Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 4 de marzo de 2015 Páx. 8896

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 19 de febreiro de 2015 pola que se aproba o Plan de xestión da pesca fluvial do couto de pesca de Parga.

De conformidade co disposto no artigo 68 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, do 14 de maio, o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo iniciou o expediente de aprobación do Plan de xestión da pesca fluvial do couto de Parga nos ríos Parga e Ladroíl, ao seu paso polo concello de Guitiriz en Lugo.

O Plan de xestión da pesca fluvial do couto de Parga nos ríos Parga e Ladroíl foi sometido a participación pública mediante Resolución da Xefatura Territorial de Lugo do 24 de outubro de 2014, durante un prazo de 20 días, anunciado no DOG nº 232, do 3 de decembro de 2014.

No prazo de participación pública non se recibiron alegacións.

Na tramitación do Plan de xestión da pesca fluvial do couto de Parga foron oídos o Comité Provincial de Pesca Fluvial de Lugo e o Comité Galego de Pesca Fluvial. Ambos os comités emitiron informes favorables sobre a aprobación do plan.

A tramitación do expediente de aprobación do Plan de xestión da pesca fluvial do couto de Parga axustouse ao establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e ao Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Con suxeición ao establecido no artigo 68 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é o órgano competente para a aprobación dos plans de xestión de recursos piscícolas.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan de xestión da pesca fluvial

Apróbase o Plan de xestión da pesca fluvial do couto de Parga.

Disposición adicional única

O contido íntegro deste plan poderá consultarse nas dependencias da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, sitas en San Lázaro, s/n, en Santiago de Compostela, así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: http://www.cmati.xunta.es/ na parte de pesca fluvial.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas