Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Luns, 16 de febreiro de 2015 Páx. 6660

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2015 pola que se ordena a publicación do alleamento, mediante procedemento de poxa pública á alza, do inmoble de natureza patrimonial denominado Antigo Hospital Provincial situado en Galeras-Entrerríos, na cidade de Santiago de Compostela (A Coruña).

A USC acorda a realización dunha poxa pública á alza, con presentación de ofertas en sobre pechado, cuxo prego de condicións xerais poderá ser examinado na Sección de Patrimonio da USC.

Descrición: predio de 3.666 m2 que alberga un edificio denominado Antigo Hospital Provincial, edificio de seis andares cunha superficie construída de 14.530 m2, cun aproveitamento urbanístico de 11.800 m2.

É propiedade de pleno dominio da USC por compra á Tesouraría Xeral da Seguridade Social con motivo da reparcelación realizada a través da ordenación especial OE-5 de Galeras.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade nº 2 da cidade de Santiago de Compostela con data do 12 de maio de 2003, predio número 37575, libro 439, tomo 1397, folio 164, sección 2ª, coa seguinte descrición: parcela de forma rectangular denominada AS-G sobre a cal se edificou o denominado Hospital Provincial.

Referencia catastral: 7081201NH3478A0001EE.

Condicións urbanísticas: as que derivan do Plan xeral de ordenación orbana (PXOU) e do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para a creación da ordenanza especial OE-5. Posúe a seguinte cualificación: solo urbano, equipamento de carácter privado. No edificio autorízanse os usos residencial-comunitario, asistencial e sanitario e, de maneira complementaria, admítese o uso hoteleiro, coa posibilidade de que se produza unha ampliación de usos terciarios, con base no establecido no protocolo asinado entre o Concello de Santiago de Compostela e a USC.

Ponse en coñecemento dos posibles interesados que o predio antes descrito se atopa libre de cargas.

Tipo de licitación e fianza:

Valor de taxación: 7.600.000 €, IVE e calquera outro tributo non incluídos.

Fianza do 5 % do valor de taxación: 380.000 €.

Para tomar parte na poxa será requisito indispensable consignar esta cantidade ante a mesa da poxa. A garantía poderase constituír por calquera das modalidades previstas no artigo 96 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto 3/2011, do 14 de novembro. No caso de constituírse en metálico, deberase acreditar que foi depositada na Tesouraría da USC ou na Caixa Xeral de Depósitos ou órgano autonómico equivalente, e sempre antes de que remate o prazo de presentación de ofertas.

As ofertas, en sobre pechado, poderán presentarse en calquera dos rexistros xerais da USC: Rexistro Xeral, Praza do Obradoiro, s/n, 15782, Santiago de Compostela ou no Rexistro Xeral, Edificio Servizos Administrativos-Biblioteca Intercentros, Polígono de Fingoi, s/n, 27002, Lugo.

O prazo de presentación das ofertas será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Boletín Oficial del Estado (BOE), de acordo co previsto no prego de condicións.

A apertura das ofertas e a celebración da poxa terá lugar na sala de xuntas da Casa da Balconada, situada na Rúa Nova, 6, en Santiago de Compostela, ás 12.00 horas, 10 días hábiles despois da finalización do prazo de presentación de ofertas.

Serán por conta dos adxudicatarios os gastos de formalización do alleamento e demais impostos que correspondan.

O prego de condicións que rexerá esta poxa pode ser consultado polos interesados no Servizo de Xestión Económica da USC, Sección de Patrimonio, situado na Rúa Nova, 6, en Santiago de Compostela, ou ben na páxina web de la USC:

http://www.usc.es/gl/servizos/sxe/patrimonio/index.html

Todas as incidencias que se presenten serán resoltas segundo o establecido na Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas e o seu regulamento de desenvolvemento e na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e o seu regulamento de desenvolvemento.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2015

Por delegación (Resolución do 1 de agosto de 2011, DOG do 18 de agosto)
José Manuel Villanueva Prieto
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela