Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 23 de abril de 2015 Páx. 15521

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 58/2015, do 9 de abril, polo que se aproba o cambio de denominación do Colexio Oficial de Decoradores de Galicia, que pasa a denominarse Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia.

Mediante Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, lévase a cabo a transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia, utilizando a vía prevista no artigo 150.2 da Constitución. En concreto, no seu artigo 3, transfire á nosa comunidade as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

A propia Lei orgánica prevé, tal e como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo estrutura establecida no Decreto 72/2013, do 25 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, regula no seu artigo 13 o procedemento de modificación de denominación dun colexio profesional, atribuíndo facultades de iniciativa ao propio colexio, á Administración autonómica ou ao consello galego respectivo, sinalando que a aprobación do cambio de denominación se realizará por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade coas facultades atribuídas pola normativa vixente en materia de colexios profesionais, tramitou o procedemento de modificación da denominación do Colexio Oficial de Decoradores de Galicia, por petición do propio colexio, que solicita a modificación da súa denominación e pasa a chamarse Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia, por considerala axeitada á normativa vixente.

En virtude do sinalado, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do nove de abril de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Cambio de denominación

Aprobar o cambio de denominación do Colexio Oficial de Decoradores de Galicia, que pasa a denominarse Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de abril de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza