Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 15 de abril de 2015 Páx. 14351

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 53/2015, do 1 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada autonómica AC-197: AC-550-A Ameixenda-AC-550, a prol do Concello de Cee.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Cee e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración, o día 9 de marzo de 2015, no cal o Concello se comprometía a aceptar a transferencia de titularidade da estrada AC-197 (travesía da Ameixenda) na súa totalidade, unha vez rematadas as actuacións de conservación obxecto do convenio e coa finalidade de destinar os ditos bens públicos a fins de interese social.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da estrada AC-197: AC-550-A Ameixenda-AC-550, cunha lonxitude de 1.740 m, así como dos terreos de dominio público adxacentes ao trazado, a prol do Concello de Cee.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de abril de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade, a prol do Concello de Cee, da estrada AC-197:
AC-550-A Ameixenda-AC-550, cunha lonxitude de 1.740 m, así como dos terreos de dominio público adxacentes ao trazado.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Cee deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Así mesmo, deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficiais correspondentes para regularizar a titularidade dos terreos adxacentes obxecto de cesión.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Cee, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular dos terreos.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de abril de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas