Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Martes, 17 de febreiro de 2015 Páx. 6671

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 6 de febreiro de 2015 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Boqueixón.

Con data do 19.1.2015 ten entrada na Xunta de Galicia o documento do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Boqueixón, redactado por Estudio Técnico Gallego, S.A., con dilixencia de aprobación provisional do 14.1.2015, solicitando a súa aprobación definitiva, de acordo co disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Boqueixón e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Mediante Orde do 15 de decembro de 2014, esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas acordou, de conformidade co artigo 85.7.b) da LOUG, non outorgar a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Boqueixón, instando á elaboración dos documentos corrixidos precisos para emendar as deficiencias sinaladas na epígrafe II desa orde e a elevalos, logo dos trámites oportunos, a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

I.2. En cumprimento da devandita orde, o Concello de Boqueixón introduciu as modificacións correspondentes, elaborando un documento refundido do PXOM.

I.3. O Concello de Boqueixón adoptou acordo de aprobación provisional dese documento do PXOM, en sesión plenaria do día 9 de xaneiro de 2015.

II. Análise e consideracións.

Analizado o expediente administrativo e os documentos que integran o Plan xeral de ordenación municipal, púidose comprobar que se corrixiron as deficiencias sinaladas na orde emitida por esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con data do 15 de decembro de 2014.

Porén, observouse un erro na delimitación do núcleo rural da Pena (09.09) da parroquia de Loureda (San Pedro), que inclúe ao leste unha parcela non edificada, situada sobre o leito do rego de Quintás, e á cal lle corresponde a clasificación de solo rústico de protección de augas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Boqueixón, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2. A parcela non edificada incluída ao leste da delimitación do núcleo rural da Pena (09.09), parroquia de Loureda (San Pedro), situada sobre o leito do rego de Quintás, clasifícase como solo rústico de protección de augas.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Boqueixón, 6 de febreiro de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas