Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 2015 Páx. 11997

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta do 28 de maio de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros do parque eólico Cernego, localizado no concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e promovido pola sociedade AV Cernego, S.L.U. (expediente IN661A 2011/04-3 AT).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de maio de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros do parque eólico Cernego, localizado no concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e promovido pola sociedade AV Cernego, S.L.U. (expediente IN661A 2011/04-3 AT), que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

Anexo

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de maio de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros do parque eólico Cernego, localizado no concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e promovido pola sociedade AV Cernego, S.L.U. (expediente IN661A 2011/04-3 AT).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de AV Cernego, S.L.U. (en diante, o promotor) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Cernego (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 21 MW.

Segundo. O 27.6.2011, o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 18.12.2011, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou dos dereitos mineiros existentes dentro da área de afección do parque eólico.

Cuarto. O 25.1.2012, o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Quinto. O 3.3.2012, Retegal, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico. Neste condicionado, Retegal, S.A. comunica que ben que non se observan obstrucións directas dos sinais de televisión TDT, non se poden descartar ao 100 % afectacións por causa do multitraxecto nalgunha entidade de poboación da contorna do parque eólico.

Polo tanto, establece que o promotor se comprometerá á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades da contorna e, de se detectar perda ou degradación desta, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT.

Sexto. Por Resolución do 18 de abril de 2012, da Xefatura Territorial de Ourense (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública o proxecto de execución, o seu estudo ambiental e o proxecto sectorial, así como as solicitudes de autorización administrativa, declaración de utilidade pública e de inclusión no réxime especial do parque eólico, que se desenvolverán no concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.6.2012, no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 30.5.2012 e no xornal La Región do 31.5.2012. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da dita xefatura territorial e do concello afectado (Vilamartín de Valdeorras).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O 8.6.2012, Belisario Conde Fernández, en calidade de representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Río Farelo, presentou escrito en que alega o seguinte:

• A empresa titular do futuro parque eólico non levou a cabo negociación ningunha coa xunta directiva en relación co contrato de cesión de dereitos de superficie e voo, sobre os terreos que van ocupar os aeroxeradores que se pretenden instalar.

• A comunidade de montes quere poñer en coñecemento, tanto da Administración como da empresa titular do parque eólico, a súa total predisposición a escoitar e a estudar a proposta de negocio xurídico que esta última teña a ben presentar.

• A priori, mostran a súa total desconformidade coa iniciación e posible declaración de utilidade pública na parte afectada do monte comunal de Cogormo, A Portela e Baxeles, máxime cando se realiza sen a negociación previa sobre a cesión do espazo entre a empresa solicitante e a comunidade de montes.

• Finalmente, solicita que se lles facilite copia do expediente de declaración de utilidade para poder preparar as alegacións ao respecto no prazo concedido de 20 días, con base no dereito recollido no artigo 35.a) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O 12.6.2012, Serafín González Prieto, en nome e representación da Sociedade Galega de Historia Natural, presentou un escrito de alegacións en que solicita:

• Que, ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, non se autorice a afección dos aeroxeradores e vías de acceso sobre:

– Hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea existente na zona.

– Especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007 presentes na zona.

• Que se avalíen as posibles afeccións do proxecto sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia e, consecuentemente, se adapte o proxecto para evitalos totalmente.

• Que se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da directiva de aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona e se prevexa a adopción de medidas mitigadoras.

• Que se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.

• Que o proxecto adopte medidas eficaces para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiro, pasos canadenses, etc.) e para minimizar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico durante todas as fases do ciclo vital.

3. O 14.6.2012, Manuel Vega Fernández, en calidade de presidente da Xunta Reitora do Monte Veciñal en Man Común de San Vicente de Leira, presentou un escrito en que alega que o monte veciñal en man común que representa figura clasificado como tal no Xurado Provincial de Montes de Ourense, sendo unha comunidade en réxime xermánico que, de acordo coa Lei xeral de montes veciñais, é unha propiedade inalienable, imprescritible e inembargable e que goza da protección legal prevista para os bens demaniais. Ao non ser posible a expropiación de acordo coa citada normativa, a comunidade propón que os bens previstos para a instalación do parque eólico sexan cedidos pola comunidade en arrendamento, para o cal están dispostos a negociar os termos do contrato de arrendamento do monte. Finalmente, solicita que se dea traslado do seu escrito á empresa eólica a fin de proceder ás negociacións de arrendamento.

Sétimo. O 27.8.2012, a xefatura territorial iniciou os trámites de compatibilidade entre o parque eólico e os diferentes dereitos mineiros afectados.

Oitavo. O 12.9.2012, en resposta ao condicionado técnico emitido por Retegal, S.A., o promotor presentou un escrito no cal manifesta que considera adecuada a realización dunha campaña pre e postoperacional que permita identificar posibles alteracións do sinal directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico e que, de ser o caso, adoptaría as medidas necesarias para repoñer a recepción do sinal ás anteriores condicións de calidade.

Noveno. O 28.12.2012, a xefatura territorial informou sobre a compatibilidade de dereitos mineiros co parque eólico.

Décimo. O 9.1.2013, a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude do promotor, tanto no que respecta á autorización administrativa como á aprobación do proxecto e á súa declaración de utilidade pública, así como a continuación dos trámites ambiental e do proxecto sectorial; así mesmo, remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para a continuación do procedemento.

Décimo primeiro. O 5.3.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 2 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG núm. 88, do 8 de maio).

Décimo segundo. O 11.3.2013, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo terceiro. O 22.5.2013, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais, en vista da documentación correspondente ao trámite de compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros afectados, comunica que non ten nada que engadir ao recollido no informe da xefatura territorial do 28.12.2012.

Décimo cuarto. O 21.6.2013, o Servizo de Montes de Ourense emitiu o informe a que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Tal e como se indica no antecedente de feito noveno, o 28.12.2012, a xefatura territorial informou sobre a compatibilidade de dereitos mineiros co parque eólico, establecendo o seguinte:

«O presente informe emítese con base no artigo 45 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, que establece que no caso de concorrencia de utilidades públicas, o organismo tramitador iniciará o trámite de compatibilidade e emitirá o informe correspondente acerca da compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos.

• Permiso de investigación Farelos nº 4636 e solicitude de pase a concesión de explotación Farelos nº 4636.1.

O permiso de investigación Farelos nº 4636 de 25 cuadrículas mineiras foi outorgado o do 9 de outubro de 1990 a favor de Eduardo Delgado López. Con data do 29 de febreiro solícitase o pase a concesión de explotación e, posteriormente, transmítense ambos os expedientes a favor de Pizarras Vazfer, S.A. O 12 de xullo de 2010 remítese informe xunto con plano de demarcación para o outorgamento do pase a concesión de explotación de 2 cuadrículas mineiras, que está pendente da resolución de aprobación de actuacións.

Estudadas as alegacións presentadas pola sociedade Pizarras Vazfer, S.A. á solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Cernego, dedúcese que a afección das instalacións do parque eólico sobre o permiso de investigación Farelos nº 4636 consiste nun aeroxerador e unha vía de comunicación xa existente, pero este permiso de investigación, aínda que non está caducado, está fora de vixencia polo que dificilmente se pode solicitar un novo pase a concesión sobre el. No que concirne ao futuro pase a concesión de explotación Farelos nº 4636.1, a distancia entre as infraestruturas do parque eólico e o aproveitamento mineiro formulado no proxecto é máis que suficiente para estimar a compatibilidade entre ambos os aproveitamentos.

• Permiso de investigación Bety II n° 4590 e solicitude de pase a concesión de explotación Bety II nº 4590.1.1.

O permiso de investigación arriba referenciado foi outorgado o 8 de febreiro de 1990, cunha extensión de 127 cuadrículas mineiras a favor de Ángel Prada. Despois do outorgamento dunha primeira prórroga, con data do 5 de xuño de 1995 denégase a segunda prórroga do permiso. Neste momento unicamente está pendente de que a dirección xeral emita a correspondente resolución de caducidade.

No que respecta ao pase a concesión de explotación Bety II nº 4590.1.1, esta foi solicitada o 29 de xuño de 1995 e, dado que non atendeu aos requirimentos desta xefatura, con data do 3 de abril de 2012 procedeuse á súa cancelación.

Segundo o exposto anteriormente, o permiso de investigación está fóra de vixencia e pendente de resolverse a súa caducidade, polo que non se pode solicitar un pase a concesión sobre el, que puidese dar lugar a unha futura explotación de lousa. Por outra banda, a solicitude de pase a concesión Bety II n° 4590.1.1 está cancelada e, en calquera caso, só se encontraría afectada pola vía de comunicación entre as infraestruturas eólicas. De todo o anterior dedúcese que ambos aproveitamentos serían compatibles.

• Concesión de explotación Calzada nº 4288, permiso de investigación Ampliación Calzada nº 4884.1 e permiso de investigación Ampliación Calzada nº 4884.2.

A concesión de explotación Calzada nº 4288, da que é titular Pizarras Gallegas, S.A., está afectada pola infraestrutura do parque eólico exclusivamente no concernente ás vías de comunicación ou acceso que, en todo caso, son públicas.

O permiso de investigación Ampliación Calzada nº 4844.1, outorgado a Pizarras Gallegas, S.A., foi prorrogado e encóntrase no seu quinto ano de vixencia. Durante estes anos realizáronse labores de investigación consistentes en recompilación de datos, traballos de campo e de gabinete. Segundo o proxecto presentado para a obtención da prórroga do permiso e o último plan de labores presentado para o ano en curso, a capa de lousa explotable que daría continuidade á explotación soterrada da mina Calzada encóntrase tanto ao SE como ao NO e presenta unha orientación así definida, e deste xeito se reflicte nas sondaxes realizadas para a comprobación destes aspectos. Na zona onde se están a situar os dous aeroxeradores que afectarían este permiso non está demostrada a existencia en profundidade desta capa ou, en calquera caso, a súa futura explotabilidade.

O permiso de investigación Ampliación Calzada nº 4844.2, outorgado tamén a Pizarras Gallegas, S.A., está afectado pola infraestrutura do parque consistente nas vías de comunicación ou acceso e, dado que estas xa existen e son públicas, serán respectadas por os ambos aproveitamentos. En calquera caso, posiblemente neste permiso se busca a continuidade da capa de lousa explotable en profundidade, para continuar coa explotación de Calzada.

• Concesión de explotación San Vicente núm. 4327.

A concesión de explotación San Vicente núm. 4327, da cal é titular a empresa Canteras Vilamartín, S.L. (Cavima), foi notificada da afección do parque eólico ao dereito mineiro con data do 29 de agosto de 2012. A sociedade titular da concesión de explotación non presenta alegacións, do que se deduce a compatibilidade entre ambos os aproveitamentos.

• Permiso de investigación Mónica núm. 4843.

Este permiso de investigación foi outorgado a favor da entidade Industrias de Rocas Ornamentales, S.A. (Irosa) por resolución desta delegación provincial con do 19 de setembro de 2007, e prorrogado con posterioridade. Notificada a afección do parque eólico ao dereito mineiro o 29 de agosto de 2012, a sociedade titular do permiso non presenta alegacións, polo que se deduce a compatibilidade entre ambos.

Por todo o exposto, o técnico que subscribe propón que se declare a compatibilidade de todos os dereitos mineiros anteriormente referenciados co parque eólico Cernego».

Con respecto ao permiso de investigación Betty II nº 4590, a Consellería de Economía e Industria declarou a súa caducidade mediante Resolución do 12 de xuño de 2013. Por outra banda, tal e como informou a xefatura territorial, o permiso de investigación Farelos nº 4636 atópase fóra de vixencia, restando unicamente a correspondente declaración de caducidade, e a solicitude de pase a concesión Bety II n° 4590.1.1 foi cancelada o 3.4.2012.

Polo tanto, non procede incluír ningún dos tres dereitos mineiros indicados no parágrafo anterior na declaración de compatibilidade co parque eólico.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, cómpre manifestar o seguinte:

– No que respecta ás alegacións presentadas pola Sociedade Galega de Historia Natural, considérase que foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 5.3.2013.

– No que atinxe ás alegacións presentadas polas comunidades de montes en man común de Río Farelo e San Vicente de Leira cómpre manifestar, en primeiro lugar, que o promotor, nas súas respostas, comunicou que tiña iniciado contactos coas ditas comunidades a fin de negociar a cesión dos terreos necesarios para a construción do parque eólico, sen que ata ese momento se alcanzasen acordos. Ao mesmo tempo, manifestou a súa vontade de continuar coas negociacións unha vez finalizado o trámite de información pública e, de ser o caso, durante un eventual procedemento expropiatorio.

No caso de que finalmente non se acadasen acordos entre o promotor e as ditas comunidades para establecer a favor do primeiro os dereitos de superficie necesarios, deberá instruírse o correspondente procedemento de compatibilidade ou prevalencia de acordo coas disposicións normativas que resulten de aplicación.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte acordo:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Cernego, localizado no concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e promovido por AV Cernego, S.L.U., cunha potencia de 21 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Cernego asinado polo enxeñeiro industrial José Carlos Rodríguez Vázquez, colexiado nº 1140 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: AV Cernego, S.L.U.

Domicilio social: rúa Faraday, 1, 2º dereita (polígono do Tambre), 15890 Santiago de Compostela.

Denominación: parque eólico Cernego.

Potencia instalada: 21 MW.

Concello afectado: Vilamartín de Valdeorras (Ourense).

Produción anual: 61.479 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 17.201.722,93 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

A

659.000

4.702.000

B

663.000

4.702.000

C

663.000

4.707.000

D

659.000

4.705.702,70

Coordenadas de localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

CERNEGO-01

662.027

4.706.428

CERNEGO-02

662.065

4.706.149

CERNEGO-03

662.128

4.705.858

CERNEGO-04

661.464

4.705.092

CERNEGO-05

661.372

4.704.425

CERNEGO-06

661.783

4.704.248

CERNEGO-07

661.457

4.703.750

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 7 aeroxeradores Vestas V112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de 94 m e cun diámetro de rotor de 112 m.

– 7 centros de transformación, no interior de cada aeroxerador, de tipo seco encapsulado, de 3.350 kVA de potencia aparente unitaria e relación de transformación 0,65/30 kV, cos seus correspondentes instrumentos de seccionamento, manobra e protección.

– Interconexión dos aeroxeradores con 2 circuítos eléctricos subterráneos independentes entre si, condutor R.H.Z.1 1×240/1×95 mm2, segundo o caso, a 30 kV, enlazados coa subestación de transformación proxectada.

– Subestación 132/30 kV, instalada en intemperie na parte de 132 kV, dotada dunha posición de liña e outra de transformación, con transformador 30/25 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal e relación de transformación 132/30 kV, e transformador para servizos auxiliares de 100 kVA de potencia nominal e relación de transformación 30.000/420/242 V, coas súas correspondentes celas de protección e medida, de que partirá a liña de interconexión co sistema eléctrico xeral.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Cuarto. Declarar a compatibilidade do parque eólico Cernego coas concesións de explotación Calzada nº 4288, San Vicente nº 4327 e Farelos nº 4636.1, e cos permisos de investigación Mónica nº 4843, Ampliación Calzada, 1ª fracción nº 4844.1 e Ampliación Calzada, 2ª Fracción núm. 4844.2.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, AV Cernego, S.L.U. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 344.034,46 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que se aproba mediante esta resolución.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, AV Cernego, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 153.525 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolucion, un orzamento de 20.470.050 euros.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, AV Cernego, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver a recepción do sinal ás anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de nove meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 5.3.2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Ourense, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben que, intentada esta, non se puidese practicar.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.