Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 9 de abril de 2015 Páx. 13596

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios Camiño de Santiago e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

A peregrinación a Santiago de Compostela é un auténtico fenómeno de carácter histórico-cultural de relevancia universal e un símbolo de fraternidade.

O Camiño de Santiago está na orixe dunha cultura común europea baseada no intercambio de ideas, de correntes artísticas e dinámicas sociais que vertebraron unha conciencia europea, ata o punto de poder afirmarse que Europa se conformou coas peregrinacións a Santiago de Compostela.

As institucións europeas, asumindo esta herdanza, mostraron unha gran sensibilidade cara ao Camiño de Santiago, conscientes «do papel que eses itinerarios desempeñaron no desenvolvemento de certas cidades, na creación de institucións relixiosas e laicas, observando que os contactos relixiosos e culturais resultantes deste considerable movemento de peregrinos a través de toda Europa constituíron unha primeira etapa cara ao interculturalismo e a unidade europea» (Asamblea do Consello de Europa, 28.6.1984).

E, así, as vías principais do Camiño de Santiago foron declaradas primeiro Itinerario Cultural Europeo (1987) polo Consello de Europa e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO nos seus trazados ao longo de España e Francia (1993 e 1998, respectivamente).

Este itinerario recibiu tamén no ano 2004 o Premio «Príncipe de Asturias da Concordia».

A Axencia Turismo de Galicia créase como axencia pública autonómica co obxectivo de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade e tamén da conservación e promoción dos camiños de Santiago, de conformidade co disposto polo artigo 1 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

En consecuencia e con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas,

RESOLVO:

1. Creación dos premios, convocatoria e bases reguladoras.

1. Institúense os Premios Camiño de Santiago co obxecto de distinguir as iniciativas públicas e privadas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago; así como aquela outras que supoñan novos servizos ou a innovación e mellora daqueles que se prestan aos peregrinos, e as accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, difusión e a posta en valor do Camiño de Santiago e da cultura xacobea.

Os seus principais obxectivos son:

• Avanzar na mellora do Camiño de Santiago, especialmente en relación cos seus itinerarios e contornos ambientais, paisaxísticos e arquitectónicos (arquitectura popular) e a súa protección xeral e posta en valor.

• Aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago.

• Estimular o coñecemento do patrimonio xeral do Camiño.

• Fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.

2. Os premios do Camiño de Santiago constarán de catro categorías:

1ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentados polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e as áreas metropolitanas, se as houber, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago.

2ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións desenvolvidos polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

3ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades desenvolvidas polas persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

4ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou os actividades de caracter académico, investigador ou educativos, con dúas modalidades:

a) Os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación e/ou cultura xacobea, e/ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago.

b) Os traballos de carácter educativos relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo nos centros de ensinanza de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Nas categorías primeira, segunda e terceira establécense dous premios, cuxa contía para a anualidade 2015 é a seguinte: un primeiro premio por importe de 15.000 € e un segundo premio por importe de 5.000 €.

Na cuarta categoría, establécese un premio de 10.000 euros para a modalidade a), e outro premio para a modalidade b), de 5.000 euros

4. Apróbanse as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos premios do Camiño de Santiago, que se establecen no anexo I desta resolución, así como se convocan os devanditos premios para o ano 2015.

2. Financiamento e concorrencia.

1. A convocatoria realizase con cargo ás aplicacións orzamentarias previstas nos orzamentos de gastos da Axencia Turismo de Galicia para o ano 2015 polo importe máximo de 75.000 € e que se detallan a continuación:

– Para os premios da 1ª categoría: 04.A2.761A.460.0, por importe máximo de 20.000 €.

– Para os premios da 2ª categoría: 04.A2.761A.480.0, por importe máximo de 20.000 €.

– Para os premios da 3ª categoría: 04.A2.761A. 470.0, por importe máximo de 20.000 €.

– Para os premios da 4ª categoría: 04.A2.761A.444.0, por importe máximo de 15.000 €.

2. A concesión destes premios queda sometida á condición da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Os premios regulados ao abeiro desta resolución son compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Modalidade e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 3 das bases reguladoras.

4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa será de 5 meses.

5. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial de Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.es ou da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo: www.xacobeo.org

b) Os teléfonos e o fax 981 54 63 71 da devandita axencia ou 981 55 73 55 da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

c) Presencialmente.

d) Na sede electrónica no enderezo: https://sede.xunta.es

6. Réxime de recursos.

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2015

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras dos premios do Camiño de Santiago

Artigo 1. Obxecto e réxime

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios do Camiño de Santiago como un recoñecemento institucional e social ás iniciativas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago; así como aquela outras que supoñan novos servizos ou a mellora daqueles que se prestan aos peregrinos, as accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, promoción e difusión, así como a posta en valor do Camiño de Santiago, da cultura xacobea e do seu patrimonio.

En todo caso as actuacións ou accións premiadas deberán desenvolverse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os premios do Camiño de Santiago constarán das seguintes categorías:

1ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentadas polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e as áreas metropolitanas, se as houber, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago.

2ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentados polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

3ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades desenvolvidas polas persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

4ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades de carácter académico, investigador ou educativos, con dúas modalidades:

a) Os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación e/ou cultura xacobea, e/ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago desenvolvidos por centros de investigación, universidades ou similares.

b) Os traballos de carácter educativos relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo nos centros de ensinanza de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Aos premios, que serán do importe que cada ano estableza a convocatoria, aplicaráselle a correspondente retención fiscal, e poderán outorgarse de maneira individual ou compartida, ou declararse desertos.

Así mesmo, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algúns dos proxectos ou iniciativas participantes, que non terá dotación económica.

4. Os/as premiados/as recibirán un diploma e o importe do premio que lle será pagado mediante transferencia bancaria. No caso de que o premio sexa compartido, serao a partes iguais entre os/as galardoados/as.

5. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado no réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

6. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior deste artigo, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e da sección 3ª, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios/as

1. Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías que se establecen no artigo anterior:

a) Os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, mancomunidades de concellos de Galicia, consorcios locais galegos e ás áreas metropolitanas, se as houber, que presenten un proxecto.

Para os efectos desta resolución, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.

b) As asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, legalmente constituídas.

c) As persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

d) As universidades, centros de investigación ou similares.

e) Os centros de ensinanza de educación primaria e secundaria de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que se dean algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os concellos, así como as agrupacións e resto de entidades locais da alínea a) do punto 1 deste artigo deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas xerais de cada exercicio. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgún dos participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberao acreditar cada un dos concellos integrantes da agrupación.

4. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Artigo 3. Solicitudes

1. No caso de concellos, mancomunidades de concellos, consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Para o resto de solicitantes as solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. O prazo de presentación de candidaturas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

8. As solicitudes deberán axustarse ao modelo normalizado que se inclúe no anexo II desta resolución, e irán acompañada da seguinte documentación:

a) No caso de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago ou persoas xurídicas, escritura de válida constitución.

b) Unha memoria das actuacións ou iniciativas que se realizaron, nas cales se detallarán as actividades de conformidade cos criterios de valoración establecidos no artigo 7 destas bases, co maior grao de concreción posible, de xeito que se facilite a súa valoración.

c) No caso de concellos, agrupacións de concellos ou outras entidades locais, certificación da secretaría do concello, da mancomunidade, consorcio, área metropolitana, ou das secretarías de cada un dos concellos integrados na agrupación, segundo o caso, acreditando que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

No caso de agrupación de concellos, instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que deberá incluír, en todo caso, a designación do/a alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

d) No caso de persoas físicas, copia do DNI do solicitante no caso de que non se autorice a súa verificación no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

9. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

10. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 5. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Mazarelos, 15, 15703 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a secretaria.turismo@xunta.es

Artigo 6. Órganos competentes

1. A/o director/a xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión destes premios e das mencións especiais referidas nesta resolución. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Dirección de Turismo de Galicia.

2. Corresponderalle á persoa titular da Dirección de Turismo de Galicia referida no número anterior ditar a resolución de concesión dos premios con indicación do nome do premiado ou premiados e a contía que lles corresponde, e conceder as mencións especiais que procedan.

Artigo 7. Xurado

1. O premio será outorgado por proposta dun xurado, que terá a consideración de Comisión de Valoración, presidido pola persoa titular da Dirección de Turismo de Galicia e estará integrado por:

a) A/o director/a-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

b) A/o xerente da Axencia Turismo de Galicia.

c) Un representante do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

d) Un representante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

e) Un representante do Consello da Cultura Galega.

d) O/a xefe/a da Área Xurídica da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que actuará como secretario/a.

2. Os/as suplentes, se é o caso, serán designados/as pola persoa titular da Dirección de Turismo de Galicia.

3. As decisións do xurado especificarán a avaliación que corresponde a cada un dos proxectos presentados á convocatoria, en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

En cada unha das categorías establecidas nestas bases, os premios poderán outorgarse de xeito individual compartido, ou declararse deserto. No caso de se outorgar de xeito compartido, o importe total do premio para a categoría que corresponda repartirase a partes iguais entre os premiados.

O xurado proporá, ademais, as mencións especiais correspondentes, se é o caso.

Artigo 8. Criterios de valoración

1. Os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

Para a 1ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentadas polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e as áreas metropolitanas, se as houber, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago.

a) Intervencións encamiñadas á protección do patrimonio/contorna do Camiño, como a recuperación, a conservación, a sinalización, a limpeza, o embelecemento e a posta en valor dos tramos do Camiño de Santiago ou dos elementos a el asociados, ata 30 puntos. Valorarase o número de actuacións e a importancia dos recursos afectados así como a protección e valorización dos contornos ambientais, paisaxísticos e arquitectónicos.

b) Medidas concretas para a mellora da accesibilidade e/ou sostibilidade, ata 20 puntos.

c) Iniciativas destinados aos peregrinos, que supoñan a prestación de novos servizos ou a mellora dos que se lle prestan, ata 30 puntos.

d) Actuacións de promoción, divulgación e fomento do coñecemento e do interese cultural e turístico do Camiño, ata 20 puntos. Valorarase o número de actuacións.

Para 2ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou os proxectos desenvolvidos polas asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

a) Actuacións de investigación, promoción, divulgación e fomento do coñecemento e do interese cultural do Camiño, ata 30 puntos. Valorando a colaboración entre os diversos axentes públicos e privados vinculados ao Camiño.

b) Actuacións de recuperación e sinalización de rutas de peregrinación a Santiago de Compostela, ata 30 puntos. Valorarase que contribúan ao aumento da sensibilidade cidadá arredor do Camiño e o seu patrimonio.

c) Proxectos destinados aos peregrinos, que supoñan a prestación de novos servizos ou a mellora dos que se lle prestan, ata 30 puntos.

d) Publicación de libros, folletos, etc., ata 10 puntos.

Para a 3ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións desenvolvidas por persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estén comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

a) Intervencións encamiñadas á protección do patrimonio/contorna do Camiño, como a recuperación, a conservación, a sinalización, a limpeza, o embelecemento e a posta en valor dos tramos do Camiño de Santiago ou dos elementos a el asociados, ata 30 puntos. Valorarase o número de actuacións e a importancia dos recursos afectados así como a protección e valorización dos contornos ambientais, paisaxísticos e arquitectónicos.

b) Medidas concretas para a mellora da accesibilidade e/ou sustentabilidade, ata 20 puntos.

c) Iniciativas destinados aos peregrinos, que supoñan a prestación de novos servizos ou a mellora dos que se lle prestan, ata 30 puntos.

d) Actuacións de promoción, divulgación e fomento do coñecemento e do interese cultural e turístico do Camiño, ata 20 puntos.

Para a 4ª categoría:

Na modalidade a) destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións desenvolvidas polas universidades e centros de investigación.

a) Actividades de investigación e documentación histórica sobre o Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea. Valorándose a súa publicación, ata 40 puntos.

b) Proxectos destinados aos peregrinos, que supoñan a prestación de novos servizos ou a mellora dos que se lle prestan, ata 20 puntos.

c) Intervencións encamiñadas á protección do patrimonio/contorna do Camiño, como a recuperación, a conservación, a sinalización, a limpeza, o embelecemento e a posta en valor dos tramos do Camiño de Santiago ou dos elementos a el asociados, ata 20 puntos. Valorarase o número de actuacións e a importancia dos recursos afectados.

d) Actuacións que se insiran no ámbito das novas tecnoloxias de información e comunicación, ata 20 puntos.

Na modalidade b) destinada a distinguir aqueles traballos sobre o Camiño de Santiago levados a cabo nos centros de ensino de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Grao de dificultade. No caso de tratarse de relatos valorarase a riqueza do léxico e recursos lingüísticos, ata 25 puntos.

b) Creatividade. No caso de relatos valorarase o desenvolvemento da trama ou argumento, ata 25 puntos.

c) Calidade da presentación. Valoraranse os recursos estéticos como ilustracións e fotografías, ata 25 puntos.

d) Orixinalidade. Valorarase a singularidade do traballo ou actividade, ata 25 puntos.

Artigo 9. Resolución e notificación

1. Á vista da deliberación do xurado, contida na acta da sesión en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento dos premios, a Dirección-Xerencia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo elevará proposta de resolución á persoa titular da Dirección de Turismo de Galicia, quen, á vista da proposta motivada, ditará resolución.

2. A concesión dos premios e das mencións especiais será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Turismo de Galicia http://turismo.xunta.es/ e na da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, www.xacobeo.org e notificaráselles aos premiados e, se fose o caso, ás distinguidas coa mención especial.

3. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución será de 5 meses. Transcorrido o citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexítima aos interesados, entenderase desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. As entidades premiadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicaren a aceptación do premio e das condicións contidas na resolución, para o cal diporán do anexo III. Transcorrido o referido prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptado, e desde ese momento, a entidade ou persoa premiada adquire a condición de beneficiario/a.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. A entrega do premio realizarase nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

Artigo 10. Obrigas específicas dos beneficiarios dos premios económicos

1. Antes de proceder ao pagamento dos premios, as entidades beneficiarias do premio económico deberán remitir, no mesmo prazo indicado no artigo 8.4 destas bases, a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o proxecto premiado, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. No caso de agrupacións de concellos, todos os integrados na candidatura presentarán cadansúa declaración.

b) Declaración responsable de non estaren incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10, números 2 e 3, da Lei de subvencións de Galicia. No caso das agrupacións de concellos, todos os concellos da agrupación deberán presentar cadansúa declaración.

Estas dúas declaracións están incluídas no anexo IV.

2. A documentación das candidaturas premiadas ao abeiro desta convocatoria quedará en poder de Turismo de Galicia, para o seu arquivo, reservando esta para si o dereito de edición, uso e explotación dos proxectos premiados. A compensación económica polos dereitos de autor que puideren corresponder considerarase incluída na dotación do premio.

Artigo 11. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a directora de Turismo de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, de conformidade cos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Anulación e reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades beneficiarias dos premios quedan obrigadas a declarar a contía do premio concedido en calquera outro procedemento de subvencións do cal poida derivar financiamento para a dita actuación.

3. No caso de que os beneficiarios incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Turismo de Galicia poderá iniciar, se é o caso, un procedemento sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Artigo 13. Control

As entidades solicitantes e as premiadas quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, e a aquelas que deban realizar o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas de conformidade co previsto na súa normativa específica.

Ademais, deberán facilitar a Turismo de Galicia toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe do premio.

Artigo 14. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación dos premios concedidos con indicación da norma reguladora, premiado e crédito orzamentario, contía e proxecto premiado.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 15. Remisión normativa

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file