Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 9 de marzo de 2015 Páx. 9592

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 26 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se comunica ás entidades de carácter ambiental de Galicia o inicio do procedemento de nomeamento dos vogais titular e suplente representantes das asociacións ecoloxistas galegas no Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten previsto celebrar neste ano 2015 unha nova convocatoria do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, creado ao abeiro do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

A axeitada constitución dos órganos de goberno do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia determina a necesidade de renovar o nomeamento dos vogais membros do Pleno do Consello, entre os que se atopan un representante das asociacións ecoloxistas galegas, recollidas no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental de Galicia, creado polo Decreto 226/2007, do 22 de novembro.

Polo exposto, segundo o previsto no artigo 8.7 do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Galego de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, emprazanse as asociacións ecoloxistas galegas que se atopan recollidas no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental de Galicia a propoñer, logo de acordo entre elas, o nomeamento do vogal que os represente no Pleno do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, e do seu suplente.

Infórmase que, de quereren participar nesta convocatoria, deberán facer efectivo este acordo con anterioridade ao 20 de marzo de 2015. En defecto do acordo, transcorrido o prazo establecido, procederase segundo o establecido no citado regulamento.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2015

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza