Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 29 de abril de 2015 Páx. 16608

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 16 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se acorda someter a participación pública o Plan de acción común da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés.

A candidatura da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés foi aprobada o 26 de maio de 2009 polo Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB (Home e Biosfera) da UNESCO, reunido en Jeju (Corea do Sur) e desde entón forma parte da rede mundial de reservas da biosfera.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, no seu artigo 67 regula as características das reservas de biosfera e establece que estes espazos deberán contar, como mínimo, cunha ou varias zonas núcleo que sexan espazos naturais protexidos, un programa de actuación e, finalmente, cun órgano de xestión responsable do desenvolvemento das estratexias, liñas de acción e programas.

Un compoñente fundamental, recollido nos principios do Programa MaB é o carácter participado do plan de acción ou plan de actuacións, de xeito que a estratexia e as actuacións sexan o resultado da interacción dos axentes que interveñen sobre o territorio e do seu compromiso co plan de acción.

Os responsables da xestión da reserva da parte portuguesa e da parte galega da reserva da biosfera teñen traballado na elaboración dun plan de acción, plan que identifica os obxectivos, os eixes estratéxicos, as liñas de actuación e as principais accións que se desenvolverán nos vindeiros anos, así como os orzamentos de financiamento/investimentos previstos polos diversos socios. Este plan de acción será sometido a informe do Consello Consultivo de Cooperación en breve espazo de tempo, para o seu coñecemento e avaliación, e posterior aprobación pola Comisión de Dirección Transfronteiriza, tal e como establece o regulamento de funcionamento da reserva.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso ao ambiente establece, no seu título III o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 da dita lei

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento inicial do Plan de acción común da reserva de biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés durante un prazo de quince (15) días naturais, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, coa finalidade de que o público poida remitir observacións e opinións mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico: planificacion.conservacion@xunta.es indicando no asunto «Plan de Acción RB Gerês-Xurés».

Segundo. Durante o citado prazo, o documento poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Ourense.

– Oficinas do Parque Natural da Baixa Limia Serra do Xurés.

– Páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

http://www.cmati.xunta.es/

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2015

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza