Pola Orde do 19 de xaneiro de 2015 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro) anúnciase a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo vacante no Servizo Galego de Saúde que se detalla no anexo I desa orde.
De conformidade co establecido no artigo 29.2 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e demais normativa vixente, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.4 do mesmo decreto lexislativo, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria pública efectuada pola Orde do 19 de xaneiro de 2015 e designar a persoa cuxos datos se sinalan no anexo desta orde, para ocupar o posto que tamén se especifica e que é seleccionada conforme o establecido nas bases da citada convocatoria.
Segundo. O cesamento no actual destino da persoa que obtivo a praza producirase no prazo de tres (3) días contados a partir do día seguinte á da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ou segundo o establecido na normativa de aplicación na súa Administración de orixe.
O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia; de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia ou de vinte (20) días hábiles cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, conforme o establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.
O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita data.
O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, se é o caso, fosen concedidos aos/ás interesados/as.
Nos supostos de baixa temporal ou transitoria, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.
Terceiro. A xefatura do centro en que cause baixa o/a traballador/a, así como a daquel en que obteña destino, consignarán no título administrativo, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e toma de posesión, das cales se dará traslado, mediante copia, á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.
Cuarto. Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición ante a conselleira de Sanidade, no prazo dun mes contado desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2015
Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade
ANEXO
Datos da funcionaria:
Apelidos e nome: Pais Iglesias, Beatriz.
NIF: *****454R (*).
Corpo/escala: persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde-categoría médico/a de urxencias hospitalarias.
Subgrupo: A1.
Datos do posto de traballo:
Denominación do posto: subdirector/a xeral de Atención ao Cidadán e Calidade.
Código do posto: SGS020000315770001.
Nivel C.D.: 30.
Centro directivo ou dependencia: Xerencia do Servizo Galego de Saúde.
Localidade: Santiago de Compostela.
(*) Ocúltase parcialmente o número de documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal, de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.