Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 18 de marzo de 2015 Páx. 10959

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de marzo de 2015 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Clínica Pardiñas.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Clínica Pardiñas con domicilio na rúa Real número 66, na Coruña.

Feitos:

1. Simón Pardiñas López, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Clínica Pardiñas foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 17 de xaneiro de 2014, ante o notario José Manuel Lois Puente, co número de protocolo 131, por José Serapio Pardiñas Arias, María Carmen López Prieto e Simón Pardiñas López que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a organización e desenvolvemento de actividades encamiñadas á divulgación do coñecemento no terreo da odontoloxía e estomatoloxía, así como á formación, especialmente práctica, dos alumnos que cursen estudos nas devanditas materias; e, ademais, a obtención de recursos e axudas para que os pacientes que dispoñan de medios escasos poidan recibir a prestación dos servizos odontolóxicos de maneira gratuíta ou reducida.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Simón Pardiñas López como presidente; José Serapio Pardiñas Arias como vicepresidente; e María Carmen López Prieto como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Clínica Pardiñas, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de febreiro de 2015.

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Clínica Pardiñas, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza