Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 27 de marzo de 2015 Páx. 12249

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 4 de marzo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado relativo ao expediente 11/75.

Na sesión celebrada polo Xurado Provincial con data do 26 de febreiro de 2015, figura o acordo seguinte:

«Monte Nogueira (expediente 11/75), pertencente aos veciños da parroquia de Anllo-Santo Estevo, do municipio de Sober, clasificado polo Xurado con data do 31 de xullo de 1975. Como consecuencia da entrada en vigor da Lei 7/2012, de montes de Galicia, e coa finalidade de levar a cabo o establecido na disposición transitoria décimo terceira, con respecto á revisión de esbozos de montes veciñais en man común, o Xurado, na reunión que tivo lugar o 17 de setembro de 2012, acordou solicitar do Servizo de Montes a realización de propostas de revisión e elaboración de cartografías actualizadas dos montes veciñais da provincia susceptibles de tal adecuación. Con data do 15 de abril de 2014, tivo entrada escrito presentado por Roberto Rodríguez Fernández, como presidente da xunta reitora do monte, en que solicita que se proceda á revisión do esbozo conforme a documentación que xunta, con respecto ás instalacións de Iberdrola. Con data do 11 de novembro de 2014, o Servizo de Montes elabora unha proposta de novo esbozo para o monte Nogueira, co que o monte queda cunha superficie de 588,69 hectáreas, de conformidade coa nova cartografía. Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e proceder á oportuna incorporación do esbozo ao expediente, e constancia a nivel do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, de conformidade con el».

Descoñecendo o nome e o enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre o referido monte, por medio do presente anuncio, e conforme o disposto no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ponse no seu coñecemento o devandito acordo.

Lugo, 4 de marzo de 2015

José Ramón Losada Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo