Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16200

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2015 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clínica Pardiñas.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clínica Pardiñas, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. Simón Pardiñas López, presidente do padroado da Fundación, formulou unha solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Clínica Pardiñas foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 17 de xaneiro de 2014, ante o notario José Manuel Lois Puente, co número de protocolo 131, por José Serapio Pardiñas Arias, María Carmen López Prieto e Simón Pardiñas López, que actúan no seu nome propio e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a organización e desenvolvemento de actividades encamiñadas á divulgación do coñecemento no terreo da odontoloxía e estomatoloxía, así como á formación, especialmente práctica, dos alumnos que cursen estudos nas devanditas materias; e ademais, a obtención de recursos e axudas para que os pacientes que dispoñan de medios escasos poidan recibir a prestación dos servizos odontolóxicos de maneira gratuíta ou reducida.

4. Na escritura de constitución constan os datos relativos á personalidade dos fundadores, á súa capacidade e vontade de constituíren a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Simón Pardiñas López como presidente; José Serapio Pardiñas Arias como vicepresidente e María Carmen López Prieto como secretaria.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Clínica Pardiñas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuidas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 2 de marzo de 2015, clasificouse como de interese sanitario a Fundación Clínica Pardiñas e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, conforme a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clínica Pardiñas, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa de aplicación en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuidas polo Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Clínica Pardiñas.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2015

Josefina Monteagudo Romero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade