Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 20 de abril de 2015 Páx. 14964

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de marzo de 2015 pola que se modifica a adscrición ao protectorado da Fundación Heracles.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria solicita a readscrición da Fundación Heracles ao departamento competente para o exercicio das funcións de protectorado, por razón da materia deportiva que constitúe o fin principal da fundación.

Feitos:

Primeiro. A Fundación Heracles foi constituída en escritura pública o 23 de xuño de 1988, clasificada como cultural-deportiva por Orde da Consellería de Cultura e Deportes do 28 de decembro de 1988 e declarada de interese galego por orde da mesma consellería. A fundación figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co número 1988/2.

Segundo. De conformidade cos estatutos formalizados en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 9 de xullo de 2014, ante o notario Carlos de la Torre Deza, co número 1540 do seu protocolo, a Fundación ten por obxecto a promoción e realización, sen ánimo de lucro, de actividades sociodeportivas para fomentar a práctica deportiva.

Entre as actividades que desenvolve a Fundación, os estatutos citan a xestión de actividades deportivas, o fomento e a organización de encontros e seminarios co fin de achegar a sociedade ao deporte e de potenciar a integración dos centros educativos na sociedade a través da xestión e práctica do deporte, entre outras.

Terceiro. De conformidade co artigo 47.2 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, o protectorado será exercido polos departamentos da Xunta que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións. No mesmo sentido se pronuncia o artigo 51.2 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Cuarto. Os fins da Fundación Heracles, polo seu carácter deportivo, están incluídos no ámbito competencial da Secretaría Xeral para o Deporte, dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no Decreto 88/2013, do 30 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e atribúenlle á dita secretaría xeral actuacións en materia de promoción do deporte. Atendendo á dependencia orgánica da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xutiza, correspóndenlle a esta vicepresidencia as actuacións en relación co protectorado e rexistro desta fundación.

Quinto. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos, na súa reunión do 24 de marzo de 2015, emite informe favorable de readscrición da Fundación Heracles ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por razón da materia deportiva que constitúe o seu fin fundacional.

Consideracións xurídicas:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. A Lei 12/2006 e o Decreto 14/2009 establecen que o protectorado será exercido polos departamentos da Xunta de Galicia que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións.

Terceiro. O artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, atribúe competencias de clasificación das fundacións e adscrición ao protectorado correspondente á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En virtude do anterior e vistos a Constitución española, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Readscrición da Fundación Heracles

Readscribir a Fundación Heracles, inicialmente adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Disposición adicional primeira. Instrumentalización

A instrumentalización do disposto nesta orde efectuarase mediante o traslado material da documentación e dos datos inscritos na sección do rexistro do protectorado de orixe e a recepción polo órgano competente da consellería a que se adscribe.

Disposición adicional segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza