Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Xoves, 19 de marzo de 2015 Páx. 11216

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 5 de marzo de 2015 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo vacantes nesta consellería.

De conformidade co establecido nos artigos 17.4 e 29.2 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dos postos de traballo que se detallan no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as que reúnan as condicións que para os postos de traballo se sinalan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), nos departamentos territoriais da Consellería de Facenda ou nas oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince (15) días contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentar coa petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia cotexada dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.

Os méritos alegados e non probados segundo se indica no parágrafo anterior non se terán en conta.

Quinto. No caso de resultar seleccionado para ocupar o posto de traballo persoal funcionario doutras administracións públicas, requirirase o informe favorable do órgano competente da súa administración de orixe, que se considerará neste sentido de non se emitir no prazo de quince (15) días, tal como dispón o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo. Unha vez autorizado o seu traslado a esta Administración procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado.

Sexto. A resolución desta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse, de considerarse oportuno, deserta.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles.

O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de persoal funcionario doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, segundo o establecido nos artigos 8 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2015

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I

Denominación: xefatura do Departamento de Análise da Información.

Código do posto: FC.A02.00.000.15770.060.

Nivel: 28.

Complemento específico: 13.698,72 €.

Subgrupo: A1-A2.

Corpo ou escala: A9.1/A9.4.

Tipo de adscrición: (AXG) adscrición exclusiva a persoal funcionario da Administración da Xunta de Galicia.

Centro directivo ou dependencia: Axencia Tributaria de Galicia.

Localidade: Santiago de Compostela.

Denominación: xefatura do Departamento de Auditoría e Calidade.

Código do posto: FC.A02.00.000.15770.055.

Nivel: 28.

Complemento específico: 13.698,72 €.

Subgrupo: A1-A2.

Corpo ou escala: A9.1/A9.4.

Tipo de adscrición: (AXG) adscrición exclusiva a persoal funcionario da Administración da Xunta de Galicia.

Centro directivo ou dependencia: Axencia Tributaria de Galicia.

Localidade: Santiago de Compostela.

missing image file