Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Luns, 16 de marzo de 2015 Páx. 10601

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 36/2015, do 26 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de traslado da pasarela peonil afectada polas obras na AC-552, AC-551 e DP-0509, no concello de Arteixo (clave AC/13/096.07). Convenio AXI-Concello de Arteixo.

Antecedentes de feito:

O pasado 19 de decembro de 2014 asinouse un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Arteixo para o traslado da pasarela peonil afectada polas obras de acondicionamento da conexión das estradas AC-552, AC-551 e DP-0509.

Posteriormente, o 31 de decembro de 2014, a Xunta de Goberno Local do Concello de Arteixo certifica o acordo do Pleno sobre a aprobación do proxecto de montaxe da pasarela peonil no Seixedo, segundo o estipulado na cláusula terceira do convenio de colaboración anteriormente mencionado.

Por este motivo, a Axencia Galega de Infraestruturas está a tramitar un decreto de utilidade pública cuxo proxecto ten por obxecto o traslado da pasarela peonil Agro, situada na rotonda do Seixedo, que foi retirada ao resultar afectada polas obras de acondicionamento da conexión das estradas antes mencionadas.

As obras recollidas no referenciado proxecto son necesarias para a montaxe dunha pasarela existente, gardada nun almacenamento temporal, nunha nova localización sobre a estrada AC-551, da cal, segundo o artigo 6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, constitúe un elemento funcional. Deste xeito restáurase a súa funcionalidade inicial.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Segundo o número 5 do artigo 22 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implica a declaración de utilidade pública, da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, os depósitos dos materiais sobrantes e os préstamos necesarios para executalas, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e da urxencia da ocupación. Todo isto para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de febreiro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de traslado da pasarela peonil afectada polas obras na AC-552, AC-551 e DP-0509, no concello de Arteixo (clave AC/13/096.07). Convenio AXI-Concello de Arteixo.

Santiago de Compostela, vinte e seis de febreiro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas