Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 31 de marzo de 2015 Páx. 12530

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de marzo de 2015 pola que se procede a designar os membros do Comité Clínico a que se refiren os artigos 15 e 16 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, e se regulan determinados aspectos sobre a súa constitución e funcionamento.

A Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, establece no artigo 15.c) que, con carácter excepcional, se poderá interromper o embarazo por causas médicas cando se detecten anomalías fetais incompatibles coa vida e así conste nun ditame emitido con anterioridade por un/unha médico/a especialista, distinto do que practique a intervención, ou cando se detecte no feto unha enfermidade extremadamente grave e incurable no momento do seu diagnóstico e así o confirme un comité clínico.

De conformidade co establecido no artigo 16.1 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, o comité estará formado por un equipo pluridisciplinar integrado por dous médicos/as especialistas en xinecoloxía e obstetricia ou expertos/as en diagnóstico prenatal e un/unha pediatra, e a muller poderá elixir un destes especialistas.

O Comité Clínico deberá intervir preceptivamente, mediante a emisión dun ditame habilitante sobre un aspecto clínico, sen o cal a muller non poderá optar por unha interrupción voluntaria do embarazo. Non obstante, se o comité confirma o diagnóstico, a muller decidirá sobre a intervención.

De acordo co establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, en cada comunidade autónoma haberá, polo menos, un comité clínico nun centro da rede sanitaria pública, cuxos membros titulares e suplentes serán designados, pola autoridade competente, por un período non inferior a un ano.

As especificidades de funcionamento dos comités clínicos, de conformidade co previsto no artigo 16.4 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, establecéronse regulamentariamente mediante o Real decreto 825/2010, do 25 de xuño, de desenvolvemento parcial desa lei orgánica, o cal no seu capítulo I define a súa natureza, a súa composición, o carácter da súa actuación e regula o seu réxime de funcionamento e o procedemento necesario para a emisión do seu ditame.

Na Comunidade Autónoma de Galicia o primeiro comité clínico foi designado mediante a Orde do 2 de xullo de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 5 de xullo de 2010. Esta orden, pola súa vez, foi derrogada pola Orde do 12 de marzo de 2012, publicada no DOG do 26 de marzo de 2012, que foi modificada pola Orde do 4 de xaneiro de 2013, publicada no DOG do 15 de xaneiro de 2013.

Como queira que, no artigo 3 da Orde do 12 de marzo de 2012, a designación dos membros titulares e suplentes do comité clínico se establecía para un prazo de dous anos, e unha vez que o dito prazo xa está superado, cómpre designar un novo comité clínico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Coa finalidade de garantir o cumprimento dos dereitos derivados da aplicación do artigo 15.c) da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, e de axustarse aos prazos que a lei establece para a efectividade do exercicio do devandito suposto de interrupción voluntaria do embarazo, nesta orde, ademais de nomear os seus membros e designar un número amplo de membros suplentes, prevese que o comité, aínda que teña transcorrido o prazo para o cal foi designado, continúe a exercer as súas funcións ata que se designe e publique a constitución dun novo comité e posibilítase que para o seu funcionamento se poidan empregar medios electrónicos e telemáticos.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Especialistas titulares do Comité

Nomear membros titulares do Comité Clínico as seguintes persoas:

– José Luis Doval Conde, facultativo especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. Estrutura organizativa de xestión integrada (EOXI) Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

– Eloy Moral Santamarina, facultativo especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. EOXI Pontevedra e O Salnés.

– Raquel Martínez Lorenzo, facultativa especialista en Pediatría. EOXI Pontevedra e O Salnés.

Artigo 2. Especialistas suplentes do Comité

Nomear membros suplentes do Comité Clínico as seguintes persoas:

– Susana Blanco Pérez, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. EOXI Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

– Antonio María López Portela, facultativo especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. EOXI Pontevedra e O Salnés.

– Luis Miguel González Seijas, facultativo especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. EOXI Santiago.

– Antonio Castro López, facultativo especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. EOXI Lugo, Cervo e Monforte de Lemos.

– Beatriz Alvar Mantiñán, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. EOXI A Coruña.

– Antonio Rodríguez Núñez, facultativo especialista en Pediatría. EOXI Santiago.

– Mari Luz Couce Pico, facultativa especialista en Pediatría. EOXI Santiago.

– José Luis Fernández Trisac, facultativo especialista en Pediatría. EOXI A Coruña.

– Jesús Alberto Fuentes Carballal, facultativo especialista en Pediatría. EOXI A Coruña.

Artigo 3. Principio de presenza equilibrada

Na composición do Comité, sempre que sexa posible en atención a dispoñibilidade dos e das profesionais que o poden conformar, procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 4. Prazo de actuación do Comité

A designación dos membros titulares e suplentes do Comité Clínico establécese para un prazo de dous anos. Transcorrido este prazo, os seus membros continuarán nas súas funcións ata que se produza un novo nomeamento, que poderá recaer nos mesmos membros.

Artigo 5. Natureza e funcións do Comité

O Comité Clínico da Comunidade Autónoma de Galicia é un órgano colexiado de ámbito autonómico de carácter consultivo e de natureza técnico-facultativa, que estará vinculado funcionalmente á dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria e desenvolverá as súas funcións, a requirimento desta, dentro do ámbito do Servizo Galego de Saúde nos supostos de interrupción voluntaria do embarazo por causas médicas previstos no artigo 15.c) de Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo.

Artigo 6. Organización e funcionamento

1. O Comité Clínico actuará de acordo co establecido na Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, e no Real decreto 825/2010, de desenvolvemento parcial desta, e adecuará o seu funcionamento ao previsto nesta orde e ao establecido, respecto dos órganos colexiados, no título I, capítulo I, sección 3ª da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. O Comité Clínico será presidido polo facultativo ou facultativa especialista elixido/a polos seus integrantes na súa sesión constitutiva.

3. O Comité Clínico contará coa asistencia dunha secretaría, que será exercida por aquela persoa que, formando parte da organización do Sistema público de saúde de Galicia, sexa designada titular polo centro directivo con competencias en materia de asistencia sanitaria.

4. A constitución válida do Comité Clínico exixirá a asistencia de todos os seus membros.

Artigo 7. Uso de medios electrónicos

1. De conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, relativo ao «uso de medios electrónicos»:

a) O Comité Clínico poderá constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos, respectando os trámites esenciais establecidos nos artigos 26 e 27.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

b) A convocatoria poderá efectuarse por medio de correo electrónico sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 21.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

c) Os membros do Comité poderán ser validamente convocados de forma presencial nun mesmo lugar, ou de modo que a sesión se realice en varios lugares simultaneamente sempre que os medios técnicos permitan o normal desenvolvemento da sesión e o respecto dos dereitos dos membros. As actas do comité aprobaranse ao rematar a sesión ou na seguinte sesión; non obstante, o secretario poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo da ulterior aprobación do acta.

Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

Así mesmo, as actas das sesións do comité poderán ser aprobadas por vía telemática, logo de lles ser remitidas aos seus membros ao seu enderezo electrónico.

2. As notificacións no marco da intervención do Comité Clínico poderán facerse por medios electrónicos, de maneira que se acredite a data e a hora en que se produza a posta á disposición das persoas interesadas da notificación realizada, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais.

Disposición adicional única

As actuacións do Comité Clínico non xerarán incremento das consignacións orzamentarias do órgano con competencias en materia de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

Disposición derrogatoria

Queda derrogadas a Orde do 12 de marzo de 2012, publicada no Diario Oficial de Galicia do 26 de marzo de 2012 pola que se designan os membros do comité clínico a que se refiren os artigos 15 e 16 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo e a Orde do 4 de xaneiro de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia do 15 de xaneiro de 2013, pola que se modificaba a Orde do 12 de marzo de 2012.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2015

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade