación, no cal deberá introducirse a papeleta de votación.

c) Sobre de retorno, no cal debe introducirse o sobre de votación que contén a papeleta, ademais dunha fotocopia do NIF ou pasaporte.

Para que teña validez esta votación, deberanse cumprir as instrucións do calendario electoral e que o sobre de retorno sexa enviado por correo certificado con aviso de recepción ou, se é o caso, mediante empresas de mensaxaría ou transporte de documentación, co tempo suficiente para asegurarse de que teña entrada na sede colexial antes das 20.00 horas do día anterior a aquel sinalado para a celebración das eleccións.

O envío farase ao colexio facendo constar «Para a Mesa Electoral», e na secretaría de recepción rexistrarase o día e a hora de entrada destes envíos, que sen abrir o sobre de retorno, se entregarán á mesa electoral o día da votación.

O voto por correo tamén poderá ser exercido de calquera outra maneira que estableza a lexislación electoral xeral cando así o autorice a Xunta de Goberno.

Artigo 46. Escrutinio

1. Finalizada a votación, o presidente introducirá na urna as papeletas recibidas por correo. A continuación procederase ao escrutinio.

2. Serán declarados totalmente nulos os votos que conteñan riscaduras ou raspaduras, ou simples mencións alleas ao contido da votación. Cando para un mesmo cargo se poña máis dun nome, declararase parcialmente nulo o voto en canto aos cargos onde concorra aquela circunstancia.

3. Aquelas papeletas que se atopen só parcialmente cubertas canto ao número de candidatos, pero que reúnan os requisitos exixidos para a súa validez, serano para os cargos e persoas correctamente expresados.

4. Rematado o escrutinio da mesa, anunciarase o seu resultado, proclamando electos os candidatos que obtivesen maior número de votos para cada cargo. Os casos de empate resolveranse en beneficio do colexiado que máis votos obtivese entre os exercentes; de persistir este, o de maior tempo de exercicio neste colexio e, se aínda se mantiver o empate, o de maior idade.

Artigo 47. Recursos

Os recursos que se interpoñan no proceso electoral ou contra o seu resultado, serán admitidos nun só efecto e non suspenderán a votación, proclamación e posesión dos elixidos, menos cando así se acorde por causas excepcionais mediante resolución expresa e motivada da mesa electoral.

Artigo 48. Toma de posesión

Os candidatos proclamados electos tomarán posesión na primeira reunión da Xunta de Goberno que para tal efecto se celebre, momento en que cesarán os substituídos.

No prazo de cinco días hábiles desde a constitución dos órganos de goberno, deberá comunicarse esta, directamente ou a través do Consello Xeral, ao ministerio correspondente. Así mesmo, comunicarase a composición dos órganos elixidos e o cumprimento dos requisitos legais.

De igual forma se procederá cando se produzan modificacións.

Artigo 49. Cómputo de prazos

Todos os prazos indicados nesta sección serán computados por días hábiles.

Sección 5ª. Xunta Honoraria

Artigo 50

1. Os que desempeñasen cargos na Xunta de Goberno polo menos durante un período de catro anos terán dereito a formar parte da Xunta Honoraria do Colexio, que só terá funcións consultivas, non vinculantes, nas cuestións que lle propoña a Xunta de Goberno.

2. Será presidida polo membro que tiver o maior cargo xerárquico nos órganos colexiais e, no caso de igualdade, polo de maior antigüidade colexial.

Quen tiver a presidencia terá dereito a asistir ás reunións da Xunta de Goberno, con voz e sen voto.

3. O colexio e os seus órganos de Goberno dispensarán aos membros da Xunta Honoraria respecto e consideración e faranos partícipes de todos os actos sociais, solicitando o seu parecer naquelas cuestións que consideren apropiadas.

Sección 6ª. Asembleas xerais ordinarias e extraordinarias

Artigo 51. Atribucións

A Asemblea Xeral de colexiados é o órgano soberano do colexio e a quen corresponden todas as atribucións.

En todo caso, son competencias exclusivas do órgano plenario as seguintes:

a) A aprobación e reforma dos estatutos e normas deontolóxicas colexiais.

b) A elección do órgano de goberno e do seu presidente, e a súa remoción por medio da moción de censura, segundo o establecido nos presentes estatutos. A Xunta de Goberno poderá convocar eleccións como acto separado da referida asemblea.

c) A aprobación dos orzamentos e contas do colexio.

d) A aprobación da xestión do órgano de Goberno e do seu presidente.

Todos os colexiados teñen dereito de asistencia con voz e voto, ás asembleas xerais ordinarias ou extraordinarias, tendo o voto dos exercentes dobre valor que o do non exercentes.

Artigo 52. Convocatorias

As asembleas xerais deberán convocarse con quince días de antelación, excepto nos casos de urxencia, en que poderá reducirse o prazo a xuízo do presidente.

A convocatoria, coa orde do día, exporase no taboleiro de anuncios, e do mesmo xeito se comunicará aos colexiados mediante circular.

As asembleas xerais poden ser ordinarias ou extraordinarias.

Artigo 53. Asemblea Xeral ordinaria

1. A Asemblea Xeral ordinaria reunirase obrigatoriamente unha vez ao ano, dentro do seu seis primeiros meses; igualmente, tentarase que o lugar de celebración garde a mesma dispersión territorial que teña o maior núcleo de despachos dos colexiados, ou por provincias.

Na orde do día poderá incluírse toda clase de asuntos que considere convenientes a Xunta de Goberno, así como un punto para rogos, preguntas e proposicións, e necesariamente os puntos relativos á aprobación de contas do exercicio anterior, os orzamentos do ano que corre e a xestión da Xunta de Goberno, presentación da memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables desagregadas por concepto e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, se for o caso, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, se for o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos seus códigos deontolóxicos, en caso de dispor deles.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se atopen os membros das xuntas de goberno.

2. O Consello Xeral fará pública, xunto á súa memoria, a información estatística a que fai referencia o número anterior deste artigo de forma agregada para o conxunto da organización colexial.

Para estes efectos, os consellos autonómicos e os colexios territoriais facilitarán aos seus consellos xerais ou superiores a información necesaria para elaborar a memoria anual.

3. Ata cinco días antes da data da reunión, o presidente poderá engadir novas cuestións ás inicialmente contidas na convocatoria, comunicándollo aos colexiados. Do mesmo xeito, terá facultade para alterar a orde de exposición dos puntos para tratar contidos na convocatoria.

4. Os colexiados poderán propor a inclusión doutras cuestións na orde do día, facendo a petición por escrito, que deberá presentarse no colexio con oito días de antelación á data de celebración da asemblea.

Artigo 54. Asemblea Xeral extraordinaria

As asembleas xerais extraordinarias serán celebradas por petición do presidente, da Xunta de Goberno ou por solicitude do 10 % dos colexiados exercentes, con indicación das cuestións que se van tratar.

A Asemblea deberá celebrarse no prazo de trinta días desde que foi solicitada, sen que nela poidan tratarse máis asuntos que os sinalados na convocatoria, que necesariamente deberán gardar relación cos fins directos do colexio.

Artigo 55. Facultades

1. As asembleas xerais extraordinarias serán competentes para propor a aprobación ou modificación dos estatutos e aprobar os regulamentos de réxime interior, normas sobre honorarios profesionais; adquisición, venda e gravame de bens inmobles; orzamentos e derramas extraordinarias; contía das finanzas colexiais; peticións ao poder público e calquera outra cuestión que pola súa importancia e urxencia así o requira.

2. Cando os asuntos enunciados no número anterior coincidan ao tempo de celebrarse a Asemblea Xeral ordinaria, poderán incluírse na súa orde do día, excepto a proposta de aprobación ou modificación de estatutos, que precisará acordo na Asemblea Xeral extraordinaria convocada só para este efecto, e que precisará un quórum de asistencia do 50 % de colexiados exercentes que, se non se reuniren, fará necesaria unha segunda asemblea xeral, tamén extraordinaria, que poderá adoptar acordos por maioría simple de asistentes, sen quórum especial e que se celebrará, cando menos, no prazo dunha hora de diferenza.

Artigo 56. Reunións e acordos

1. As asembleas xerais deberán celebrarse no lugar, día e hora sinalados, calquera que sexa o número de asistentes, salvo que a natureza do asunto requira un quórum especial.

2. Todos os colexiados, exercentes ou non, poden ser representados na Asemblea Xeral por outro colexiado mediante escrito que o acredite, que deberá remitirse á Secretaría do colexio con antelación dun día polo menos á celebración da reunión.

3. Os seus acordos adoptaranse por maioría de votos e serán obrigatorios para todos os colexiados e inmediatamente executivos, agás que a Asemblea razoadamente dispuxer outra cousa expresamente.

Artigo 57. Libros de actas

Levaranse obrigatoriamente dous libros de actas: un para as asembleas xerais e outro para a Xunta de Goberno.

As actas serán asinadas polo presidente e o secretario, ou por quen os substitúa nas súas funcións.

Capítulo IV
Responsabilidades e réxime disciplinario

Sección 1ª. Principios xerais no exercicio da profesión

Artigo 58. Principios xerais

a) As presentes normas encamíñanse a conformar a actitude dos administradores de predios, no desempeño da súa actividade como tales e constitúen o seu código moral profesional nas súas relacións cos seus clientes, compañeiros e colexio.

b) Con independencia da técnica profesional, o administrador de predios ten que exercer a súa actividade, de esencial carácter humanista, cunha conduta moral profesional intachable, suxeito aos imperativos da boa fe, a confianza, o respecto e a responsabilidade, e antepondo os lexítimos intereses que ten encomendados a calquera outro, conxugando, no exercicio profesional, a ciencia coa conciencia.

c) No desenvolvemento da súa actividade profesional, o administrador de predios vén obrigado a actuar aplicando a técnica profesional e relativa ao caso, para o cal atenderá a súa permanente e adecuada formación mediante o estudo e coñecemento das materias, doutrinas e experiencias imprescindibles para o correcto exercicio profesional.

d) Independentemente da actuación técnica, o administrador de predios acomodará a súa actividade profesional ás normas éticas e morais e á realidade social, e, en calquera caso, terá presente a actuación en conciencia aplicando libre e razoadamente as solucións máis adecuadas á moral usual e máis respectuosas para os intereses individuais e sociais, e calquera outro que tiver encomendado.

e) O administrador de predios debe respectar o principio da probidade profesional, e as súas actuacións estarán baseadas na rectitude, a integridade e a honestidade, conformando unha actitude e conduta ordenada e sen fallo que non mingüen a honra e dignidade profesional.

f) Na súa actuación, o administrador de predios debe rexeitar calquera presión ou inxerencia alleas que poida limitar a súa liberdade profesional e procurar beneficios inxustos a uns clientes en prexuízo doutros.

g) O exercicio da profesión debe ser prestado persoalmente polo titular, sen prexuízo das colaboracións e axudas administrativas ou doutra clase precisas para o bo funcionamento do seu despacho. Ningún administrador de predios debe permitir que se empreguen o seu nome ou servizos profesionais de calquera xeito que faga posible a práctica profesional de persoas que non estean legalmente autorizadas.

h) O administrador de predios está obrigado a respectar escrupulosamente as normas colexiais e evitar calquera tipo de actuación desleal directa ou indirecta con outros colexiados.

Artigo 59. Relación cos clientes

a) A relación dos administradores de predios cos seus clientes debe desenvolverse baixo os principios básicos da confianza e a boa fe.

b) No desempeño do seu labor profesional, o administrador de predios será dilixente, executando puntualmente os traballos encargados en cada momento, da mellor maneira posible, segundo a natureza do caso e as instrucións que puidese recibir; debe gardar segredo das informacións que de calquera forma cheguen ao seu coñecemento con motivo do encargo profesional, aínda despois de rematado este; está obrigado a dar conta das súas operacións nos bens que lle foron encomendados profesionalmente e a practicar as liquidacións e aboar os saldos puntualmente nos períodos convidos.

Así mesmo, como prestador de servizos deberá cumprir todas as obrigacións derivadas das leis sobre a materia de protección de consumidores e usuarios e, expresamente, as contidas nos artigos 22 e 23 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

c) Na administración de comunidades, o administrador procurará manter a mellor relación e convivencia entre os propietarios, apurando para iso as xestións e solucións amigables, e evitando en canto sexa posible a aplicación doutras medidas coactivas.

d) Cando o administrador de predios cese na prestación dos seus servizos profesionais, por revogación ou renuncia, deberá facer entrega inmediata ao cliente da documentación que teña no seu poder, practicar a liquidación e aboar os saldos que procedan, se é o caso.

Despois do cesamento do secretario-administrador, entregarase ao presidente, ou a quen o mesmo autorice por escrito, no prazo de 10 días hábiles desde a súa solicitude a seguinte documentación comunitaria básica:

1. Listaxe e datos dos propietarios, incluíndo os datos de domiciliación recibos, última remesa e devolucións de recibos.

2. Escritura de división horizontal.

3. NIF.

4. Contratos e facturas de servizos e pendentes de pagamento.

O resto da documentación comunitaria será entregada no prazo máximo de 30 días hábiles desde a súa solicitude, concretamente non poderá faltar o peche contable da comunidade á data do peche e o libro de actas.

Artigo 60. Relacións cos restantes administradores de predios

a) As relacións de calquera clase entre os administradores de predios cos seus clientes debe desenvolverse con respecto e cortesía, prestándose as máximas facilidades para o cumprimento dos seus deberes profesionais.

b) Os administradores de predios están obrigados a facilitarse mutua información xeral, sempre que non afecte o segredo profesional, e a prestarse axuda e colaboración.

c) Nos casos de enfermidade ou longa ausencia xustificada dun administrador de predios, os seus compañeiros deben prestar axuda ás necesidades profesionais do ausente, segundo as normas colexiais que se establezan para estes casos.

d) Os administradores de predios de recente incorporación poderán realizar prácticas nos despachos de compañeiros máis expertos, debendo estes comunicar ao colexio as necesidades que teñan sobre o particular. A pasantía ten como fundamento esencial prestar aos novos colexiados o maxisterio da profesión, especialmente no seu aspecto práctico, polo que non será obrigatoriamente retribuída.

Artigo 61. Relacións co colexio

a) Os administradores de predios están obrigados a colaborar e prestar axuda ao seu colexio, a cumprir os acordos que dite en materia da súa competencia e a contribuír economicamente ao seu sostemento.

b) Debe constituír unha honra aceptar os cargos para os cales foi designado, realizar os labores que se lle encargasen e tomar parte activa na vida colexial, asistindo aos actos organizados e propondo as cuestións que considere adecuadas para o interese xeral.

c) Comunicar á Xunta de Goberno do Colexio os casos de intrusión, competencia ilícita ou desleal de que teña novas. Dará cantos datos e información lle sexan solicitados e, en xeral, comunicará cantos incidentes ou anomalías poidan atopar ou ter noticia no exercicio da profesión.

Sección 2ª. Réxime disciplinario
Disposicións xerais

Artigo 62. Responsabilidade disciplinaria

Os administradores de predios están suxeitos a responsabilidade disciplinaria no caso de infracción dos seus deberes profesionais ou deontolóxicos.

A responsabilidade disciplinaria dos administradores de predios e dos membros dos seus órganos de goberno declararase despois da información de expediente seguido polos trámites establecidos nos estatutos e demais normas de aplicación.

Artigo 63. Ámbito de aplicación do procedemento disciplinario

O procedemento disciplinario recolleito nesta sección segunda do capítulo cuarto dos estatutos, adaptado á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, será aplicable nas actuacións do Colexio Territorial de Administradores de Predios de Galicia para a exixencia das responsabilidades disciplinarias en que poidan incorrer os colexiados no caso de infracción dos seus deberes profesionais ou colexiais, sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal exixible a eles.

Artigo 64. Competencias do Consello Xeral

A facultade disciplinaria dos membros da Xunta de Goberno, en relación co desenvolvemento das súas funcións, compete ao Consello Xeral de Colexios de Administradores de Predios estatal.

Artigo 65. Concorrencia de sancións

1. Cando se estea tramitando un proceso xudicial penal polos mesmos feitos ou por outros en que a separación dos sancionables, de acordo con estes estatutos, sexa racionalmente imposible, o procedemento será suspendido na súa tramitación. O reinicio do procedemento disciplinario quedará demorado ata que se dite pronunciamento firme da autoridade xudicial.

2. Unha vez iniciado o procedemento, en calquera momento del en que o instrutor aprecie que a presunta infracción poida ser constitutiva de delito ou falta, porao inmediatamente en coñecemento da Xunta de Goberno para que decida sobre a comunicación dos feitos á autoridade correspondente e resolva a suspensión do procedemento ata que se dite pronunciamento firme da autoridade xudicial.

3. Reiniciada a tramitación do expediente disciplinario en calquera dos supostos mencionados, a resolución que se dite deberá respectar a apreciación dos feitos que conteña o referido pronunciamento xudicial.

Das infraccións e sancións disciplinarias

Artigo 66. Infraccións

As infraccións que poidan levar unida sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

1. Son faltas moi graves:

a) A condena por delito doloso, en calquera grao de participación, en materia profesional, que implique inhabilitación profesional.

b) O exercicio da profesión sen cumprir os requisitos establecidos nos presentes estatutos ou por perda deles por condena ou sanción disciplinaria firmes.

c) Incumprimento grave, por culpa ou descoido inescusables, do segredo profesional, con prexuízo de terceiro.

d) A omisión grave, por culpa ou descoido inescusables, da debida dilixencia no desenvolvemento das funcións profesionais.

e) O quebrantamento grave, por acción ou omisión, dos deberes de fidelidade e lealdade no exercicio da profesión.

f) A cesión do título para o exercicio da profesión a favor doutra persoa que exerza no seu lugar sen estar colexiado. Así mesmo, tamén o será permitir a utilización do seu nome e número de colexiado cos mesmos fins.

g) A reincidencia de faltas graves. Para tal efecto entenderase por reincidencia a comisión de máis de dúas faltas graves no período dun ano.

2. Son faltas graves:

a) Os actos realizados no exercicio da profesión que constitúan competencia desleal declarada polos tribunais competentes.

b) Os insultos e inxurias verbais ou escritas aos compañeiros tanto en relación coa actividade de carácter colexial como profesional ou aos membros dos órganos de goberno do colexio, así como formular imputacións inxustificadas sobre eles.

c) A infracción das normas profesionais e deontolóxicas da profesión, cando estas reúnan os requisitos de certeza e publicidade.

d) O falseamento ou inexactitude grave da documentación profesional e a ocultación ou simulación de datos que o colexio debe coñecer para exercer as súas funcións de ordenación profesional ou para a repartición equitativa das cargas colexiais.

e) A incomparecencia ante os órganos colexiais, cando for requirido expresamente para iso.

f) O desempeño dos cargos colexiais e dos labores que lle fosen encomendados con grave descoido.

g) O incumprimento grave dos deberes derivados do contido dos estatutos, regulamentos e demais disposicións profesionais; agás que expresamente tiveren outra cualificación disciplinaria distinta.

h) O incumprimento dos deberes profesionais, especialmente cando se deriven prexuízos de calquera clase aos clientes ou menoscaben o prestixio e dignidade profesionais.

i) A reiteración ou reincidencia na comisión de faltas leves, que ten lugar pola imposición de tres ou máis sancións por faltas leves no período dun ano.

3. Son faltas leves:

a) O atraso inxustificado no cumprimento dos seus deberes profesionais ou colexiais.

b) A desatención e desconsideración cos seus compañeiros ou compoñentes dos órganos de goberno do colexio.

c) Rexeitar os labores que lle encarguen os órganos de goberno.

e) O incumprimento reiterado das instrucións corporativas de carácter xeral sobre enquisas, estatísticas e informes ou calquera outra actitude demostrativa de persistente falta de colaboración colexial.

f) O incumprimento dos acordos adoptados polos órganos de goberno do colexio ou polo consello xeral de colexios.

g) Non dar conta dos cambios que supoñan modificación de calquera dos datos persoais e profesionais que figuren no expediente ou de calquera outra circunstancia que poida ter lexítimo interese para o colexio.

h) En xeral, o incumprimento por descoido ou descoido escusable dos deberes que non teñan sinalada outra cualificación disciplinaria máis grave.

Artigo 67. Sancións

a) As sancións que se poden impor son:

1. Por faltas moi graves:

a) Suspensión provisional da profesión por un prazo superior a tres meses sen exceder dous anos.

b) Inhabilitación permanente para o exercicio da profesión.

2. Por faltas graves:

a) Amoestación pública.

b) Multa de 300,01 € ata 1.800 €.

c) Suspensión provisional do exercicio profesional ata tres meses.

3. Por faltas leves:

a) Amoestación persoal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Multa ata 300 €.

Artigo 68. Aplicación das sancións e actualización

1. A Xunta de Goberno imporá discrecionalmente a sanción adecuada das sinaladas anteriormente para cada tipo de faltas. En ningún caso se poderá impor unha sanción sen que se tramite o necesario expediente.

2. A imposición dalgunha das sancións sinaladas nos puntos 1 e 2 do artigo 67 a un colexiado que sexa membro da Xunta de Goberno levará automaticamente imposto o cesamento nese cargo.

3. As sancións de inhabilitación permanente e de suspensión no exercicio profesional implican a accesoria de suspensión de dereitos electorais polo tempo da súa duración.

4. A contía das multas pecuniarias actualizarase cada ano de acordo co índice de prezos de consumo que publica o Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 69. Prescrición de infraccións

1. As infraccións moi graves prescribirán ao tres anos, as graves ao ano e as leves ao tres meses.

2. O prazo de prescrición comezará a contarse desde que a infracción se cometese.

3. A prescrición interromperase pola notificación ao colexiado afectado do acordo de incoación de información previa á apertura de expediente disciplinario, reiniciándose o cómputo do prazo de prescrición se nos tres meses seguintes non se incoa expediente disciplinario ou este permanecese paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao colexiado inculpado.

Artigo 70. Prescrición de sancións

1. As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por infraccións graves, ao ano, e as impostas por infraccións leves, aos tres meses.

2. O prazo de prescrición da sanción por falta de execución comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que quedase firme a resolución sancionadora.

Do procedemento

Artigo 71. Procedemento, notificacións e prazos

1. O procedemento disciplinario impulsarase de oficio en todos os seus trámites, que se axustarán ao establecido nos presentes estatutos e, no non previsto neles, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cuxos principios, contidos no seu título IX, en todo caso serán de obrigado cumprimento.

2. A tramitación e as notificacións axustaranse ao establecido nestes estatutos e, na súa falta, ao disposto no título V, capítulo III e no título VI, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro. A duración do procedemento non poderá ser superior a 6 meses, excepto causa de suspensión legal.

3. As notificacións poderán ser feitas por correo certificado, burofax, por vía telemática ou electrónica, a través de calquera sistema de comunicación seguro implantado polo COAFGA ou por calquera outro medio que permita ter constancia da recepción por parte do interesado ou o seu representante.

O secretario do expediente poderá dar fe do feito de terse remitido a comunicación e, cando sexa necesario, do seu contido.

a) As notificacións realizadas a través de correo postal faranse no domicilio profesional que o colexiado teña comunicado ao colexio con plena validez e sen prexuízo da responsabilidade que puider derivar de non comunicar regulamentariamente o seu eventual traslado.

Se non puider ser verificada a notificación segundo o previsto no artigo 59 da citada Lei 30/1992, a notificación entenderase efectuada ao quince días da súa publicación no taboleiro de anuncios do colexio.

b) O instrutor poderá practicar as notificacións de forma simultánea mediante a súa exposición no taboleiro de anuncios do Colexio, coa condición de que a dita publicación non infrinxa a normativa sobre protección de datos.

4. No caso de que o interesado ou o seu representante rexeite calquera notificación do instrutor, faranse constar as circunstancias do rexeitamento no expedienteco que se dará por efectuado o trámite da notificación e proseguirá o procedemento de resolución.

5. Os prazos establecidos nesta sección serán prorrogables excepcionalmente antes do seu vencemento por acordo adoptado de forma motivada pola Xunta de Goberno.

Esta ampliación non poderá exceder a metade dos prazos establecidos. O acordo sobre a prórroga, que se notificará ao colexiado afectado ou recorrente, non será impugnable, sen prexuízo do que poidan alegar os interesados para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento.

Artigo 72. Dereitos dos colexiados no procedemento disciplinario

Os colexiados respecto dos cales se sigan procedementos disciplinarios terán os seguintes dereitos:

a) Á presunción de inocencia.

b) A seren notificados dos feitos que se lles imputen, das infraccións que tales feitos poidan constituír e das sancións que, se é o caso, se lles poidan impor, así como da identidade do instrutor, do órgano competente para impor a sanción e da norma que atribúa tal competencia.

c) A absterse de declarar no procedemento seguido na súa contra, formular alegacións e empregar os medios de defensa admitidos polo ordenamento xurídico que resulten procedentes.

d) Aos demais dereitos recoñecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 73. Iniciación

1. O procedemento iniciarase por denuncia razoada por escrito ou de oficio polos órganos competentes do colexio.

2. No suposto de iniciarse por denuncia razoada, a comisión disciplinaria poderá acordar o seu arquivamento directo se ao seu xuízo non houber indicios racionais canto á posible existencia de infracción disciplinaria. Noutro caso, acordarase a apertura de dilixencias previas.

Artigo 74. Dilixencias previas

1. O inicio do procedemento dará lugar á incoación de dilixencias previas, sen prexuízo do establecido no artigo anterior.

2. Será competente para ordenar a incoación das dilixencias previas o presidente da Xunta de Goberno do colexio, ben por iniciativa propia ben a través de proposta do presidente da comisión disciplinaria.

3. A apertura de dilixencias previas suporá a práctica de todas aquelas que a comisión disciplinaria considere como necesarias para a pescuda e comprobación dos feitos e persoas responsables e non poderá ter unha duración superior a trinta días. En calquera momento da súa tramitación, e sempre antes do acordo da Xunta de Goberno respecto á apertura do expediente, poderá o presidente da comisión, cando considere que non existe responsabilidade disciplinaria, de forma motivada e dando conta posteriormente á Xunta, ordenar o seu sobresemento e arquivamento. Este acordo será notificado ás partes interesadas e impugnable segundo o establecido no artigo 82.1 dos presentes estatutos.

Artigo 75. Medidas cautelares

1. Incoado procedemento disciplinario por órgano competente conforme o establecido no artigo 74, o mesmo órgano, e en resolución motivada e despois de audiencia do interesado, poderá acordar como medida cautelar a suspensión provisional do colexiado afectado no exercicio da súa profesión, a condición de que o colexiado fose obxecto de inculpación nun proceso xudicial penal, e con independencia de que, ademais, se dispoña a suspensión do procedemento conforme se establece no artigo 65.

2. A resolución que acorde a referida suspensión provisional deberá ser notificada ao colexiado afectado conforme o sinalado no artigo 72 e será impugnable conforme o establecido no artigo 82.1.

Artigo 76. Apertura de expediente disciplinario

1. No caso de que a comisión entendese que existe unha posible responsabilidade disciplinaria elevará as dilixencias á Xunta de Goberno do colexio co fin de que acorde o que proceda sobre a apertura de expediente e designación de instrutor e secretario ou, se é o caso, para impor as sancións por falta leve de acordo co establecido no artigo 79.

O acordo da Xunta relativo á apertura de expediente e as anteriores designacións serán notificados ao interesado, así como ao instrutor e secretario.

2. Aceptado o cargo polo instrutor e secretario só poderán ser substituídos pola Xunta de Goberno nos supostos de falecemento, enfermidade, renuncia e resolución favorable á abstención ou recusación, no cal a competencia e exame corresponderá á Xunta de Goberno. Así e todo, poderá continuar o procedemento exercendo ao mesmo tempo como instrutor e secretario quen destes non fose recusado e ata que se produza o novo nomeamento.

3. Desde o momento en que o interesado teña coñecemento da identidade do instrutor e do secretario designados, e en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá exercer o dereito de recusación.

4. Serán de aplicación en materia de abstención e recusación do instrutor e do secretario do expediente as normas contidas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

5. O instrutor, baixo a fe do secretario, ordenará a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos e de cantas probas poidan conducir ao seu esclarecemento e á determinación das responsabilidades susceptibles de sanción.

Artigo 77. Prego de cargos

1. No prazo dun mes desde a apertura do expediente sancionador e á vista das actuacións practicadas, o instrutor formulará e notificará o correspondente prego de cargos.

2. O prego de cargos deberá redactarse de maneira clara e precisa, comprenderá os feitos imputados ao inculpado en parágrafos separados e numerados por cada un deles e expresará a infracción presuntamente cometida e as sancións que se lle puidesen impor, con cita concreta dos preceptos dos estatutos aplicables, incluíndo igualmente a identidade do instrutor e do órgano competente para impor a sanción.

3. O prego de cargos notificarase ao inculpado, concedéndolle un prazo improrrogable de dez días para os efectos de que poida contestalo coas alegacións que considere pertinentes e presentando os documentos que considere de interese.

4. O inculpado poderá propor na súa contestación ao prego de cargos a práctica de calquera medio de proba admisible en dereito que crea necesario e presentar os documentos que considere adecuados.

Artigo 78. Proba

1. O instrutor disporá do prazo dun mes para a práctica das probas que considere pertinentes por entender que son adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades, podendo incluírse de oficio probas distintas das propostas. O mencionado prazo computarase desde que se conteste ao prego de cargos ou transcorra o prazo establecido para iso sen facelo.

2. O instrutor, en resolución que será sempre motivada, poderá denegar a admisión e práctica das probas que considere improcedentes, porque pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable. Tal resolución será obxecto de recurso cando determine a imposibilidade de continuar o procedemento ou produza indefensión. Nos demais casos, poderá ser alegada a súa oposición polos interesados no recurso interposto contra a resolución final.

3. Para a práctica das probas que efectuará o propio instrutor, notificarase ao inculpado o lugar, data e hora, co fin de que poida intervir.

Artigo 79. Procedemento simplificado

1. No caso de que o órgano competente para iniciar o procedemento considere que existen elementos de xuízo suficientes canto a feitos e responsabilidades e, coa condición de que non se trate de faltas moi graves ou graves, procederase a tramitar o procedemento simplificado regulado neste artigo.

2. A iniciación producirase por acordo do órgano competente en que se especificará o carácter simplificado do procedemento e levará consigo o nomeamento do instrutor e, de maneira simultánea, a notificación aos interesados.

3. No prazo de dez días a partir da comunicación e notificación do acordo de iniciación, o órgano instrutor e os interesados efectuarán, respectivamente, as actuacións preliminares, a presentación de cantas alegacións, documentos e informacións coiden convenientes e, se é o caso, a proposición e práctica da proba.

4. Transcorrido o devandito prazo, o órgano competente para a instrución formulará proposta de resolución de conformidade co disposto no artigo 80 ou, se aprecia que os feitos poden ser constitutivos de falta grave ou moi grave, acordará que siga tramitándose o procedemento segundo o disposto nos artigos 76 e seguintes, notificándoo aos interesados para que, no prazo de dez días, propoñan probas se o consideran conveniente.

Artigo 80. Proposta de resolución

1. Finalizado o período probatorio, e dentro do seguintes dez días, o instrutor formulará proposta de resolución en que fixará os feitos probados, efectuará a cualificación para os efectos de determinar o tipo de infracción cometida e sinalará as posibles responsabilidades do inculpado ou inculpados, así como as sancións que correspondan.

2. A proposta de resolución será notificada ao inculpado, quen, no prazo improrrogable de dez días desde a súa notificación, poderá alegar ante a comisión disciplinaria canto considere conveniente na súa defensa.

Artigo 81. Resolución do expediente

1. O instrutor, oído o inculpado ou transcorrido o prazo sen ningunha alegación, remitirá, no prazo de quince días hábiles desde o seu final, a proposta de resolución xunto co expediente completo á Xunta de Goberno para que dite a resolución definitiva.

2. A resolución que poña fin ao procedemento disciplinario será acordada no prazo máximo de quince días desde a súa elevación á Xunta de Goberno, terá que ser motivada, resolverá todas as cuestións suscitadas no expediente e non poderá aceptar feitos distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración xurídica. A resolución deberá notificarse no prazo de quince días hábiles desde a celebración da xunta onde se tome o acordo.

3. Na deliberación e aprobación do acordo non intervirá quen actuase na fase de instrución do procedemento como instrutor e secretario, sen que se computen para efectos de quórum ou maiorías.

Cando a proposta de resolución conteña sanción de suspensión por máis de seis meses ou expulsión do colexio, o acordo deberá ser tomado pola Xunta de Goberno mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos seus compoñentes, cuxa asistencia é obrigatoria salvo causa xustificada.

4. A resolución que se dite deberá ser notificada ao inculpado, terá que respectar o establecido no artigo 88 e na Lei 30/1992 e expresará os recursos que contra ela procedan, os órganos administrativos ou xudiciais ante os cales se teñan que presentar e o prazo para interpolos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren oportuno.

Artigo 82. Recursos en materia disciplinaria

1. As resolucións das xuntas de goberno dos colexios polas que se suspendan provisionalmente no exercicio colexiados sometidos a procesamento ou inculpación, se arquiven as actuacións iniciadas ou se impoñan sancións disciplinarias, así como calquera outra decisión dentro do procedemento que, aínda que teña o carácter de acto de trámite, determine a imposibilidade de continualo ou produza indefensión, poderán ser obxecto de recurso de alzada polos interesados dentro do prazo improrrogable dun mes desde a súa notificación, ante o Consello Xeral. A resolución que resolva o mencionado recurso pon fin á vía administrativa, sendo inmediatamente executiva e susceptible de recurso contencioso-administrativo, segundo se establece no artigo 88 dos presentes estatutos.

2. Non serán impugnables os acordos de apertura do expediente disciplinario. Respecto dos actos de trámite non impugnables, a oposición a estes actos poderá en todo caso ser alegada polos interesados para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento e na eventual impugnación de tales actos no recurso que, se for o caso, se interpoña contra ela.

3. Exclusivamente para os efectos de interpor recurso contra calquera das resolucións mencionadas anteriormente que determinen ou impliquen o arquivamento ou sobresemento das actuacións iniciadas ou a imposición de sancións, considerarase como interesado o denunciante dos feitos, quen terá dereito a que se lle notifiquen na forma prevista nestes estatutos os mencionados actos, así como os de apertura do expediente disciplinario.

Artigo 83. Execución das sancións, publicidade e efectos

1. A execución das sancións levarase a cabo segundo os termos da resolución que as impoña.

2. As resolucións da Xunta de Goberno ditadas en materia disciplinaria non poderán executarse ata que adquiran firmeza. No entanto, as medidas provisionais, se é o caso, aprobadas, poderán ser executadas desde a súa adopción.

3. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar en todo caso no expediente persoal do colexiado. As sancións que impliquen suspensión no exercicio da profesión ou expulsión dun colexio terán efectos no campo de todos os colexios territoriais de administradores de predios de España, e terán que ser comunicadas ao Consello Xeral de Colexios de Administradores de predios para que este os traslade aos demais colexios.

4. A anotación das sancións no expediente persoal do colexiado cancelarase cando transcorran os seguintes prazos, sen que o colexiado incorrese en nova responsabilidade disciplinaria: 6 meses en caso de sancións de amoestación persoal ou apercibimento escrito; 1 ano en caso de sanción de suspensión non superior a 3 meses; 3 anos en caso de sanción de suspensión superior a 3 meses; e 5 anos en caso de sanción de expulsión. O prazo de cancelación contarase a partir do día seguinte a aquel en que quedase cumprida a sanción.

5. A cancelación da anotación, unha vez cumpridos os devanditos prazos, farase de oficio.

6. A rehabilitación despois da cancelación da anotación será solicitada á Xunta de Goberno que, despois de verificación do cumprimento das condicións exixidas para o ingreso, resolverá motivadamente e o seu acordo será impugnable mediante os recursos corporativos.

7. A Xunta de Goberno remitirá ao Consello Xeral de Colexios de Administradores de Predios testemuño dos expedientes de rehabilitación de que coñeza.

Artigo 84. Extinción da responsabilidade disciplinaria

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, o falecemento do colexiado, a prescrición da infracción e a prescrición da sanción.

2. Se durante a tramitación do procedemento disciplinario se producir o falecemento do inculpado, ditarase resolución declarando extinguida a responsabilidade e arquivando as actuacións.

3. A baixa no colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, aínda que determina a imposibilidade de executar a sanción que se acorde. En tal caso, concluirase o procedemento disciplinario mediante a resolución que proceda e, no caso de sanción, a súa execución quedará en suspenso ata o momento en que o colexiado cause novamente alta no colexio.

Capítulo V
Réxime xurídico dos actos e a súa impugnación

Artigo 85. Acordos da Xunta de Goberno

Contra os acordos da Xunta de Goberno poderá interporse recurso de alzada ante o Consello Xeral, no prazo dun mes desde que se adoptase ou, se é o caso, notificado.

O recurso poderase presentar ante o órgano que ditou o acordo que se impuña ou ante o órgano competente para resolvelo.

Artigo 86. Acordos da Asemblea Xeral

Os acordos da Asemblea Xeral de colexiados poderán ser impugnados pola Xunta de Goberno ou por calquera colexiado mediante recurso de alzada ante o Consello Xeral, no prazo dun mes desde que fose adoptado ou, se é o caso, notificado.

A Xunta de Goberno poderá suspender inmediatamente a execución dos acordos impugnados cando entenda que son gravemente prexudiciais para o colexio ou contrarios ao ordenamento xurídico.

Artigo 87. Nulidade e anulabilidade

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais en que se dean algúns dos seguintes supostos:

a) Os manifestamente contrarios á lei.

b) Os adoptados carecendo da competencia estatutariamente necesaria para ditalos.

c) Aqueles en que o contido sexa imposible ou constitutivo de delito.

d) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido para iso ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formulación da vontade dos órganos colexiados.

2. A Xunta de Goberno deberá suspender a execución dos actos nulos de pleno dereito e formular recurso contra eles.

3. Son anulables todos aqueles actos ou acordos dos órganos de goberno do Colexio que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico. O defecto de forma só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para alcanzar o seu fin ou dea lugar á indefensión dos interesados.

4. A Xunta de Goberno poderá validar os actos anulables, emendando os vicios que teñan e, producirán efectos desde esa data, agás que se exprese a súa retroactividade e sexa admitida polos interesados.

Artigo 88. Recurso contencioso-administrativo

Os actos emanados dos órganos de goberno do colexio, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo VI
Réxime económico e financeiro

Artigo 89. Capacidade patrimonial

1. O colexio posúe plena personalidade xurídica e capacidade patrimonial para o cumprimento dos seus fins, así como plena autonomía para a xestión e administración dos seus bens e recursos e recadación destes últimos.

2. Constitúen o patrimonio do colexio os bens, dereitos e deberes de que sexa titular.

3. A recadación, xestión e administración dos recursos, así como a administración do patrimonio, corresponderá ás xuntas de goberno.

Artigo 90. Recursos económicos do colexio

1. Os recursos ordinarios constituídos por:

a) As cotas de ingreso e de reincorporación ao colexio, cuxas contías serán fixadas pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno.

b) As cotas ordinarias e extraordinarias que deben satisfacer os colexiados para o mantemento do colexio.

c) As derramas que acorde a Asemblea Xeral para o levantamento de cargas colexiais ou para calquera investimento extraordinario.

d) Os ingresos que obtivesen por publicacións que realicen e por matrículas de cursos que poidan organizar e polos dereitos por prestación de servizos aos seus colexiados, expedición de certificacións, impresos e outros conceptos análogos.

e) Os froitos, rendas e xuros de toda clase que produzan os bens ou dereitos que integren o patrimonio.

2. Os recursos extraordinarios constituídos:

a) Polas subvencións, donativos, herdanzas ou legados ou calquera outra axuda económica que concedan ao colexio as administracións públicas, corporacións ou entidades oficiais, empresas ou particulares.

b) Polos bens, mobles ou inmobles, que por herdanza, doazón ou calquera outro título, lucrativo ou oneroso, entren a formar parte do patrimonio do colexio.

c) Polas cantidades que por calquera outro concepto non especificado puider percibir o colexio.

Artigo 91. Administración

O patrimonio do colexio será administrado pola Xunta de Goberno.

Artigo 92. Orzamentos

Os orzamentos xerais do colexio, de carácter anual, serán elaborados pola Xunta de Goberno segundo criterios de eficacia e economía, incluirán a totalidade dos ingresos e gastos correspondentes ao exercicio económico e desagregaranse nos capítulos, artigos e partidas que se determinen nos seus estatutos particulares. Estes orzamentos, unha vez elaborados, someteranse á aprobación da Asemblea Xeral dentro do primeiro semestre anual.

Da mesma maneira, cada ano, dentro do prazo indicado nestes estatutos, deberán presentar á Asemblea Xeral o balance e liquidación orzamentaria, pechados en 31 de decembro do ano anterior, para a súa aprobación ou rexeitamento.

Artigo 93. Auditoría

A renovación ordinaria, total ou parcial, dos órganos executivos do colexio, determinará a necesidade de que sexa levada a cabo unha auditoría interna por unha comisión que estará integrada por tres administradores colexiados, os cales serán elixidos por sorteo entre aqueles con máis de cinco anos de antigüidade.

Capítulo VII
Réxime de extinción e liquidación do colexio

Artigo 94. Extinción e liquidación do colexio

A extinción do Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia requirirá acordo das 3/5 partes dos seus membros adoptado en Xunta Xeral convocada para o efecto e ratificado pola disposición legal correspondente.

A Asemblea Xeral decidirá por maioría absoluta, por proposta da Xunta de Goberno, a fórmula de repartición do capital colexial existente, unha vez cubertas as obrigas fiscais e laborais cos empregados do colexio.

O tesoureiro do colexio presentará un informe contable á Xunta de Goberno, que preparará a proposta que se presentará á Asemblea, tendo en conta para a repartición do capital existente o número de colexiados e a diferenza entre exercente e non exercente, e os prazos en que se establecerán os pagamentos aos seus membros colexiados.

Capítulo VIII
Portelo único. Servizo de atención aos colexiados
e aos consumidores ou usuarios

Sección 1ª

Artigo 95. Portelo único

1. As organizacións colexiais disporán dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no colexio a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia.

Concretamente, as organizacións colexiais farán o necesario para que, a través deste portelo único, os profesionais poidan, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non for posible por outros medios.

d) Convocar os colexiados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e pór no seu coñecemento a actividade pública e privada do Colexio profesional.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, as organizacións colexiais ofrecerán a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interporse en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios a que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia.

e) O contido dos códigos deontolóxicos, que estará dispoñible na páxina web do colexio.

3. As corporacións colexiais deberán adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporar para iso as tecnoloxías precisas e crear e manter as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, os colexios profesionais e, se é o caso, os consellos xerais e autonómicos poderán pór en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, inclusive coas corporacións doutras profesións.

4. Os colexios profesionais de ámbito territorial facilitarán aos consellos xerais ou superiores, e se for o caso, aos consellos autonómicos de colexios, a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados e de sociedades profesionais daqueles.

5. Así mesmo, con relación á memoria anual sinalada no artigo 53 dos presentes estatutos e en cumprimento co principio de transparencia na xestión, deberá facerse pública aquela a través da páxina web no primeiro semestre de cada ano.

Sección 2ª

Artigo 96. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios

1. O colexio deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. Así mesmo, o colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente por calquera consumidor ou usuario que contrate os seus servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O COAFGA, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda ben informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Disposición adicional

Acórdase constituír o rexistro de sociedades profesionais, que estará adscrito á secretaría do Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia e no cal se inscribirán as sociedades profesionais con domicilio no ámbito territorial do colexio que teñan por obxecto social o exercicio da profesión de administrador.

Mediante a súa inscrición no rexistro, a sociedade profesional quedará inscrita no Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia co número correspondente á súa folla rexistral.

Na folla rexistral que se abra á sociedade que se inscribe faranse constar os seguintes datos:

a) Denominación ou razón social.

b) Domicilio da sociedade.

c) Data e indicación identificativa da escritura pública de constitución e notario autorizante.

d) Duración da sociedade, no caso de que fose constituída por tempo determinado.

e) Identificación dos socios profesionais, con identificación de número de colexiado e colexio profesional de pertenza, e dos socios non profesionais, tamén con indicación de número de colexiado e colexio de pertenza no caso de que se trate de colexiados non exercentes.

f) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación da sociedade, con expresión da condición de socio profesional ou non.

En todos os demais temas observarase o que dispoña a Lei de sociedades profesionais, Lei 2/2007, do 15 de marzo, e as disposicións que a desenvolvan.

A Xunta de Goberno poderá establecer unha taxa pola inscrición no rexistro da sociedade profesional.

Disposición transitoria primeira

Os dereitos adquiridos de acordo co réxime anteriormente en vigor serán respectados.

Disposición transitoria segunda

Os expedientes disciplinarios abertos antes da entrada en vigor destes estatutos e que se atopen en tramitación na devandita data rexeranse ata a súa conclusión polas normas vixentes no momento da súa incoación.