Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 27 de marzo de 2015 Páx. 12252

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 9 de marzo de 2015, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se publica a Resolución do 6 de marzo de 2015, do Xurado Provincial de Montes Comunais en Man Común de Ourense, relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes en man común de Meizo e Vilela, no concello de Castrelo de Miño.

Examinada a solicitude entre as comunidades de montes veciñais en man común de Meizo e Vilela, ambas no concello de Castrelo de Miño (Ourense), resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 14 de maio de 2012 (nº de rexistro de entrada 8892) o presidente da comunidade de montes veciñais en man común de Meizo, Amando Gómez Domínguez, presentou unha solicitude para a modificación dos lindes de clasificación dos MVMC Fonte do Seixo e Burata Cavada e Vilela, en virtude dun acto de conciliación celebrado ante a xuíza de Paz de Castrelo de Miño.

Segundo. Os informes do Servizo de Montes que figuran no expediente fan constar, entre outras consideracións, as seguintes:

– No último acto de conciliación celebrado as CMVMC de Meizo e Vilela acordaron que se clasificase a parcela das Cazotas a favor dos veciños de Meizo.

– Nun dos requirimentos realizados á comunidade de Meizo, o presidente recoñeceu que as propiedades particulares que limitan coa superficie que se pretende conciliar son lotes, sortes ou parcelas cedidas pola comunidade de montes a certos veciños.

– Proponse emitir informe favorable ao deslindamento considerando a parcela das Cazotas como unha prolongación do monte Fonte do Seixo da comunidade de Meizo pola parte máis ao sueste, definindo os lindes da parcela do seguinte xeito:

Lindeiros da parcela das Cazotas.

Desde o punto nº 1 ata o 3 linda co MVMC Fonte do Seixo da CMVMC de Meizo. Do punto nº 3 ao 4 coa estrada a Ramirás. Do punto nº 4 ao punto con coordenadas UTM (ED50) 580.085/4.682.214 co MVMC de Vilela. A superficie delimitada pola poligonal que vai desde o punto con coordenadas UTM (ED50) 580.085/4.682.214 ata punto con coordenadas UTM (ED50) 580.085/4.682.244, pasando polos puntos 14, 15 e 16; de 1,2 ha está dentro da parcela nº 15 do polígono 34 e pódese considerar como un apéndice do MVMC de Vilela que está sen clasificar. Desde o punto con coordenadas UTM (ED50) 580.085/4.682.244 ata o punto 1 de inicio limita co MVMC de Vilela.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 20 de xaneiro de 2015, acordou por unanimidade, o día 19 de febreiro de 2015:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas respectivas comunidades de montes veciñais en man común de Meizo e Vilela, ambas sitas no concello de Castrelo de Miño (Ourense) e definir os lindes da parcela das Cazotas de acordo co exposto no feito segundo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recuso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989 (citada), nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 9 de marzo de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Xefe territorial de Ourense