Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 29 de abril de 2015 Páx. 16368

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2015 pola que se convoca un curso sobre intervención en emerxencias para o persoal que superou o proceso selectivo para os grupos de emerxencia supramunicipais (GES) no ano 2015 e anteriores e está na lista de reservas.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia, derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso sobre intervención en emerxencias para o persoal que superou o proceso selectivo para os grupos de emerxencia supramunicipais (GES) no ano 2015 ou anteriores e está na lista de reservas, con 1 edición, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Intervención en emerxencias para o persoal que superou o proceso selectivo para os grupos de emerxencia supramunicipais (GES) no ano 2015 e anteriores e está na lista de reservas

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

70

Prazas

18

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos: impartir unha formación especializada nuns niveis de capacitación suficientes para que o persoal que superou o proceso selectivo para ingresar nos grupos de emerxencia supramunicipais no ano 2015 e anteriores, e está na lista de reservas, poida realizar as súas funcións nos casos de vacante no respectivo GES.

Contido: o contido estrutúrase en bloques relativos aos principais riscos e emerxencias en que, segundo as estatísticas da Xunta de Galicia, intervirá este persoal:

1. Módulo 1: primeiros auxilios (7 horas).

2. Módulo 2: actuacións en caso de accidente de tráfico (14 horas).

3. Módulo 3: extinción de incendios urbanos e industriais (28 horas).

4. Módulo 4: intervención en incendios forestais (21 horas).

Todos os bloques temas inclúen exercicios prácticos sobre os temas tratados e haberá unha proba final de conxunto.

3. Destinatarios/as.

O curso vai dirixido ao persoal que superou as probas de selección convocadas para o ingreso nos grupos de emerxencia supramunicipais de Galicia ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes para o presente curso e está na lista de reservas.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar e datas: o lugar e a data concreta de realización anunciarase coa suficiente antelación.

Horario: mañá e tarde, de luns a venres.

Uniformidade: o persoal deberá asistir aos cursos provisto do seguinte material:

1) Botas de media cana con punteira de seguridade e soleta antipunzamento.

2) Funda ignífuga.

3) Casco F2 Gallet, HPS3000 ou similar con lentes de seguridade.

4) Guantes ignífugos de intervención.

5) Verdugo ignífugo.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento do curso.

5. Inscrición.

a) Os concellos que convocaron os procesos selectivos para os grupos de emerxencia supramunicipais (GES) remitiranlle á Agasp:

• Unha lista coas persoas que superaron o proceso selectivo no ano 2015 ou anteriores e que están na lista de reservas, e o número de vacantes, se as hai, no respectivo GES (segundo o modelo do anexo I desta convocatoria).

• Unha ficha cos datos de cada unha das persoas seleccionadas (segundo o modelo do anexo II desta convocatoria).

b) Os datos mencionados no punto anterior poderán ser comunicados por correo electrónico ao enderezo: formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

c) O prazo para enviar a documentación é de quince (15) días naturais a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

d) As persoas seleccionadas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp recibirán unha mensaxe de correo electrónico para darse de alta nela.

e) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos teléfonos 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico: formacion.emerxencias.agasp@xunta.es , que adoptará as medidas necesarias.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

6.1. Os criterios de selección son os seguintes:

1) Terán preferencia na selección os candidatos dos GES en que existan prazas vacantes.

2) Admitiranse como máximo dous aspirantes por cada GES que solicite participar no curso.

3) Os aspirantes serán admitidos na orde en que estean na lista remitida polo concello respectivo (anexo I).

4) Para resolver os posibles empates terase en conta a orde de presentación de solicitudes polos concellos respectivos, de forma que se admitirán primeiro os aspirantes dos concellos que presentasen antes a súa solicitude.

6.2. En caso de que despois de aplicar os criterios anteriores quedasen prazas vacantes admitirase un novo aspirante de cada GES ata completar o número de prazas. Para a selección destes novos participantes aplicaranse os mesmos criterios de selección xa mencionados nos puntos 1, 3 e 4 do número 6.1.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas que participarán en cada edición do curso, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, polo menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo: formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións del ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 21 de abril de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

missing image file
missing image file