Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 7 de maio de 2015 Páx. 18020

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 66/2015, do 23 de abril, polo que se aproba a cesión da titularidade dunha antiga caseta de legoeiros situada no punto quilométrico 1+970 da estrada OU-603, no concello da Rúa.

A teor do previsto no artigo 9.7 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade poderán incluír estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello da Rúa solicítalle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade do ben inmoble denominado Casa de Legoeiros, situado na rúa Campogrande número 63, de referencia catastral 625781PG5955N0001DL.

Esta caseta de legoeiros é un elemento funcional da estrada, de acordo co artigo 6.2.a) da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que considera elementos funcionais as infraestruturas complementarias constituídas por espazos e instalacións destinadas a ordenar, mellorar ou regularizar o sistema xeral de transportes e comunicacións, tales como centros operativos de conservación e explotación, zonas de estacionamento, paradas de autobuses, áreas de servizo, áreas de descanso, zonas de auxilio e atención médica de urxencia, estacións e centros de control, lugares de inspección e pesaxe de vehículos, estacións de contaxe, aparcamentos disuasorios e calquera outro semellante.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á cesión de titularidade dos 625 m2 que determinan a totalidade da superficie, así como das edificacións e de todos os elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na dita parcela en que se situaba a caseta de legoeiros, que perdeu a súa utilidade como elemento funcional da estrada e da que non é previsible nin recomendable a súa recuperación para este uso.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de abril de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase a cesión de titularidade a prol do Concello da Rúa dos 625 m2 que determinan a totalidade da superficie, así como das edificacións e todos os elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na parcela en que se situaba anteriormente a caseta de legoeiros.

Artigo 2

O Concello da Rúa deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficiais correspondentes para regularizar a titularidade da superficie, das edificacións e dos elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na parcela.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello da Rúa, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da superficie, edificacións e elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na parcela, así como o exercicio das funcións que puidesen corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de abril de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas