Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Mércores, 18 de febreiro de 2015 Páx. 6824

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 6 de febreiro de 2015 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, dos montes Pena Cavada e Marola (tamén denominado Marola Grande) e Penafesa (concello de Monfero, A Coruña).

Antecedentes:

1. Os montes Pena Cavada e Marola (tamén denominado Marola Grande) e Penafesa inscribíronse no Catálogo de montes de utilidade pública da provincia da Coruña (CUP) cos números 339-D e 339-E, respectivamente. O catálogo asigna a súa pertenza á parroquia de San Fiz de Monfero.

2. O CUP atribúelle ao monte Pena Cavada e Marola unha superficie de 1.200 ha. Non obstante, o monte non foi deslindado e segundo a planimetría do Servizo de Montes da Coruña na actualidade a súa cabida real é de 135,00 ha.

3. Así mesmo, o CUP atribúelle ao monte Penafesa unha superficie de 450 ha. Non obstante, o monte non foi deslindado e segundo a planimetría do Servizo de Montes da Coruña a súa cabida real é de 87,02 ha.

4. Nunha sesión que tivo lugar o día 20 de decembro de 2012 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña resolveu clasificar como montes veciñais en man común os montes Penafesa e Marola de San Fiz de Monfero en favor das comunidades veciñais dos lugares de Dialcabo, As Seixas, O Valcovo, Guitiriz, A Pila da Leña, A Bouza Maior e Montelongo, da parroquia de San Fiz de Monfero. A esta resolución, que é firme en vía administrativa, déuselle publicidade por medio dun edicto que se publicou no DOG do 28 de xaneiro de 2013.

5. De acordo cos planos que constan no expediente de clasificación e os do Servizo de Montes da Coruña unha superficie de 124,70 ha do monte de utilidade pública (MUP) Pena Cavada e Marola e as 87,02 ha do monte Penafesa están incluídas no perímetro dos montes veciñais en man común Penafesa e Marola de San Fiz de Monfero. As 10,30 ha restantes do monte Pena Cavada e Marola están situadas no lindeiro nororiental do monte e non forman un único couto redondo, senón que están fragmentadas en catro parcelas independentes de pequeno tamaño.

6. O día 12 de abril de 2013 o Servizo de Montes da Coruña notificou un trámite de audiencia ao Concello de Monfero (titular dos montes), en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo transcorreu sen que se presentasen reclamacións ou alegacións.

7. O día 9 de maio de 2013 o Servizo de Montes da Coruña emitiu un informe-proposta de descatalogación destes dous montes de utilidade pública, por terse declarado de propiedade veciñal en man común a totalidade do monte Penafesa e a maior parte do Pena Cavada e Marola, e por ter desaparecido na superficie restante as causas que motivaron a súa declaración.

8. O día 23 de decembro de 2014 o secretario xeral de Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta do Servizo de Montes da Coruña, propuxo a declaración da perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do catálogo de montes de utilidade pública dos montes Pena Cavada e Marola, tamén denominado Marola Grande (nº 339-D) e Penafesa (nº 339-E), situados no concello de Monfero (A Coruña).

9. O día 26 de xaneiro de 2015 a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre esta orde.

Consideracións legais e técnicas:

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública e a levanza deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a dar traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

3. De acordo co artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, a resolución firme de clasificación dun MVMC produce, entre outros, o efecto de servir de título para excluílo do CUP.

Procede excluír ambos os dous montes do Catálogo de utilidade pública da provincia da Coruña, por terse declarado de propiedade veciñal en man común a totalidade do monte Penafesa de San Fiz de Monfero e a maior parte do Pena Cavada e Marola, e por ter desaparecido na superficie restante deste último as causas que motivaron a súa declaración, debido ao seu pequeno tamaño e á dispersión que presenta na actualidade.

4. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte, ou parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

5. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte, ou de parte deste, do Catálogo de montes de utilidade pública á consellaría competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública dos montes Pena Cavada e Marola, tamén denominado Marola Grande (nº 339-D) e Penafesa (nº 339-E) situados no concello de Monfero (A Coruña), e que inclúen as superficies que se relacionan a seguir:

– 124,70 ha do monte Pena Cavada e Marola e 87,02 ha do monte Penafesa por clasificación do MVMC Penafesa e Marola de San Fiz de Monfero.

– 10,30 ha do monte Pena Cavada e Marola por perder as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición, con carácter potestativo, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar